"Veremos durante un tempo intentos de reflotar o capitalismo a base de espoliar aínda máis o futuro"

Manuel Casal Lodeiro Dominio Público Praza Pública

Dende hai uns días está xa dispoñible o libro A Esquerda ante o colapso da civilización industrial, un ensaio no que Manuel Casal Lodeiro, Casdeiro, membro fundador da asociación Véspera de Nada, reflexiona sobre a resposta das esquerdas políticas ante o colapso da civilización industrial motivado polo esgotamento das fontes fósiles de enerxía. Prologada por Teresa Moure, e coeditada por Véspera de Nada e a Asociación Touda, a obra contou cun proceso de crowdfunding "urxente", que permitiu financiar con pedidos anticipados a impresión dos 200 primeiros exemplares.

O libro analiza criticamente as dificultades que a xuízo do autor teñen algúns sectores da esquerda política e social para "asumir a situación de choque civilizatorio contra os límites biofísicos do planeta" e como "fica descolocada perante a perda de referentes sagrados como o protagonismo da clase obreira ou o mito no progreso material imparable da Humanidade". Así mesmo, debulla algunhas propostas que si están a afondar no decrecemento.

Ata que punto a esquerda (sobre todo na nosa contorna máis próxima) mudou a súa posición con respecto ao devalo da civilización industrial, o peak-oil e o propio concepto de crecemento? Observas algúns avances? Onde? Son suficientes?

Eu vexo algún tépedo avance, cando menos no plano teórico, de declaracións ou inclusións programáticas dalgúns conceptos. Así, por exemplo, Nós-Candidatura Galega incluiu por primeira vez o recoñecemento do Peak Oil no seu programa ás xerais, e foron desaparecendo as mencións obsesivas (habituais en case toda a esquerda) a ese obxectivo totémico do "crecemento económico". No mundo de AGE-Mareas comezaran xa antes dar estes pasos, pero a nivel de demostración palpable, alí onde gobernan, a verdade é que aínda non vimos nada que demostre que é algo asumido máis alá da tona do discurso.

"É importante que nos novos gobernos municipais e nos novos parlamentos cada vez haxa máis presencia de persoas que teñen algún coñecemento da cuestión e que se atreven a cuestionar a viabilidade do crecemento económico"

Con todo, é importante que nos novos gobernos municipais e nos novos parlamentos cada vez haxa máis presencia de persoas que teñen algún coñecemento da cuestión e que se atreven a cuestionar a viabilidade do crecemento económico, aínda que de aí a dar o paso de recoñecer que a civilización ten os días contados tamén hai un abismo. E non debería ser así, en realidade, porque como di Jorge Riechmann, abonda botar contas durante 5 minutos para decatarnos de que o rumbo actual nos leva a un colapso catastrófico en non moito tempo. Velaí o manifesto Derradeira Chamada que asinaran bastantes políticos de esquerda o ano pasado, mais que aínda non deu froitos nas propostas políticas nin tan sequera da maioría dos propios asinantes. Tamén hai quen avanza no recoñecemento pero non o transmite no discurso público, e xoga a facer como que non hai un colapso civilizatorio en marcha, para non perder votos "asustando" o electorado. En resumo: moi escasos avances e exasperantemente lentos. E o colapso non espera.

"Hai quen avanza no recoñecemento pero non o transmite no discurso público, e xoga a facer como que non hai un colapso civilizatorio en marcha, para non perder votos "asustando" o electorado"

No libro tamén se analiza a transformación que neste novo tempo están a ter (ou deberían ter) outras correntes ideolóxicas, coma o soberanismo ou o feminismo. Como deben ser estes soberanismo e feminismo adaptados á nova realidade?

