Uns 120.000 galegos viven na pobreza extrema

Manifestación contra a pobreza CC-BY Carlos Capote

Unhas 650.000 persoas en situación de exclusión social en Galicia e 120.000 delas en pobreza severa. Eses son algúns dos demoledores datos dun novo informe de Cáritas Interparroquial de Santiago (Na procura de alternativas II), que fai referencia ás graves consecuencias que está a provocar a crise económica e o avance "intolerable" do desemprego no país.

"O desemprego xera exclusión social", recordan desde Cáritas

Tal e como aclara Miguel Fernández, un dos responsables da agrupación compostelá, o perfil destas persoas con importantes dificultades é o de xente que reside en albergues, infravivendas ou na rúa, pero tamén o de persoas maiores que cobran pensións moi baixas. "O desemprego xera exclusión social", recordou, tras reclamar ás diferentes administraciósn que se "comprometan" na loita contra este grave problema. Así, recomendou que se aborden iniciativas que permitan á poboacións uns ingresos mínimos, ben sexa mediante prestacións por desemprego ou a través de rendas de inserción.

De feito, Fernández destaca que o aumento do paro e a exclusión vai aparellado a unha importante diminución dos recursos que os gobernos autonómicos ou estatais destinan a actuar con estes colectivos en risco para paliar os seus problemas económicos. En concreto, sitúa entre un cuarto e un terzo menos a redución de fondos nos últimos anos.

Cada vez máis homes galegos e menores de 35 anos acoden a Cáritas solicitando axuda

Dese Cáritas Interparroquial repárase tamén no cambio de perfil das persoas que acoden a programas da súa organización. Malia que as mulleres inmigrantes ou emigrantes retornadas de máis de 35 anos e con pouca formación ou experiencia laboral seguen sendo maioritarias, tamén hai cada vez máis homes atendidos por estes colectivos, ao igual que no caso de persoas galegas e menores de 35 anos.

Cáritas Interparroquial de Santiago rexistrou 342 novas persoas atendidas, con 3.421 intervencións e un total de 1.309 participantes; 104 ofertas de emprego directo; sete accións formativas con 104 beneficiarios, ademais de asesoramento. Fernández destacou as 112 insercións laborais "nun ano moi difícil", como foi 2012, ademais de valorar os modelos de intervención a través de itinerarios de integración sociolaboral. Así, o informe reclama punha aposta "urxente" pola formación, con programas que garantan uns "ingresos mínimos mensuais" ás familias, ademais de avanzar cara a outro modelo económico e produtivo.

O informe reclama as administracións que aposten por "uns ingresos mínimos mensuais" que eviten a exclusión social

Fernández tampouco se agocha á hora de censurar as políticas de austeridade, que "xeraron unha maior vulnerabilidade da sociedade española", e os recortes en servizos públicos de benestar social que "poden supor unha ruptura definitiva para as persoas máis pobres", a quen "se abandona á súa sorte" cando este tipo de accións "vulneran os dereitos sociais".

"Só podemos considerar o noso sistema como democrático se garantimos os dereitos sociais dos máis vulnerables", sinala unha das consideracións do texto, tras apuntar ademais "a exclusión ao dereito de atención sanitaria" ao colectivo inmigrante en situación irregular.

Cáritas Interparroquial de Santiago celebrará este vindeiro sábado 18 de maio, na Praza do Toural, a 20ª Xornada de Solidariedade cos Parados, a partir das 12 do mediodía. Será un acto de carácter "sinxelo" coa lectura dun manifesto e o posicionamento da entidade ante esta dura realidade.

Manifestación contra a pobreza CC-BY Carlos Capote

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.