VÍDEO | "Eu son feminista porque..."

Captura do vídeo publicado polo alumnado © IES Politécnico de Vigo

"Son feminista por unha débeda coas mulleres do pasado e do futuro". "Son feminista porque as mulleres non somos simples corpos, non estamos feitas para o consumo masculino; non somos obxectos nin escravas de ninguén, non pertencemos a ninguén, só a nós mesmas". "Son feminista porque o primeiro que lle deberían preguntar a unha muller que foi violada non é como ía vestida" "Eu son aliado porque creo que unha muller non debería preocuparse por ir soa pola rúa de noite"... 

Alumnas e alumnos do IES Politécnico de Vigo veñen de lanzar un vídeo no que explican as súas razóns para definirse como feministas. Trátase dunha iniciativa impulsada polas profesoras Carme Adán e Ana Ojea coa vista posta na celebración do 8 de marzo. O vídeo será proxectado na entrada do instituto durante toda a semana.

Para a realización do vídeo, pedíuselles a un gran número de estudantes do centro que expresasen os seus motivos para seren feministas, sen guión previo, resultando un mosaico de voces e argumentos que subliñan o lugar da muller na sociedade en pé de igualdade e a denuncian as barreiras, comportamentos e violencias que aínda seguen a sufrir.

"Son feminista por casualidade, porque un día olleime no espello e dixen: estou farta disto, estou farta de ter que amoldarme a unha sociedade por algo que é parte de min, do meu corpo. Estou farta", di unha das alumnas que pecha a gravación.

Captura do vídeo publicado polo alumnado © IES Politécnico de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.