Na miña opinión a adaptación que precisan pasa en primeiro lugar, como no caso da esquerda en xeral, por asumir a existencia, gravidade e inmediatez da discontinuidade civilizatoria. Iso muda moitos dos seus presupostos de partida, e sobre todo as súas estratexias. No caso do feminismo penso que se ten avanzado moito e temos un ecofeminismo forte, con importantes pensadoras e activistas camiñando nunha dirección sumamente interesante, e non só para o propio feminismo senón para o resto das ideoloxías e activismos. No canto, no terreo do soberanismo hai pouca consciencia de que o devalar civilizatorio supón unha oportunidade histórica ao tempo que novas ameazas. Sabemos así, que a cuestión enerxética é central no relacionamento (algúns din que "colonial") entre a España e Galiza, e se o repensamos a partir da consciencia de que vai haber unha queda brutal na dispoñibilidade enerxética a nivel global (fálase dun 80 ou 90% dos países máis industrializados) daquela palabras como "soberanía enerxética" cobran unha centralidade absoluta. É dicir, cando xa non hai para todos, é cando máis importante resulta saber de quen é / para quen é cada recurso. Outro tanto pasa coa cuestión de "soberanía alimentar" ou a monetaria en contextos de crise de alimentos (non só polo devalar da enerxía fósil senón tamén polas consecuencias do Caos Climático en marcha) e de insustentabilidade do sistema financeiro e das moedas actuais, que non esquezamos están baseadas no esquema Ponzi da creación de débeda a cargo dun crecemento futuro que non volverá. No noso país apenas xente como Miguel Anxo Abraira están a poñer estas cousas claramente no debate político. En Euskal Herria e Catalunya tense avanzado algo máis, como demostran algunhas formulacións que recollo no libro.

"No caso do feminismo penso que se ten avanzado moito e temos un ecofeminismo forte, con importantes pensadoras e activistas camiñando nunha dirección sumamente interesante"

No libro faise un dura crítica ás propostas de Renda Básica universal. Por que?

Ben, non sei se é dura ou non, pero moitas veces si que podemos soar duros quen dicimos: amigos, isto que dicides soa moi ben e semella moi xusto e moi equitativo, pero partides dunha base que non é certa: que a civilización industrial vai seguir estando aí por moito tempo, coa súa hipercomplexidade social, cun Estado máis ou menos potente, con ingresos fiscais enormes denominados nas moedas actuais, cunha enerxía abundante que respalde ese diñeiro que propoñedes repartir, etc. Nós imos ao "básico" de verdade, que son as necesidades humanas: comer, beber, ter un teito, con que vestirnos, etc. E para iso o diñeiro é só un medio. Pero non é o obxectivo, o diñeiro non é o satisfactor final das necesidades. Puido estar ben a idea dunha RBU xestionada en euros polo Estado, pero noutros tempos, non agora que nin o euro nin o Estado teñen a súa continuidade asegurada. Nós volvemos a cuestións historicamente máis permanentes: o dereito á terra, a acceder a ela, como fonte principal da satisfacción das necesidades básicas non só dos humanos senón de todos os seres vivos. Penso que poderían xogar aí unha función de ponte entre ambas formulacións algún tipo de renda básica denominada en moeda complementaria respalpada pola creación emerxética de riqueza, como xa teño proposto noutras ocasións.

"Puido estar ben a idea dunha RBU xestionada en euros polo Estado, pero noutros tempos, non agora que nin o euro nin o Estado teñen a súa continuidade asegurada"

Na cuestión da chamada "pobreza enerxética" pasa un pouco o mesmo: centrámonos en buscar o xeito de pagar facturas sen ter en conta que a factura para o que serve é para pagar unha enerxía que se cadra podiamos obter doutro xeito ou simplemente non gastar. Partir do coñecemento de que hai un devalar enerxético inevitable que vai arrasar co noso modo de vida e de organización social muda a perspectiva completamente. E non estamos facendo esa mudanza de paradigma ao mesmo ritmo que devala a civilización e iso vai provocar unha gran confusión, carraxe e caos social, e vai alimentar totalitarismos e unha volta ás formulacións nazis (no libro insisto en que cómpre ler a Carl Amery para entender que en realidade Hitler foi un precursor do que nos agarda).

