Universidades e alumnado rexeitan a fusión de títulos que propón a Xunta

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

O deseño do sistema universitario galego para os vindeiros anos está a vivir un dos seus debates máis profundos dos últimos tempos. A proposta realizada pola Xunta para reorganizar, suprimir e fusionar graos a partir do curso 2015-16, co obxectivo de evitar titulacións duplicadas nas tres universidades, sobre todo as que contan cun menor número de alumnos e alumnas, atopou polo momento un rexeitamento frontal nos equipos de goberno de USC, UDC e Uvigo. Este venres as universidades e a Consellaría de Educación manterán unha xuntanza para analizar polo miúdo o plan e tentar achegar as súas posicións, moi afastadas neste momento.

A resposta da USC, que celebrará eleccións a reitor en 2014, con todo, foi máis tallante e o propio claustro da institución aprobou "non valorar" a proposta, advertindo que o plan supón unha inxerencia na autonomía universitaria

Dende as tres institucións barállanse propostas alternativas á radical reforma proposta pola Xunta: dende a docencia semipresencial, un número máis reducido de fusións ou modificar a forma en que se contabilizan os alumnos, agrupando algunhas titulacións con módulos comúns como se fosen un único grao. A resposta da USC, que celebrará eleccións a reitor en 2014, con todo, foi máis tallante e o propio claustro da institución aprobou "non valorar" a proposta, advertindo que o plan supón unha inxerencia na autonomía universitaria. 

 

Protesta en Filoloxía

Este mércores celebrouse unha concentración "contra a Supresión de Graos"

Tamén se manifestaron en contra da proposta as alumnas e alumnos que se poderían ver máis directamente afectadas. De feito, este mércores celebrouse unha concentración "contra a Supresión de Graos". A Asemblea de Filoloxía, nun texto feito público este martes, denuncia que a esixencia dun número mínimo de estudantes en cada titulación (50) "repercutirá de forma significativa, xa que se verán afectados o Grao en Lingua e Literatura Galegas e o Grao en Filoloxía Clásica". Sinalan que a USC é a única universidade na que se oferta o grao de Filoloxía Clásica, "polo que no caso de ser suprimida, aquelas estudantes que queiran realizar estes estudos veranse obrigadas a desprazarse ao exterior".

En canto ao Grao en Lingua e Literatura Galegas na USC, destacan que "esta titulación é a única dentro do SUG que aínda non se viu forzada á fusión co estudo doutras linguas e literaturas para asegurar o seu mantemento, coma no caso das ofertas existentes na Universidade de Vigo e na Universidade da Coruña". Salientan así mesmo que este caso "ten especial relevancia se temos en consideración a situación da lingua e cultura propias". A Asemblea de Filoloxía esixe a derrogación do Decreto 222/2011, e a non aplicación do plan de viabilidade presentado pola Xunta, e demanda un posicionamento firme neste senso do equipo decanal da facultade e do profesorado.

 

Fusións, supresións e graos interuniversitarios

A Xunta propón unha ducia de graos interuniversitarios. Estes graos interuniversitarios poderían implantarse, na proposta do Goberno galego, nalgunhas enxeñarías e tamén en graos de Filoloxía

Os puntos máis polémicos do plan presentado pola Xunta teñen a súa base no artigo 6 do devandito Decreto 222/2011, que fixa un número mínimo de estudantes de novo ingreso "de 50, nos campus da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e de 45 nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra". Para superar ese mínimo e evitar carreiras duplicadas ou triplicadas en Galicia, a Xunta propón unha ducia de graos interuniversitarios. Estes graos interuniversitarios poderían implantarse, na proposta do Goberno galego, nalgunhas enxeñarías e tamén en graos de Filoloxía. 

Iso si, o decreto foi modificado este ano para que aquelas carreiras que teñan cando menos noventa créditos coincidentes e comparten organización docente poidan sumar o seu alumnado de novo ingreso, unha situación na que se atopan, por exemplo, algunhas filoloxías. Mesmo así, son moitos os graos que na actualidade non chegan a esas cifras. Por exemplo, en Ferrol: Enxeñaría Mecánica, Documentación, Humanidades e Enxeñaría Naval; na Coruña: Estudos Lingüísticos, Galego e Portugués e Enxeñaría Civil. En Compostela: Filoloxía Clásica, Filosofía, Lingua e Literatura Galegas ou Xeografía. En Lugo: Difusión Cultural, Enxeñaría Agrícola, Enxeñaría Civil, Industrias Agroalimentarias, Xeomática, Enxeñaría Forestal, Procesos Químicos e Lingua e Literatura Españolas. En Vigo: Educación Infantil e Recursos Mineiros. En Pontevedra: Dirección e Xestión Pública e Enxeñaría Forestal. E en Ourense: Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Enxeñaría Agraria ou Xeografía e Historia.

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.