Ve-la Luz pecha as súas portas: "Non nos queren porque imos contra o sistema"

Pancarta na sede de Ve-la luz © feminismo.info

A asociación Ve-la Luz pechará as súas portas a final deste ano. O colectivo de mulleres liderado por vítimas da violencia de xénero e abusos que comezou a súa andaina en 2009 rematará a súa actividade progresivamente a partir do vindeiro 31 de decembro ante "a falta de saída" para as mulleres e menores que viven esta violencia e pola "falta de apoio e a desprotección máis absoluta" que din sufrir, ademais da "falta de intención evidente" por parte das administracións para acabar de vez co problema.

Ve-la Luz, que atende 130 persoas (case trinta delas rapaces), pechará as súas portas a final deste ano

Ve-la Luz, con sede na Coruña e 50 socias, atende na actualidade unhas 130 persoas, case trinta deles rapaces e rapazas, ás que axuda con protección, alimentos, roupa e calquera apoio necesario ante a situación de "desprotección" na que se atopan como vítimas da violencia machista. O colectivo anuncia o seu final a poucos días de que se conmemore o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e faino "satisfeito" co labor que levaron a cabo pero decepcionado por unha "falta de apoio perpetuo" que atribúen ao feito de ser, segundo din, a única asociación que "vai ao centro do problema" e por "ir en contra do sistema". Marchan tras seis anos de loita contra a violencia machista e todas as súasu consecuencias.

O colectivo leva tempo reclamando unha "protección real" para as maltratadas e os seus fillos, pedindo medidas para que, no caso de que haxa indicios de violencia de xénero, se suspendan as visitas e se impida o acceso destes supostos maltratadores á custodia dos nenos, así como que, de haber condena firme, se lle retire a patria potestade e se suspenda o réxime de visitas ao pai. Pediron tamén a renovación do persoal dos xulgados de violencia de xénero cada dous anos e a posibilidade de formación na materia, así como a revisión das sentenzas dos últimos cinco anos, tras os elevados casos de sobresemento. Non acadaron boa parte das súas reivindicacións, pero si que o Parlamento galego accedese a crear unha comisión de investigación sobre a situación real das vítimas e dos seus fillos que comezará no vindeiro mes de febreiro e á que acudirán malia que a súa actividade será xa case nula.

A asociación leva anos reclamando "protección real" para as maltratadas e os seus fillos e saltou ás portadas pola folga de fame de varias das súas socias

As continuas advertencias das anomalías nos puntos de encontro familiar -que foran recoñecidas polo Valedor e pola propia Xunta- e as súas denuncias firmes contra a Garda Civil e varios concellos foron as últimas das accións reivindicativas dunha asociación que saltou ás portadas cando hai agora un ano dez mulleres, vítimas sobreviventes da violencia machista, comezaron unha folga de fame que remataron un mes despois seis delas. Logo reinciárona e polo medio encadeáronse á sede do TSXG e o Goberno central chegou contactalas para interesarse pola súa situación. Lideraron e organizaron desde Galicia o Tren da Liberdade a Madrid, e alí mesmo uníranse a outros colectivos de todo o Estado para manifestarse ante o Ministerio de Xustiza contra o insuficiente amparo que as vítimas da violencia machista reciben das administracións e contra a "invisibilización" do problema nos medios de comunicación.

Son entre catro e cinco persoas as que "voluntariamente" traballan nunha asociación que semella cansa "de aturar tanto". "Agora mesmo saímos cun coche a repartir comida", relata a súa presidenta, Gloria Vázquez, desde unha sede da que serán desafiuzadas en breve. Ante o mal estado, varias empresas cederan material para rehabilitala. E así se fixo, pero un problema estrutural creou máis problemas, polo que o dono terá que facerse cargo dos gastos e optou por instar ao desaloxo. Son só algúns dos problemas que sofren, agravados sobre todo pola falta de axudas públicas.

Ve-la Luz denuncia que se lles negou calquera subvención pública e anuncia que será desafiuzada da súa sede

"Tan só cobramos unha axuda para transporte de 720 euros que chegou tarde", lembra Vázquez, que asegura que todas as súas peticións de subvencións foron denegadas por diferentes motivos. "Nunca recibimos ningunha nin aquí se cobrou a ninguén; traballamos de maneira voluntaria, pero como imos seguir defendendo algo no que nin cremos?", insiste. "As mulleres teñen que denunciar porque ese é o seu dereito, pero serán unhas superviventes, unhas kamikazes nun sistema que non as vai protexer", di a presidenta que reivindica que Ve-la Luz "visibilizou o que ninguén quería visibilizar: as perdas de custodia, as nais condenadas, as visitas aos fillos de maltratadores, o sobresemento de denuncias...". E sentíronse soas.

"Non hai intención de que sigamos porque somos molestas e é molesto todo o que denunciamos; non nos queren"

"Non tivemos apoio dos partidos, que intentaron utilizarnos, e nin tan sequera de organizacións feministas", quéixase Gloria Vázquez, que foi unha das protagonistas dunha folga de fame que impactara o país e que denuncia as "presións" das administracións aos medios para "invisibilizar" a súa loita e as súas reivindicacións. "Non hai intención de que sigamos porque somos molestas e é molesto todo o que dicimos; é a crúa realidade, pero é así; só o 10% das mulleres que denuncian cobran axuda", di. "Quixemos investigar o sistema e rachar con el tras comprobar que non funcionaba; sentámonos con todos a falar, pero non nos queren e non hai ningunha asociación de mulleres que fale do que falamos nós", remata tras anunciar que Ve-la Luz denunciará ante o Parlamento europeo o que considera unha "total desprotección" das mulleres maltratadas no Estado.

Será das últimas accións que leven a cabo, porque nada esperan das administracións para poder manter a súa actividade. "Ningunha nos axudará porque non nos queren, somos incómodas e perigosas para elas", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.