Repítoche unha das preguntas que te fas na obra: "O capitalismo é compatible con algunha caste de decrecemento?"

Eu coido que non. Polo menos non "este" capitalismo, hiperfinanciarizado, industrial, mundializado... E postos a ter que reformalo para que poida convivir coa imposibilidade de seguir a medrar e a acumular beneficios, confrontados cos límites do crecemento físico, as saídas que terán as elites serán ou seguir a opción que xa apuntara Susan George no Informe Lugano (é dicir, acabar con boa parte da poboación humana do planeta) ou simplemente abandonar o sistema capitalista e volver a outros que sempre lles funcionaron en épocas de menor dispoñibilidade de enerxía: o feudalismo e a dominación pura e dura, mesmo cunha volta a algunha forma de escravitude. Veremos durante un tempo intentos de reflotar o capitalismo a base de espoliar aínda máis o futuro, a natureza, a vida en xeral e os humanos en particular, pero ao final irán ao práctico: sen enerxía, sen industrias, sen sociedade de consumo, só quedará pasar da explotación á dominación, isto é, dominar as masas por medio ou por outro simplemente para conservaren o poder e sobreviviren a custa de quen for. O perigo non está só en que eses intentos poidan destruír boa parte da biosfera e supoñer un sufrimento social sen precedentes, senón que as elites o destrúan todo nunha demencional loita polos derradeiros recursos. Soa apocalíptico? Ben, abonda erguer a ollada e mirar o que temos diante: aí é cara a onde nos leva a inercia das políticas actuais.

"Veremos durante un tempo intentos de reflotar o capitalismo a base de espoliar aínda máis o futuro, a natureza, a vida en xeral e os humanos en particular"

Repasas tamén algunhas das iniciativas políticas e sociais que valorades positivamente. Cales destacarías?

Eu penso que o máis interesante a día de hoxe está xurdindo moi "por baixo do radar", fóra do foco dos grandes de medios de comunicación e do teatro electoral. Son iniciativas como as Cooperativas Integrais e análises políticas na liña de Carlos Calvo Varela, Joám Evans, Carlos Taibo e moitos outros autores que menciono no libro. Tamén a Guía para o descenso enerxético penso que é un libro que, como dicía o propio Carlos C. Varela, agacha baixo a súa apariciencia de inofensivo manual práctico unha proposta política de reorganización social revolucionaria. Fóra de aquí paréceme especialmente interesante a proposta de Ted Trainer, de quen dentro duns meses teremos a tradución a castelán do seu libro máis revolucionario e todo o que levan anos construíndose en Chiapas, o Curdistán e nalgúns outros lugares. Hoxe en día o máis valioso véxoo nos terreos do ecoanarquismo, do decrecemento, das cidades en transición, do ecofeminismo, das ecoaldeas, do municipalismo libertario, da recuperación do concello aberto e das loitas indíxenas e polas soberanías da terra (pensemos nas ameazas aos nosos montes comunais), da enerxía, da auga, das sementes... Algo que poderiamos englobar no termo de "ecocomunitarismos". É dicir, en terreos que non ocupan precisamente moitos minutos nos debate políticos que botan as televisións e que determinan o terreo do posible na política partidista, e xa que logo, estatal. Quen queira ver e vivir a revolución debería apagar a tele, aparcar un chisco as redes sociais online e ollar ao seu redor movementos minoritarios que están sementando a mudanza de civilización que tarde ou cedo terá que seguir o resto da sociedade, se non quere acabar na outra opción, a fascista (e no caso do noso país o neocolonialismo extractivista, enerxético e alimentar).

"O máis interesante a día de hoxe está xurdindo moi "por baixo do radar", fóra do foco dos grandes de medios de comunicación e do teatro electoral"

Que medidas concretas se poden adoptar de cara a unha adaptación social pospetróleo?

