Veciñanza de Vigo recupera unha praza interior, anteriormente abandonada: "queremos barrios coidados e que nos coiden"

Proxeccións cinematográficas ao aire libre son unha das actividades que está a acoller o Calexón da Pomba © Que pasa no barrio?

Dende o mes de marzo o Calexón da Pomba vén acollendo actividades nas que participan veciños e veciñas do barrio, comezando por unha proxección de cine ao aire libre, concertos ou xogos e cumpreanos infantís. Ademais, a veciñanza iniciou unha pequena horta e xardín

O Calexón da Pomba, en Vigo, é unha estreita calella que une a rolda de Don Bosco coa rúa do Pracer, moi preto do monte do Castro e da Praza do Rei, onde se sitúa a Casa do Concello. A pesar da escasa anchura que a ruela presenta nos seus extremos, ao ingresar nela o espazo ábrese, dando lugar a unha pequena praza, máis ampla se se lle engade un predio anexo, neste momento abandonado. Ata hai uns meses o lugar non tiña outro uso que o do aparcamento ocasional de vehículos, ademais de acumular suciedade e lixo. Porén a Asociación Emaús Galicia e a a Asociación Provivienda están a promover iniciativas para recuperar este espazo, de xeito que poida ser empregado pola veciñanza do barrio.

'Que pasa no barrio?' é o nome do proxecto impulsado polas dúas entidades, co obxectivo xeral de construír "redes de apoio mutuo e vínculos afectivos" nos barrios da Ronda de Don Bosco e Teis e, ao tempo, "superar os estereotipos, prexuizos e barreiras asociadas á exclusión".

"Agora temos a sorte de contar coa cesión deste solar para darlle unha nova vida, e queremos facelo en común", din, facendo un chamamento a ter "uns barrios coidados e que nos coiden"

Dende o pasado mes de marzo o Calexón da Pomba vén acollendo actividades nas que participan veciños e veciñas do barrio, comezando por unha proxección de cine ao aire libre, concertos ou xogos e cumpreanos infantís. Ademais, a veciñanza iniciou unha pequena horta e xardín. "Encántanos ver que se poden xerar novos espazos para o encontro veciñal e temos que recoñecer que este foi todo un descubrimento. Foi bonito ver como a rúa pode recuperarse para as persoas", destacan dende 'Que pasa no barrio?. "Agora temos a sorte de contar coa cesión deste solar para darlle unha nova vida, e queremos facelo en común", engaden, facendo un chamamento a ter "uns barrios coidados e que nos coiden".

En abril e maio houbo dúas asembleas veciñais para decidir que tipos de usos se lle quere dar a este espazo recuperado para o barrio

En abril tivo lugar unha primeira asemblea veciñal para decidir que tipos de usos se lle quere dar a este espazo recuperado para o barrio, "un espazo para o encontro, a convivencia e a relación veciñal". Hai uns días levouse a cabo un segundo encontro aberto. O obxectivo destas asembleas e grupos de traballo é "identificar necesidades que nos axuden a elaborar un plan de acción que nos permita transformar o solar", destacan dende o colectivo, que espera que este sexa "o principio dunha iniciativa que agardamos teña moito futuro por diante".

Xa o ano pasado a veciñanza da Ronda de Don Bosco decidiu organizar unha celebración propia para festexar "que por fin remataron as obras" da praza principal do lugar e que xa podían "pensar de novo nun espazo para o encontro e a relación".

Migranteis

'Que pasa no barrio?' está tamén a desenvolver unha importante actividade no barrio de Teis. Entre elas destaca o proxecto Migranteis, "conversas de barrio" entre os e as habitantes deste lugar, que en moitas ocasións teñen orixes xeográficas moi distintas

'Que pasa no barrio?' está tamén a desenvolver unha importante actividade no barrio de Teis, outra das zonas máis populares de Vigo. Entre elas destaca o proxecto Migranteis, "conversas de barrio" entre os e as habitantes deste lugar, que en moitas ocasións teñen orixes xeográficas moi distintas e nas que as migracións marcaron a vida de moitos e moitas delas. 

Por exemplo, destacan o encontro entre Lucita e Modou, "dúas persoas que chegaron ao barrio en épocas moi diferentes pero que comparten moitas cousas dese camiño: unha viaxe, a busca da prosperidade, a familia e sobre todo a costura". Modou chegou a Vigo dende Senegal no ano 2015 e Lucita chegou ao barrio no ano 1958, dende Sober. Modou traballa como xastre e cosendo, e tamén Lucita traballou toda a súa vida realizando esta actividade.

Tamén se levou a cabo, o pasado outono, a 'Festiña das Flores', celebrada o 27 de outubro no Barrio das Flores en Teis, no marco do proxecto PARTICIPA, organizado pola Asociación Provivienda e Emaús Galicia. Tratouse dun encontro de veciños e veciñas con distintas actividades ao longo de todo o barrio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.