A asociación Ve-la Luz leva a súa loita a Madrid e espállaa polo resto do Estado. Na loita contra a "desprotección das mulleres maltratadas e dos seus fillos" por parte das administracións, a agrupación con sede na Coruña liderou esta mañá unha mobilización fronte ao Ministerio de Xustiza para volver denunciar que o sistema non protexe dabondo as vítimas da violencia machista e que, na súa opinión, tanto os medios como as formacións políticas "invisibilizan" o problema. Foi unha xornada reivindicativa máis dun colectivo que leva días en Madrid participando en diversos coloquios e xuntanzas e que contou co apoio doutros movementos cidadáns como o 15M ou os yayoflautas.
Ve-la Luz lidera unha mobilización ante o Ministerio de Xustiza na que denuncian que o sistema non protexe o suficiente as vítimas da violencia machista
Ve-la Luz espalla agora a súa loita logo de dúas folgas de fame de varias das súas activistas -a última de case un mes e finalizada o pasado 4 de xaneiro e á que se uniron varios grupos máis en España- nas que solicitaron unha "protección real" para as maltratadas e os seus fillos, pedindo medidas para que, no caso de que haxa indicios de violencia de xénero, se suspendan as visitas e se impida o acceso destes supostos maltratadores á custodia dos nenos, así como que, de haber condena firme, se lle retire a patria potestade e se suspenda o réxime de visitas ao pai. Non acadaron boa parte das súas reivindicacións, pero si que o Parlamento galego se comprometese a crear unha comisión de investigación sobre a situación real das vítimas e nas que elas terán voz
Gloria Vázquez, presidenta de Ve-la Luz, foi de novo a voceira das reivindicacións en Madrid, onde volveu denunciar que as mulleres "non atopan protección suficiente para poder presentar denuncias" e insistiu en que moitas veces son "desacreditadas". Segundo ela, "o sistema non convida a que as mulleres dean un paso adiante" e, ademais, as maltratadas adoitan "entrar nun circuíto no que se atopan cunha trampa mortal".
"O sistema non convida a que as mulleres dean un paso adiante; acaban entrando nun circuíto que é unha trampa mortal"
A portavoz da asociación galega non dubida en acusar a Policía e a Guarda Civil de, en moitas ocasións, "negarlle ás mulleres o dereito a poñer unha denuncia" ou mesmo "sesgar" esas denuncian. Gloria Vázquez advirte da "normalización e desculpa" de actos violentos, pero tamén da "falta de medios" das forzas de seguridade, ou incluso da "ideoloxía machista" que prevalece na Benemérita. Lembrou tamén que de cada cen denuncias persentadas por violencia de xénero, 61 son arquivadas, así como que a Lei Integral contra a Violencia de Xénero non conta cos medios necesarios para que sexa aplicada ou que as maltratadas teñan que pagar as taxas xudiciais.
"As mulleres non poden saír do círculo da violencia", engadiu Gloria Vázquez, que xunto con outra compañeira mantivo en Madrid xuntanzas coa secretaria de Igualdade da Comisión Executiva Federal do PSOE, Purificación Causapié, e cun representante do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, ademais de coa delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, Blanca Hernández. Ve-la Luz cre que ela mesma "é consciente" da situación, pero acúsana de "non poñer medidas efectivas" para arranxar estes problemas.
Ve-la Luz mantivo xuntanzas con varios colectivos, incluída a delegada do Goberno para a Violencia de Xénero
Do mesmo xeito, Ve-la Luz volveu solicitar protección para os fillos das vítimas, xa que "un maltratador non pode ser máis que un proxenitor, pero non un pai", lembrando que moitas mulleres perden a custodia dos nenos tras denunciar. Gloria Vázquez tamén insistiu na "invisibilización" da violencia machista por parte de políticos e medios de comunicación, unha denuncia que levan tempo facendo. Ademais, aseguran que, segundo os seus cálculos, foron 63 as vítimas de violencia de xénero no Estado en 2013, e non as 48 que indican as cifras oficiais.
As protestas de Ve-la Luz chegan logo do terrible asasinato machisa dunha muller e a súa filla en Cervo e polo que xa hai convocadas diversas concentracións en Galicia. Con estas dúas mortes, son xa catro as asasinadas no conxunto do Estado neste 2014.