Tanto na xa devandita Guía para o descenso enerxético como tamén nun anexo deste novo libro ou en sitios de referencia en Internet como poden ser Municipios pospetróleo hai unha ampla batería de ideas, por suposto moi mellorable e ampliable. Hai un bo feixe de xente pensando en todo o mundo como pasar á práctica, tanto para unha adaptación desde riba (top-down) como desde baixo (bottom-up), para levantar unha nova civilización moi diferente entre os cascallos desta. Ambas as dúas parécenme estratexias válidas e mesmo hai quen apostamos por unha "estratexia dual" que combine a acción desde gobernos, concellos, etc. coa acción social de base. Cada unha ten as súas dificultades, os seus ritmos, as súas potencialidades e as súas limitacións. O que está claro é que hai que poñelas en marcha xa, sen agardar a que haxa unha consciencia social maioritaria da situación de colapso.

"Os prezos actuais do petróleo están dando unha perigosa impresión de tranquilidade, mentres o colapso progresa imparable en forma de exclusión social, de aumento do espolio, de colapso progresivo en diversas áreas do mundo"

Os prezos actuais do petróleo están dando unha perigosa impresión de tranquilidade, mentres o colapso progresa imparable en forma de exclusión social, de aumento do espolio, de colapso progresivo en diversas áreas do mundo, de destrución de industrias, de deterioro ambiental, de esgotamento de recursos vitais... Se agardamos a que haxa racionamento nas gasolineiras ou desabastecemento nos supermercados entón será demasiado tarde e teremos perdido a ocasión de prepararnos cando aínda tiñamos recursos. Por citar só un par de medidas importantes: desde abaixo podemos irnos organizando a nivel local en cooperativas integrais (estilo Enric Duran e compaña) ou de desenvolvemento comunitario (por usar a terminoloxía de Trainer), e desde os concellos podemos ir promovendo a autosuficiencia alimentar poñendo hortas urbanas ou periurbanas por todas partes.

Como debe ser a esquerda postindustrial?

Antes todo debe ser consciente de que debe ser postindustrial. Isto é, consciente de que conceptos ata o de agora fulcrais para ela como o traballo, a industria, o máis para todos, están a se esborrallar e que non van volver. Entramos nun período civilizatorio totalmente novo, que terá moito do período preindustrial pero tamén cousas moi diferentes, comezando polo feito de que agora temos unha poboación sete veces a que había entón, e unha biosfera moito máis deteriorada. Isto debe levar tamén, na miña opinión, a que se supere dunha vez a separación histórica entre esquerda estatista e antiestatista (marxistas e anarquistas, dito doutro modo), principalmente porque a vía estatal ao comunismo perde potencialidade en paralelo ao devalo enerxético-civilizatorio. Non quero con isto dicir que tras o petróleo non vaia haber Estados, porque tamén os houbo antes, por suposto; pero si que van ser Estados moi diferentes aos actuais, con moitísimos menos recursos e poder (para o ben e para o mal). Por suposto, esquezámonos de nada parecido ao Estado do Benestar, que case toda a esquerda teima en manter ou recuperar.

"Ante todo [a esquerda] debe ser consciente de que debe ser postindustrial. Isto é, consciente de que conceptos ata o de agora fulcrais para ela como o traballo, a industria, o máis para todos, están a se esborrallar e que non van volver"

Xa que logo, boa parte do noso futuro vaise xogar fóra do terreo estatal, e de aí que cobre importancia o concepto do comunitario (e dos bens comúns), como esfera aparte da pública (estatal) e a privada. A esquerda podería resituarse perfectamente nese novo contexto, aínda que xa estamos a ver que lle vai custar moitísimo, sobre todo se segue teimando en camiños sen saída como a socialdemocracia "reloaded" de Podemos, Syriza, etc. Esa non é a esquerda que precisamos, e se non mudan de propostas e trocan o neokeynesianismo polo decrecemento socialmente controlado, o que van facer é sementar a súa propia destrución cando a realidade do colapso demostre que son inviables as súas propostas e lle dea ás á estrema dereita.

Capa do libro Dominio Público Praza Pública
Manuel Casal Lodeiro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.