Varias plataformas denuncian en Bruxelas os "ataques medioambientais" en Galicia

Lídia Senra, xunto aos representantes das diferentes plataformas, en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

Varias comarcas galegas denunciaron ante a UE os “ataques medioambientais” que moita da súa veciñanza denuncia desde hai tempo. Neste pasado mércores, un total de 13 plataformas galegas trasladaron en Bruxelas as súas denuncias ante eses "problemas ambientais" centrados na reapertura de vellas minas, a utilización doutras como grandes vertedoiros ou a instalación de improtantes parques eólicos. 

Trece plataformas denunciaron os "ataques" ao medio ambiente de varios proxectos en Galicia e advertiron do "incumprimento de varias directivas europeas" neles

Convidados pola eurodeputada galega Lídia Senra, todos estes colectivos recibiron asesoramento de responsables da Comisión Europea en materia ambiental. A europarlamentaria da da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) esixiu, ademais, “non subvencionar" aqueles proxectos que afectan o modo de vida da zona e que “enchen de lixo" canteiras abandonadas no rural.

As trece plataformas estiveron acompañadas ademais pola deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Vázquez Verao. Todas elas denunciaron no Parlamento Europeo situación de “ataques” ao medio ambiente que, segundo din, “incorren no incumprimento de varias directivas europeas”.

Un momento da intervención das plataformas no Parlamento Europeo CC-BY-SA Praza Pública

Así, logo dun espazo de debate e análise con Lídia Senra, as representantes das organizacións desprazadas mantiveron un encontro conJosé Manuel Servert, membro do equipo xurídico da Unidade de Aplicación do Dereito Mediambiental da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. 

Leandro del Río, membro da Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, describiu a situación dun territorio "onde se produce a meirande concentración de industrias altamente contaminantes de Galicia". A central térmica de Meirama, a mina de lignito das Encrobas, a subestación eléctrica de Mesón do Vento, minería de superficie vinculada ao seixo, áridos e arcillas, SOGAMA, o vertedoiro da Areosa ou a ameaza dun futuro megaparque eólico que, di, “teñen convertido a comarca nu "territorio de sacrificio, un territorio enfermo que debe ser curado".

A Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes pediu á Comisión Europea que "investigue e aclare se o emprego de fondos públicos europeos aplicado a estes proxectos na Galiza foi correcta"

Así, Del Río pediulles aos representantes da CE que se leve adiante “unha investigación que aclare se o emprego de fondos públicos europeos aplicado a estes proxectos na Galiza foi correcta". E fixo fincapé tamén na necesidade urxente de presionar dende a UE ao Estado español “para que mellore a calidade técnica da lexislación e das normativas relativas a medioambiente e sanidade ambiental", esixindo "un maior control e transparencia na tramitación de autorizacións", canda o "seguimento exhaustivo de calquera actividade industrial que afecte ao medioambiente e saúde das persoas".

Foi unha das demandas, que resumiu as denuncias de moita das outras plataformas que expuxeron na Eurocámara as súas problemáticas medioambientais particulares na zona. Foron a Plataforma Non á ampliación da depuradora de Lourizán (Pontevedra), Plataforma Veciñal de Sanxenxo, Plataforma Casalonga Limpa de Residuos (Teo), Plataforma Salvemos Catasós (Lalín), Plataforma Mina Touro-O Pino Non, Plataforma pola recuperación do río Sar,Plataforma Non Eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural (Coristanco), Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, Comisión de Seguimento da minaría e defensa do rural de Mesía-Frades, Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde (Rois),Sindicato Labrego Galego e ContraMINAcción. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.