"Ve-la Luz visibilizou os problemas das maltratadas que ninguén quería visibilizar"

CC-BY-SA Praza Pública

A asociación Ve-la Luz pechará as súas portas a final deste ano. O colectivo de mulleres para a protección das vítimas da violencia de xénero e abusos que comezou a súa andaina en 2009 rematará a súa actividade progresivamente a partir do vindeiro 31 de decembro ante "a falta de saída" para as mulleres e menores que viven esta violencia e pola "falta de apoio e a desprotección máis absoluta" que din sufrir, ademais da "falta de intención evidente" por parte das administracións para acabar de vez co problema. Gloria Vázquez, a súa presidenta, explica os motivos do peche e carga contra os que teiman en "invisibilizar" a súa loita.

Por que pecha Ve-la Luz?

Os motivos son a falta de apoio, a desprotección e a cantidade de situacións que temos que aturar. Imos en contra do sistema e a falta de apoio é perpetua. Non recibimos subvención ningunha nin se lle cobrou nada a ninguén e todo o noso traballo é voluntario. E neste contexto vemos como as mulleres que denuncian teñen problemas e convértense en superviventes, kamikazes nun sistema que non as vai protexer e que provoca que sumen novas formas de maltrato.

"Ve-la Luz visibilizou o que non quería visibilizar ninguén"

Que achegou Ve-la Luz á loita contra a violencia machista?

O que fixemos foi visibilizar o que non quería visibilizar ninguén, como as perdas de custodia, a custodia compartida con maltratadores ou a cantidade de nais que son condenadas aínda por riba de pasar por esta difícil situación. A desprotección, en definitiva. As cifras son vergoñentas pero, ademais, séguese mantendo que se aplica unha lei integral contra a violencia de xénero que nunca se aplicou. Só o 10% das mulleres que denuncian cobran algunha axuda e hai asociacións que si reciben subvencións pero que nunca falaron con nós. Nós unicamente cobramos unha axuda de 720 euros para transporte e dous anos máis tarde cando en cada exercicio gastamos 4.000 euros en desprazamentos.

Por que non lles outorgaron subvencións como a outros colectivos?

A primeira vez que pedimos unha subvención dixéronnos que non tiñamos dereito a ela porque non estabamos no rexistro de asociacións. Apuntámonos e o proceso tardou dez meses,  pero nada. Logo vemos como si que hai puntos de encontro familiar, dos que denunciamos constantes anomalías, que si reciben axudas de miles de euros.

Seguen crendo que as mulleres están desprotexidas malia denunciar o maltrato?

Denuncian e ese é o seu dereito e o seu recurso, pero a saída non llela dan. Hai moitos casos nos que o maltratador está apoiado pola xustiza e isto provoca que se someta tamén os fillos. Non hai moito, en Alacante, déronlle a custodia a un maltratador pendente dunha condena de varios anos. Iso non pode ser.

"Intentamos rachar co sistema para que se mellorara, pero a ninguén lle interesou dialogar con nós, nin a moitos colectivos feministas"

Lograron algo con esta loita de cinco anos?

Intentamos rachar co sistema para que se mellorara. Sentámonos con todos e todas, falamos con todo o mundo, pero vimos que nos estaban a vacilar. Tamén desde moitas plataformas feministas, ás que nunca lles interesou o diálogo con estas señoras. Empezoulles a interesar dez anos máis tarde de que se aplicase a lei integral contra a violencia de xénero, pero nunca lles interesara antes. En España, nin a xustiza nin a política serven para nada. A xente acomodouse aos sofás e desde alí só defenden os seus propios intereses.

Non tiveron o apoio agardado polos partidos políticos?

Non tivemos apoio dos partidos. Intentaron utilizarnos pero non houbo apoio real ningún. E fomos tirando, con 50 socias que é co que sobrevivimos, pero xa non temos medios para continuar.

Pero si lograron que o Parlamento galego accedese a crear unha comisión de investigación sobre a situación real das vítimas e dos seus fillos...

