Xa foron cinco días de manifestacións e disturbios desde que o Concello de Barcelona fixera efectiva a orde de desaloxo do histórico Centre Social Autogestionat Can Vies, no barrio de Sants. Cinco días nos que, non só se levou ao cabo a destrución do mítico edificio, senón que ademais se deu unha resposta moi violenta por parte dos Mossos D’esquadra. Ao ataque á sede de La Directa (medio de información independente) por parte dos mossos, únense os 200 feridos durante os disturbios, todos eles manifestantes, 40 dos cales tiveron que ser atendidos no hospital, e 63 detidos, segundo datos da Rereguarda en Moviment (asociación antirepresiva catalá) e o Observatori del Sistema Penal i dels Drets Humans de la Universitat de Barcelona.
Un dos detidos, membro dos castellers de Barcelona, foi levado a prisión preventiva. Por outra banda, varios dos arrestados afirman ter recibido malleiras por parte dos mossos dentro de comisaría. Algúns dos feridos xa empezaron a presentar querelas polo abusos recibidos.
Hoxe, e tras toda a rabia acumulada, varios dos ocupantes do CSA e veciños do barrio, xunto con persoas chegadas doutros puntos de Barcelona, comezaron a reconstrución do edificio.
Cara as dez da mañá, centos de persoas concentráronse diante doutro Centro Social de Sants, Can Batlló. Esta antiga fábrica textil abandonada de La Bordeta fora reclamada hai case tres anos pola veciñanza e foi finalmente cedida polo Concello de Barcelona por mor das presións da Comisió de Veïns de La Bordeta e o Centre Social de Sants que aseguraban que senón a okuparían. En Can Batlló repartíronse cascos amarelos (a cor identificativa de Can Vies) e guantes entre a xente e púxose camiño a Can Vies para comezar a limpar a zona e intentar reedificar o centro. Asociacións de arquitectos como a cooperativa local La Col, que tamén traballan en Can Batlló, están axudando na planificación da reconstrución, malia que a actuación institucional deixou a estrutura do edificio moi danada. A presenza policial era practicamente inexistente.
O ambiente era moi festivo esta mañá, con bágoas de emoción entre os presentes ante o acontecemento. Como modo simbólico de protesta, foron sacándose os cascallos deixados polo derrube e, formando unha cadea humana, foron deixados diante da Seu del Districte. A cavadora queimada, que ata onte lucía a verba guerra, hoxe estaba cuberta de flores e pancartas reivindicativas. Por outra banda, preparouse unha comida popular para tódolos presentes, e incluso os nenos participaron facendo debuxos pensados para decorar o centro trala reconstrución.
"Son tres anos de recortes, paro, represión, non esquecemos a data do 27 de maio de 2011 cando desaloxaron Plaça Catalunya. Aquel día todas éramos pacíficas e estabamos indignadas, pero agora xa non hai só indignación, hai rabia”
Ao longo da semana, asociacións veciñais saíron a palestra cunha serie de reivindicacións para poder acabar co conflito: o cese inmediato da violencia e a desmilitarización do barrio, ademais da chegada dun acordo para reconstruír Can Vies. Membros do CSA afirmaron estar de acordo con esas reivindicacións pero descartando en todo momento negociar coas institucións porque se sentiron traizoados por elas, dado que estas recoñeceron que o seu propósito fora en todo momento o derribo de Can Vies, tarde ou cedo, de acordo co plan urbanístico aprobado. Pediuse unha vez mais a dimisión do alcalde Xavier Trias e do rexedor do distrito Jordi Martì. Onte dende o Concello paralizouse oficialmente o derribo do inmoble.
“Xa é dabondo de construír falsos discursos sobre a violencia, imos á raíz, as causas, xa non só é Can Vies, son tres anos de recortes, paro, represión, non esquecemos a data do 27 de maio de 2011 cando desaloxaron Plaça Catalunya. Aquel día todas éramos pacíficas e estabamos indignadas, pero agora xa non hai só indignación, hai rabia”. Declararon en público os membros do CSA.
Reconstrución de Can Vies
-
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies -
Reconstrución de Can Vies