Unidade sindical para demandarlle ao SERGAS a recuperación dos empregos destruídos

Rolda de prensa conxunta ofrecida esta mañá polos sindicatos © CIG

CIG, CC.OO., UGT, CSI-F, CESM, SAE, Satse e O'Mega mobilizaranse de forma unitaria nos vindeiros días en demanda de máis persoal para a sanidade pública galega, denunciando a saturación que sofren os e as profesionais, a precariedade do persoal eventual e a "privatización encuberta" que -din- se está a producir. Os oito sindicatos levarán a cabo concentracións este xoves en todos os hospitais galegos. De igual xeito, convocan unha manifestación para o xoves seguinte, día 10, ás 11 horas, que partirá do edificio do SERGAS e que rematará ante a sede do Goberno galego en San Caetano, coincidindo coa xuntanza do Consello da Xunta.

Cualifican de "insuficiente" a oferta de emprego público convocada para este ano, un total de 818 novas prazas, incapaz de compensar os postos de traballo perdidos dende o inicio dos recortes, ao redor de tres mil

As centrais sindicais cualifican de "insuficiente" a oferta de emprego público convocada para este ano, un total de 818 novas prazas, incapaz de compensar os postos de traballo perdidos dende o inicio dos recortes, ao redor de tres mil, correspondentes a persoal que se xubilou e cuxas prazas, por mor da taxa máxima de reposición do 10%, non se cubriron. Dende o 2011 perdéronse un total de 761 prazas de médicos/as, 514 de enfermeiros/as ou 547 de auxiliares de enfermaría. Un proceso que, para a CIG, constitúe "unha ferramenta perfecta que utiliza o PP para seguir no camiño da privatización da sanidade pública".

Os sindicatos demandan unha oferta pública de emprego para todas as categorías co 100% das prazas vacantes desde 2009 e a negociación dunha Orde de Vínculos que obrigue ao SERGAS a contratar pola causa que motiva a contratación. E chamaron a atención sobre "a proliferación de seguros sanitarios privados, que se benefician precisamente das deficiencias do sistema público".

"O goberno do PP, está a facer todo o posible para reducir este capital humano á mínima expresión, eliminando ano tras ano, postos de traballo na sanidade pública”

"Para ter uns servizos públicos de calidade, precísase persoal cualificado e suficiente" -destacaron- "Porén, o goberno do PP, está a facer todo o posible para reducir este capital humano á mínima expresión, eliminando ano tras ano, postos de traballo na sanidade pública”. "Galicia está gastando unha importante cantidade de cartos para formar a profesionais que logo acaban emigrando por falta de emprego ou por mor dunhas condicións laborais absolutamente precarias", denunciaron.

Esta falta de persoal sanitario está a provocar unha merma no servizo ofrecido á cidadanía e, ademais, unha crecente saturación para os profesionais. "A garantía dunha axeitada asistencia sanitaria só descansa na responsabilidade dos profesionais sanitarios e do seu sobresforzo continuado. Sobresforzos físicos e mentais que están obrigados a facer para tratar de compensar a falta de persoal existente e que están a constituír un risco para a súa propia saúde", sinalaba hai días a Comisión de Centro do CHUAC coruñés.

As carencias están sendo cubertas (cando se fai) con substitucións de escasa duración. En 2014, denuncia a CIG, o SERGAS realizou 100.000 contratos por días. Nas listas de contratación da Consellería están inscritas máis de 36 mil persoas, profesionais sen praza fixa, que deben ir encadeando substitucións, sumando en moitos casos moi poucos días de traballo (e de salario) ao ano. "Todo o que se contrata é en precario. En vez de crear prazas interinas, fanse contratos de 15 días a persoas que aos seis meses son substituídas porque por lei non podes acumular tantos concretos", critica María Xosé Abuín.

A partida de persoal baixou un 21% desde 2009. Sitúa a Galicia no penúltimo lugar do Estado, superando unicamente a Cataluña

A partida de persoal no SERGAS representa o 34,5% do gasto sanitario, unha proporción que vén ser un 24,5% inferior á media estatal, segundo un recente informe da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que sitúa a Galicia no penúltimo lugar do Estado, superando unicamente a Cataluña. O ano pasado Galicia foi, ademais, a comunidade autónoma que máis recortou no capítulo de persoal, un 30,67% fronte a unha media do 7,9% do Estado. En total, a partida de persoal baixou un 21% desde 2009: pasou do 43,15% do total do gasto sanitario ao xa referido 34,5% neste ano.

Rolda de prensa conxunta ofrecida esta mañá polos sindicatos © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.