Veciñanza atrapada por un edificio erguido nun patio de luces

A obra, a escasos metros dos dous edificios CC-BY-SA R. Suárez

Ver como levantan un edificio nun patio de luces entre outros dous inmobles, sen case espazo para construír, a escasos metros das súas terrazas e fiestras e tapándolles a luz natural. Iso é o que lles está a ocorrer a varias familias da zona de San Roque, na Coruña, que levan semanas protestando por unhas obras paralizadas tras un longo conflito xudicial e permitidas agora polo Concello. 

O Concello deu a licenza para unha obra nun patio de luces, sen case espazo e entre dous edificios que quedan sen luz

"Se cho din, non o cres; parece imposible que a alguén se lle poida ocorrer levantar un edificio aquí, sen case espazo e pegado a outros dous inmobles". Carmen Suárez é unha das veciñas que desde a súa fiestra ve como as obras que avanzan "a fume de carozo" ameazan o patio de luces que comparten varias vivendas, a súa luz natural e a ventilación. Porque é aí onde se constrúe, nun patio de luces que xa non terá luces... E que xa non será patio. 

"É un edificio de varias alturas que deixa varias vivendas completamente condenadas á escuridade e ao illamento", denuncian os veciños, organizados xa para recorrer á vía xudicial ante o silencio do Concello, que nin os recibe nin lles dá solución, e que insiste en que a obra é legal. Non pensan o mesmo os afectados, que aluden á "vivenda digna" que garante a Constitución, pero tamén ás presuntas "irregularidades" que cometería esta obra. 

Os afectados denuncian que a obra incumpre varias normativas e que o muro do novo edificio está a dous metros das fiestras

Segundo explican, a primeira delas tería que ver coa servidume de vistas, xa que a normativa indica que non é posible a construción a menos de tres metros de distancia da outra vivenda. E aínda que pareza difícil de crer, os tres metros parecen demasiados vista a situación dos primeiros alicerces. "É como para dubidar de que esta distancia sexa tal, porque a simple vista parece moito menor. Gustaríanos que fose un perito quen medise cal é realmente esta distancia para determinar se é a axustada a dereito", explican os veciños. "Poderás tocar o muro do outro inmoble se sacas a man pola fiestra", engade Carmen Suárez, que desde o seu piso ve como a obra segue a erguerse e a taparlle a luz. Noutras zonas, segundo os afectados, a distancia é claramente inferior a dous metros. E así o parece. 

Ademais, e no caso dun dos edificios afectados, os veciños advirten dun "claro problema de seguridade" derivado desta nova construción. Un dos inmobles queda "literalmente encerrado" polos traballos de edificación da empresa Abeconsa, o que "faría imposible a evacuación das persoas no caso, por exemplo, dun incendio". "Unha das fachadas do edificio queda totalmente inaccesible", lembran. E hai máis. Garaxes da mesma zona sofren xa fendas polo achegadas das obras e das detonacións e outras terrazas de inmobles achegados quedan tamén sen a luz natural da que gozaban desde sempre. 

Pero a polémica e as dúbidas veñen de lonxe. O terreo onde se constrúe fora un antigo camiño veciñal, tal e como figura na documentación que achega algún veciño, pero o Concello decidiu venderllo a unha promotora hai máis de doce anos. Catro anos despois deulle licenza para levantar o edificio, malia que xa daquela era un patio de luces entre varios inmobles e a pesar do escasísimo e estreito espazo entre eles. 

A obra xa fora paralizada por invadir un camiño veciñal, a construtora fora indemnizada e agora o Concello dá unha nova licenza

As obras comezaron en 2006, pero foron paralizadas axiña tras a reclamación xudicial dun propietario dun terreo na mesma zona que fora ocupada de maneira ilegal. En 2013, o Concello tivo que pagar unha indemnización á empresa por lle vender un solo que non era da súa propiedade e o goberno local argumentou que o problema xurdira pola aparición dun colector no subsolo, o mesmo que xa creara problemas aos veciños anteriormente. A promotora rexeitou o proxecto e venceu a parcela a Abeconsa, que agora recibiu unha nova licenza

"Aquí hai algo que non cadra, porque a velocidade á que van as obras non é normal", denuncia un dos veciños, que sospeitan que a rapidez se debe á caducidade do permiso ou mesmo a posibles atrancos legais que serían máis difíciles de reverter no caso de que o edificio xa estivese erguido. O caso do edificio Conde de Fenosa xa foi citado algunha vez polos afectados. 

"Vélase pola especulación en lugar de polo interese xeral. As circunstancias que rodean esta obra son por todos lados mercecedoras de sospeitas e non cabe outra solución digna e ética que paralizala", reclaman os veciños, que cren "necesario" tamén "facer públicas e detalladas as condicións nas que a licenza para a construción deste inmoble foi outorgada".  

"Vélase pola especulación en lugar de polo interese xeral; a única solución diga é paralizar a obra"

Pero Abeconsa teima na obra mentres traballa noutras públicas adxudicadas polo Concello da Coruña ou pola Autoridade Portuaria, como xa traballou nas do dique de abrigo, o paseo marítimo ou Riazor. E mentres, os veciños aínda sofren outro problema: o doutras obras, a escasos metros, nunha zona onde denuncian que a construtora aproveita para utilizar de canteira, acumulando terra e areas que enchen de po e suciedade as súas casas. 

Pancartas de protesta dos veciños CC-BY-SA R. Suárez
No fondo, os dous edificios entre os que se constrúe a nova obra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.