Vetan a colocación de carteis antitaurinos na Coruña

Cartel contra as touradas que forma parte da campaña © GMST

Os carteis publicitarios antitaurinos son vetados na Coruña. Iso é o que denuncian a plataforma Galicia Mellor Sen Touradas (GMST), a Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber, que advirten de quqe a empresa concesionaria de diferentes soportes de márketing da cidade, Mugasa, vén de censurar a campaña que estas tres organizacións ían poñer en marcha nos vindeiros días a través da colocación de diferentes carteis.

Tres organizacións abolicionistas denuncian que Mugasa censura a colocación de carteis e argumenta que non quere "inmiscuirse en temas sociais"

"Non temos dereito a contratar valados publicitarios", quéixanse as organizacións, que aseguran que Mugasa argumentou que "non quería inmiscuirse en temas sociais" para vetar os carteis nos que, por exemplo, se pode ler A Coruña pola abolición. As touradas non son ben de interese cultural. As agrupacións amosaron a súa "irritación", pero a Fundación Franz Weber foi máis aló ao denunciar que se censura "a actividade dunha organización colaboradora de Unesco", xa que a fundación suíza "traballa en materia de conservación da biodiversidade en diferentes países do mundo".

Ademais, o voceiro de GMST, Rubén Pérez, calificou a actitude de Mugasa como “moi desafortunada” e lembrou que esta empresa si permite a instalación de toda clase de publicidade de corte político e que se está a "discriminar o 73% dos coruñeses e coruñesas que rexeitan a celebración de festexos taurinos na cidade e que cada ano contan con achegas municipais".

A censura afecta a unha campaña financiada grazas ao mecenazgo colectivo e a achega de máis de cen doantes anónimos

"A censura é especialmente exacerbada xa que esta campaña impulsada polos tres colectivos abolicionistas fora financiada grazas ao mecenazgo colectivo, onde participaron 109 doantes anónimos", insisten as agrupacións, que advirten que estes fondos serán reconducidos a outros soportes publicitarios que non censuraron a actividade nin as reivindicacións contra o uso de fondos públicos en espectáculos crueis cos animais.

"A actitude da empresa encargada de colocar os soportes lembra  tempos que parecían esquecidos, cando os censores decidían que podía ou non emitirse, dicirse ou publicitarse", denuncia Rubén Pérez, que cre que estas actitudes actúan como un “somnífero de acción colectiva”.

Cartel contra as touradas que forma parte da campaña © GMST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.