Varios concellos e a Deputación de Lugo retiran a bandeira da UE das súas sedes

Lores arría a bandeira da UE CC-BY-NC-SA PontevedraViva

Varios concellos e a Deputación de Lugo están a amosar o seu rexeitamento "simbólico" á política levada a cabo pola UE cos refuxiados e ao principio de acordo entre o Consello Europeo e Turquía para o envío destas persoas en busca de asilo a territorio turco. Foi a casa consistorial de Cangas do Morrazo das primeiras en Galicia que arriou a bandeira o pasado domingo cun acto que o BNG propuxo despois desde o Parlamento e mediante propostas formais en numerosos municipios galegos. 

A Coruña, Pontevedra ou Ferrol, xunto coa Deputación e o Concello de Lugo, retiraron ou arriaron a bandeira da UE como "repulsa simbólica"

Non tardou moito en unirse Teo e horas máis tarde Pontevedra converteuse na primeira cidade en sumarse á iniciativa, que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores situou como unha "chamada de atención" fronte a unha "política inhumana e ilegal que condena milleiros de persoas ao desarraigo, o abandono e a miseria". Fíxoo tras o acto "simbólico" celebrado o pasado martes xunto ao voceiro da Marea, Luís Rei, que apoiou a acción que rexeitaron o reto dos partidos, malia amosar as súas reticencias á política da UE cos refuxiados. 

PSdeG, PP e Ciudadanos criticaron o acto por virar, segundo a formación laranxa, nun "uso partidista das institucións" e mesmo algo "estúpido" segundo os socialistas en Pontevedra. "Non estamos a gusto nesta Unión Europea", retrucou Lores. 

Dun xeito parecido manifestouse a voceira de Ciudadanos en Ferrol, Ana Rodríguez Masafret, que di non estar de acordo coas decisións da UE pero que cre que a retirada da bandeira da UE en Ferrol "fomenta o antieuropeísmo". Ás críticas a esta decisión uniuse tamén o PP, mentres que foi apoiado -tamén coa presenza dos seus portavoces municipais- por Ferrol en Común, BNG e o propio PSOE, que criticou nalgunhas localidades a protesta simbólica mentres a liderou noutras. 

O PSdeG censurou a retirada da bandeira comunitaria en Pontevedra e liderou o mesmo acto en Lugo ou Ferrol

Así ocorreu, por exemplo, en dous administracións que gobernan os socialistas, como o Concello e a Deputación de Lugo. A institución provincial decidiu retirar a bandeira para denunciar a "profunda insensibilidade tanto da Unión Europea como dos Estados Membros ante a gravísima crise humanitaria das persoas refuxiadas que tentan entrar en Europa para fuxir dos seus países de orixe, actualmente asolados pola guerra". En termos parecidos se manifestou a entidade local, que encadrou o acto na "repulsa simbólica polas políticas inhumanas da UE contra os refuxiados". 

Un día antes, tamén o martes, Marea Atlántica e BNG apoiaron no Concello da Coruña a arriada da bandeira da UE. A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, indicou que “a onda de solidariedade que se abriu na cidade, con centos de persoas ofrecendo os seus recursos aos e ás demandantes de asilo, dá mostra do grave erro que suporía facer efectivo este programa [en referencia ao acordo UE-Turquía], que vai en contra dos tratados internacionais”. En Santiago, pola súa banda, este xoves debaterase imitar o xesto tras a proposta de Compostela Aberta. 

Mentres, outros concellos seguen uníndose a esta vaga de protestas a través da retirada ou arriada da bandeira comunitaria. Fixérono tamén en Carballo, Pontecaldelas, Rianxo, San Sadurniño ou Ponteareas, onde unha moción de urxencia, apoiada por todas as forzas agás o PP, denunciou o acordo con Turquía que “vulnera de maneira flagrante o dereito de asilo daquelas persoas recoñecidas como migrantes por ser vítimas de guerra e permite expulsións masivas de refuxiados". 

Carballo, Ponteares, Ponte Caldelas, Teo ou Cangas tamén arriaron a bandeira da UE

Precisamente, Galicia mobilizarase este mércores contra un principio de acordo "inmoral, vergoñoso e ilegal". As concentracións levaranse a cabo en todas as localidades ás 20 horas, agás en Ourense, que convoca ás 19.30 diante da Subdelegación do Goberno. O resto de mobilizacións serán na Coruña (Obelisco), Ferrol (ante a sede da Xunta na praza de España), Compostela (Toural), Burela (ante o Concello), Viveiro (Concello), Lugo (ante a Subdelegación do Goberno), Vilagarcía (praza de Galicia), Vigo (MARCO) e Pontevedra, onde se celebrará unha manifestación desde a praza da Peregrina ata a Subdelegación do Goberno. No conxunto do Estado tamén haberá mobilizacións.

A Deputación de Lugo retira a bandeira da UE da súa sede © Deputación de Lugo
Baixada de bandeira no Concello de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.