Efectivamente, había recortes. Na primavera de 2012 Unicef, a axencia da ONU para a infancia, publicaba un duro informe no que censuraba o xeito en que os recortes estaban a afectar á vida das nenas e nenos. Aquel documento detíñase en aspectos concretos da xestión das comunidades autónomas e censuraba, nomeadamente, que a Xunta decidise eliminar o sistema de préstamo de libros de texto e substituílo por unhas axudas parciais que obrigan as familias a volver poñer cartos do seu peto. Case tres anos despois a entidade ofrece unha nova análise, desta volta máis centrada no ámbito orzamentario e, no caso galego, constata que en apenas media década o investimento en políticas para a infancia perderon case 600 millóns de euros, o 20% da dúa dotación.
No estudo La infancia en los presupuestos, elaborado polo Centro de Estudios Económicos Tomillo, Unicef salienta que a crise económico non fixo máis que "empeorar" unha realidade, a do Estado español, "caracterizada tradicionalmente por taxas de pobreza e desigualdade na infancia moi elevadas e claramente superiores ás do resto da poboación" e "por un investimento de recursos públicos nestamente inferior á do promedio dos países da contorna". A esta factor, resalta, únese "unha capacidade moi limitada das prestacións sociais para reducir a pobreza infantil". Neste contexto, as "medidas de austeridade" representan, para os autores do documento, "barreiras significativas para o exerccio dos dereitos humanos".
Entre 2010 e 2013 Galicia perdeu un 20% do seu orzamento para a poboación infantil, segundo o estudo
En termos de investimento total no ano 2013 Galicia era, con 2.069,5 millóns de euros, a sétima autonomía en recursos económicos totais destinados á infancia e a cuarta en investimento por neno ou nena, con 5.077 euros ao ano que a situaban só por tras de Asturias (5.900), Castilla y León (6.300) e Euskadi, con algo máis de 7.700. Malia atoparse nunha boa posición relativamente favorable, Unicef bota a vista atrás para fixarse en outros dous orzamentos: os de 2007, que en Galicia foron os penúltimos do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, e os de 2010, os primeiros elaborados polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo.
Ollando con esta perspectiva o estudo permite concluír que Galicia é, entre "as comunidades autónomas que máis investían en infancia en 2007", das que "máis reduciron o seu investimento ao longo destes seis anos", un grupo de autonomías no que tamén se atopan Catalunya, Castilla-La Mancha e La Rioja. Mentres, outras como as devanditas Euskadi, Castilla y León e Asturias, pero tamén Extremadura e Aragón, eran daquela "as que máis investían" e, despois de máis de media década de crise, son tamén as que "menos reduciron o seu investimento".
O recorte, por áreas
Así e todo, no caso galego a caída non se produce dende o inicio da crise. Así, Unicef calcula que entre 2007 e 2013 as políticas de infancia no país perderon un 16% da súa dotación, porcentaxe que sobe ata o 20% se o período analizado é o comprendido entre 2010 e 2013. Así, os fondos dispoñibles en 2007 -procedentes maioritariamente da Xunta, aínda que no estudo se computan tamén os cartos da Administración Xeral do Estado- eran 2.469,13 millóns de euros e tres anos despois, en 2010, a cantidade era de 2.659,4 millóns. O montante de 2013, pola contra, baixou ata 2.069 millóns, polo que cabe concluír unha tesoirada deses case 600 millóns de euros.
Os fondos para educación descenderon case un 20% e os de benestar social sufriron un recorte superior ao 60%
No que atinxe ás diferentes áreas na contorna do recorte medio atópase o orzamento educativo, que entre 2010 e 2014 perdeu case un 20%, pasando de 1.857 a 1.501 millóns de euros, segundo o estudo. Por baixo da media está a mingua dos fondos dispoñibles para a saúde infanitl, cunha baixada do 13% que implica pasar de 494 a 427 millóns. Por riba de todos os promedios está o decrecemento da área dedicada a benestar social, servizos sociais, menores e familia, que en Galicia pasou de 280 a 105 millóns de euros, isto é, perdeu máis de seis de cada dez euros. Na banda contraria están os cartos da Seguridade Social e outras prestacións, que como acontece no caso da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga), medrou durante a crise. Neste caso, o crecemento é do 23%, de 27 a 34 millóns.
Neste contexto de contracción orzamentaria Unicef chama á reflexión das institucións públicas para atender o conxunto da poboación infantil, especialmente aquela que se atopa "en situación de pobreza e vulnerabilidade". "Nunca como agora -sinalan- foi máis urxente a necesidade de ampliar a marxe de manobra fiscal das políticas públicas para poder realizar investimentos que xeren unha recuperación económica e social e garantan o desenvolvemento sostible a nivel global", conclúen.