É unha parodia á que asistiremos en febreiro para expoñer o noso punto de vista. A asociación desaparece na práctica, pero temos que manternos na legalidade durante un tempo porque estamos como acusación popular en varios casos contra a Garda Civil, a Xunta e varios concellos polos puntos de encontro familiar, nos que hai incluso problemas por faltas de licenza. Ata empresas como Eulen se encargan destes puntos de encontro... Xa non se privan, porque para algúns isto é un negocio do que se están a beneficiar.

E o problema máis fondo do que parece?

O noso traballo comeza en 2009 e desde aquela dedicámonos a investigar todas as eivas que hai no sistema á hora de protexer as mulleres maltratadas. A crúa realidade é que unha muller denuncia e o home non adoita acabar na cárcere. Esa é a realidade e non se amaña. O pasado agosto aprobouse o Convenio de Istambul e aquí parece que ninguén o coñece. Nel aclárase que os indicios de violencia teñen que ser tidos sempre en conta e que as asociacións deben ser activas no acompañamento da vítima. E o documento está ratificado polo Estado español. Todo isto é a crúa realidade, guste a quen lle guste. Das 5.200 mulleres afectadas, non máis de 500 reicibiron axuda psicolóxica en Galicia e non máis de 300 o ano pasado.

"Moitas vítimas de maltrato sobreviven con 426 euros e acumulan débedas ao marchar da casa; temos que arranxar estes problemas"

Cre vostede que a protección das maltratadas é cada vez menor?

O nivel de protección das maltratadas descendeu un 50% nos últimos anos. Como podo ter a cara de dicirlle a unha muller que as administracións a van protexer se lle estou dando de comer. Atendemos 130 persoas, case 70 delas nenos. É xente que non ten para comer e que denunciou sufrir violencia de xénero, pero a situación é a que é. O salario da liberdade tarda seis meses en chegar e logo párase, e cada vez hai máis mulleres que sobreviven cunha renda de 426 euros. Había xente que pensaba que as vítimas se facían millonarias por denunciar, pero as mulleres moitas veces non poden saír da súa casa e se marchan, acumulan mudanzas, débedas... É unha problemática que temos que arranxar e afrontar. En países como Suíza, en canto unha muller sofre violencia de xénero, o Estado faise cargo dela e o maltratador queda illado. E non se dá lugar ás visitas aos nenos, algo que é unha conduta patriarcal e noxenta. Estamos sometidas polo macho e polo propio goberno.

O seu discurso é moi duro...

Non é duro, é a realidade. É así. Non imos deixar as mulleres abandonadas, pero non podemos facer nada máis nestas condicións. Pasamos horas e horas na sede, incluso ata a madrugada, pero non temos axudas e incluso hai administracións que nos deben cartos.

"Dámoslles roupas ás vítimas, repartimos comida, acompañámolas... Nós somos as que temos os pés no chan"

Que lles deben cartos?

Si, co Concello da Coruña colaboramos nuns relatorios e cursos coa policía local e aínda non nolos pagaron. E non é o único caso. Ao Concello non lle interesa que existamos, pero nós si colaboramos con eles. E agora non poderemos manter a axuda que proporcionamos a todas estas mulleres e aos seus fillos.

Que lle achegan a estas vítimas das que están pendentes?

Acompañámolas, preocupámonos de que coman, dámoslles roupa, repartimos froita un día da semana e alimentos varios noutro. Pactamos co banco de alimentos unhas condicións para manter a privacidade dos datos persoais das mulleres. Cantas asociacións fan iso? Cantas están no día a día destas mulleres vítimas axudando? Nós somos as que temos os pés no chan.

"As administracións non nos van axudar porque somos perigosas para elas; e algunha débenos cartos"

Confía en que as administracións axuden a Ve-la Luz e se manteña o seu labor?

Non nos van axudar porque somos perigosas para eles. Non nos queren e ningunha administración vai vir rescatarnos. Fomentaron bulos, mentiras e invisibilizaron a nosa loita e reivindicación. Aturamos de todo, incluso ameazas por parte de avogados e de institucións. Cando fixemos a folga de fame, desde a Xunta houbo xente que advertiu que a nós "nin auga" porque non nos querían nin ver diante. Facemos de todo e soportamos de todo. Ás veces dicimos que non somos Ve-la Luz, somos o Equipo A [ri].

Ve-la Luz, durante unha das súas xuntanzas en Madrid © Ve-la luz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.