Unha sentenza en Pontevedra declara ilegais os sinais de tráfico en galego

Sinal de tráfico en Pontevedra © pontevedra.eu

Os sinais de tráfico en galego son ilegais. Así se tira dunha sentenza firme do Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, que lle deu a razón a un veciño da cidade logo de que recorrese unha multa por aparcar nunha zona de carga e descarga que implicou tamén o traslado do seu vehículo nun guindastre e unha sanción de cen euros. O demandante alegou que a sinalización era "incorrecta" porque o panel vertical que prohibía o estacionamento e indicaba o horario de aparcadoiro estaba só en galego "e non en ambas as dúas linguas cooficiais", tal e como adiantou La Voz de Galicia.

A sentenza é de 2010, malia que se fixo pública agora, e é un dos tres únicos casos que se deron desde tipo na cidade pontevedresa, que conta con estes sinais desde o ano 1999. De feito, o demandante é coñecido na administración local polas continuas reclamacións en relación co idioma que envía ao Concello, tal e como aclaran fontes do consistorio.

O demandante alegou que a sinalización era "incorrecta" ao non estar tamén en castelán

O veciño alegou que o idioma do sinal impediulle "ter un coñecemento exacto das condicións en que estaba restrinxido o estacionamento na zona indicada" e engadiu que a lexislación de tráfico (o artigo 138) aclara que "as indicacións escritas que se inclúa ou acompañen aos paneis de sinalización das vías públicas e inscricións figurarán en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma".

O Concello alegou que o demandante leva anos vivindo e traballando en Galicia, pero a xuíza deu a razón ao denunciante

As alegacións do Concello non serviron de nada, malia insistir en que o demandante leva anos vivindo en Galicia e que traballou nos xulgados da cidade, polo que "necesariamente ten que comprender a lingua galega". Segundo a administración local, o hipotético descoñecemento da prohibición do sinal que argumenta o veciño non sería tal. Incluso o consistorio achegou textos aparecidos no DOG que seríann expedidos polo demandante e que só estaban en galego.

O Concello entende que non é un problema de comprensión, senón "un problema ideolóxico"

O concelleiro de de Ordenación do Territorio, César Mosquera, xa aclarou que no caso de que exista algún problema de comprensión nalgún sinal de tráfico "faranse reaxustes", pero deixou claro tamén que "non se vai deixar de usar o galego nin se farán reaxustes no idioma". Desde o Concello entenden que non é un problema de incomprensión, senón "un problema ideolóxico". "Recibimos con orgullo este ditame se é por usar a lingua propia", engaden.

A maxistrada chega a recoñecer que "resulta de difícil credibilidade para calquera castelanfalante medio que leve residindo en Galicia certo tempo a versión dos feitos sobre a que o recorrente apoiou [...] as súas alegacións", pero acaba dándolle a razón. . No entanto, dálle a razón e insiste en que a Administración municipal debe "asegurar cunha correcta sinalización a perfecta comprensión polos usuarios da vía". Xa que logo, a sentenza aclara que o feito de que as restricións de estacionamento tan só estivesen en castelán impediu que o demandante coñecese exactamente as horas nas que o aparcadoiro estaba restrinxido.

A xuíza recoñece que é "dificilmente crible" que o demandante non entendese o sinal

Non é a primeira vez que un condutor gaña o recurso a unha multa alegando á sinalización exclusiva en galego. Denunciouno o PP e confirmárono varios condutores, que aseguran que presentaron alegacións que lles permitiron esquivar a sanción argumentando que non entenden os letreiros que acompañan os sinais de tráfico.

A Mesa asegura que a sentenza "non marca xurisprudencia" porque "hai outros ditames no sentido contrario"

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, asegura que a sentenza "non marca xurisprudencia" porque "hai outros ditames no sentido contrario". Así, sinala que naqueles ámbitos no que a competencia é local ou autonómica, a lexislación permite que os sinais "estean só en galego" porque tamén é obriga dos poderes públicos "promocionar a lingua propia.

"O problema non é de falta de comprensión, senón dunha persoa que intenta evitar unha multa de tráfico desprezando o noso idioma. O máis grave é que a xuíza lle dea a razón e que a sentenza confirme que os galegofalantes non temos os mesmos dereitos", asegura, tras aclarar que os únicos termos que hipoteticamente non comprendería o demandante serían as palabras "agás" e "servizo", máis aínda cando "o símbolo de prohibido aparcar é único e internacional".

Sinal de tráfico en Pontevedra © pontevedra.eu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.