O incremento decidido pola Xunta no importe do canon que Sogama cobra aos concellos polo tratamento do seu lixo vai camiño de consolidar unha nova rebelión local. Se non o fixo xa. Preto duns cen concellos galegos -practicamente todos os que non están gobernados polo PP- acordaron este luns unha estratexia conxunta para combater unha suba que suporá que os 296 municipios que envían os seus residuos á platan de Cerceda teñan que pagar un 34% máis pola factura da sociedade pública.
As ameazas viraron en accións logo dunha xuntanza á que asistiron unha morea de alcaldes que insisten en que deixarán de pagar o canon de Sogama se Feijóo non acepta dialogar cos concellos e insiste "na imposición" dunha medida "non dialogada", como lembra Severino Rodríguez, alcalde de Monforte e un dos voceiros desta unión de municipios. Os concellos, que até agora pagaban 61,5 euros por tonelada de refugallos tratada, pasarán a abonar 82,1, un incremento que repercutiría no 50% da factura que se remite aos fogares, xa que a outra metade do recibo refírese a outros conceptos. As alternativas para os rexedores son claras: ou asumen a suba, cos problemas que iso implica nunhas administracións locais con importantes limitacións orzamentarias, ou a cargan sobre os cidadáns, afogados pola crise económica.
Uns cen concellos deixarán de pagarlle a Sogama se Feijóo non negocia con eles unha alternativa á suba do canon
Na xuntanza os alcaldes acordaron, antes que nada, solicitar a dimisión do presidente de Sogama, Luís Lamas, polas súas declaracións contra os concellos. "É o presidente dunha empresa pública e débese aos intereses públicos non aos dun partido", lembra o rexedor monfortino. Ademais, da reunión saíron outros acordos: dirixirse á Fegamp para, a través dela, "solicitar unha reunión" co presidente da Xunta antes de que remate este mes. "Queremos dialogar e buscar unha solución, pero non aceptamos unha imposición sen diálogo; queremos falar porque isto aféctanos a todos e porque non hai nada no mundo que non se poida arranxar sen falar", asegura Rodríguez, que lembra que a suba da factura de Sogama "baséase nunha decisión do Goberno de Madrid que a Xunta acatou e aplaudiu para logo pasarlle a responsabilidade aos concellos". "As cousas non poden ser así", insiste.
No caso de que Feijóo non acceda a entrevistarse cos alcaldes, os municipios irán máis aló. Tal e como acordaron, levarán a cabo "unha concentración ou peche" na Xunta para amosar o seu rexeitamento á suba do canon e deixarán de pagar a factura de Sogama a partir do 1 de xaneiro. "E non hai fisura ningunha; todos chegamos a este acordo e é o que temos pensado facer", insiste o rexedor nacionalista de Monforte, ante algunha información que falaba dunha posible disensión entre alcaldes do PSOE. Socialistas, BNG, Terra Galega, CxG e Anova. Todos están a prol das medidas de presión.
Os municipios lembran que esta suba da factura do lixo únese ao incremento do IBI e do canon da auga ou á reforma local
A Xunta, ante a rebelión dos concellos, asegura que a suba suporá un euro máis ao mes para as familias nos casos máis extremos. Severino Rodríguez aclara, no entanto, que ese suposto euro "sumaríase á suba do IBE, do canon da auga, do IVE ou aos graves problemas que se derivarán da futura reforma local".
Aínda así, o rexedor de Monforte non quere ver neste rebelión local, que se une ás que xa xurdiron contra a reforma local e ou copago farmacéutico, como "unha fronte contra a Xunta". "O único que facemos é defender os veciños, que son os que teñen os problemas", explica, tras aclarar que, ao contrario que noutras rebelións muncipais, neste caso non hai ningún alcalde do PP. "Se esta decisión sobre Sogama a tomara outro goberno diferente ao do Partido Popular, que farían os seus alcaldes? Esa é a resposta que ninguén responde e a que debe dar", insiste Rodríguez, que destaca o "silencio absoluto e a obediencia total" dos rexedores da dereita.