Veciños de Sarria encadéanse ás árbores do Malecón para evitar a súa tala

Un milleiro de persoas manifestáronse este domingo contra o proxecto de tala das árbores © Plataforma Sarriana polo Río

O plan de reforma do Malecón de Sarria impulsado polo Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil segue adiante a pesar da oposición veciñal e das denuncias de colectivos ecoloxistas. Este luns comezaron unhas obras que prevén talar case 200 árbores autóctonas e que foron rexeitadas este domingo por unha manifestación que reuníu máis de mil persoas na vila. Para tentar deter o proxecto, un grupo de veciños encadeouse ao redor das seis da mañá deste luns a algunhas das árbores en perigo e alí permanenecen, mentres as máquinas veñen de comezar a tala. Os activistas lembran que se trata dunha loita contra o reloxo, pois a lei impide realizar estas talas a partir do 28 de febreiro, comezo do periodo de cría de aves, o que explicaría a urxencia do inicio das obras.

A marcha deste domingo, convocada pola Plataforma Sarriana polo Río, e ao berro de "Mollámonos polo Río" denunciou o dano medioambiental e paisaxístico do proxecto, que levará por diante unha das zonas verdes máis importantes do centro da vila. Tamén o seu elevado custe, que é sinalado como "un malgasto de cartos públicos" e tamén a súa "ineficacia" para solucionar o problema das inundacións que periodicamente sofre Sarria. A plataforma cidadá, apoiada por Adega e AEMS-Ríos con Vida, considera que as obras son "unha aberración" e un "lavado de cara" e que non servirán para evitar os asulagamentos, pois a única forma efectiva de paralas sería actuar máis arriba, para evitar a acumulación de auga nos treitos superiores do río.

A plataforma, que iniciou a súa actividade a comezos de xaneiro, demandoulle en varias ocasións ao Concello de Sarria que puxese o seu proxecto a debate cos veciños e entidades sociais da vila, algo ao que o alcalde, José Antonio García (PP), se negou reiteradamente. O rexedor sinalou no entanto que as obras son "moi importantes para o futuro de Sarria" e cualificou de "irresponsable" poñer en risco o investimento.

"Se, entre todos, conseguimos aguantar ata o venres, salvamos as árbores do Malecón. Para iso, necesitamos axuda urxente. Temos que ser máis", destacan

Cualifican, ademais de "prepotente" a resposta do rexedor á mobilización cidadá que viviu a vila este domingo. E pídenlles aos veciños e veciñas que se acheguen ao longo do día ao Malecón "para mostrar a súa solidaridade coa xente da Plataforma que está alí, pasando frío, dende a madrugada". Tamén solicitan que lles proporcionen roupa de abrigo, café e alimentos, para que poidan manter a súa protesta. ADEGA, que presentou alegacións ao proxecto e pediu "unha revisión profunda de todo o proxecto para evitar consecuencias indesexadas desde o punto de vista social, económico e ambiental" pregúntase "cales poden ser os intereses tanto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil como do concello para apurar as obras e mostrar tal indiferenza ao clamor veciñal de información e revisión do proxecto".

De igual xeito, a asociación ecoloxista sinala que "é unha vergoña que teñan que ser de novo os cidadáns, suplindo a función das administracións públicas, os que defendan, mesmo poñendo en risco a súa integridade física, os bens que son de todos e todas". E denuncia que "mentres, tanto o concello de Sarria como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, non só desatenden, senón que pasan por riba da vontade popular dos veciños e veciñas de Sarria, que só pretende defender os valores ambientais e patrimoniais da vila".

ADEGA sinala que "é unha vergoña que teñan que ser de novo os cidadáns, suplindo a función das administracións públicas, os que defendan, mesmo poñendo en risco a súa integridade física, os bens que son de todos e todas"

A primeira hora da mañá, os operarios comezaron a talar as árbores da ribeira dereita, que non estaban protexidos polos veciños, pero despois detiveron os traballos, ante a imposibilidade de garantir a seguridades das persoas encadeadas. Ao mediodía, contra as tres, os traballos de corta volveron comezar. Os activistas lembran a importancia de paralizar a tala, cando menos até este venres, data oficial do comezo do periodo de cría das aves, a partir da cal a corta destas árbores estará prohibida por lei durante meses. "Se, entre todos, conseguimos aguantar ata o venres, salvamos as árbores do Malecón. Para iso, necesitamos axuda urxente. Temos que ser máis", destacan.

Un veciño, encadeado este luns a unha das árbores que se prevé talar © Plataforma Sarriana polo Río
Activistas en defensa do río, encadeados ás árbores a pasada noite © Plataforma Sarriana polo Río
Activistas en defensa do río, encadeados ás árbores a pasada noite © Plataforma Sarriana polo Río
Hai un mes os veciños pintaron corazóns nas árbores que foran marcadas para a súa tala © Plataforma Sarriana polo Río
© Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.