VÍDEO | Unha muller denuncia que o Sergas lle nega o tratamento por querelo nun centro público

Soledad (esquerda), coas súas fillas CC-BY-SA Praza Pública

Soledad foi operada dun xeonllo no compostelán Hospital Provincial de Conxo no ano 2000. A operación transcorreu con normalidade, se ben foi advertida de que nun futuro precisaría a implantación dunha prótese. Dez anos despois a mesma doente tivo que someterse a un tratamento oncolóxico contra o cancro de mama, cuxos efectos secundarios provocaron que o seu xeonllo "empeorase" e as dores aumentasen. En xuño de 2015 foi incluída en lista de espera a para a implantación da prótese e en outubro chamárona para citala, pero para "practicar a operación nun centro privado concertado". Soledad "solicitou ser atendida nun hospital público" e por este motivo, afirma, o Sergas "négalle" a asistencia.

Segundo o testemuño desta paciente, divulgado co apoio da Asociación de Pacientes do CHUS, a dilación na intervención está a provocarlle "graves problemas de mobilidade" e dores que "practicamente me impiden saír da casa". Á doenza do xeonllo engádese a necesidade de ser intervida por Hallus Valgus -os coñecidos popularmente como 'juanetes'-, pola que tamén agarda a poder ser atendida nun centro da rede pública e non nun hospital concertado.

A recente lei de garantías de prestacións sanitarias consagra o trasvase de doentes do Sergas cara a centros privados

A "penalización" por reclamar a asistencia pública, di a asociación, está abeirada nun decreto do ano 2005 e na máis recente lei de garantías de prestacións sanitarias que, como vén informando Praza.gal, consagra o trasvase de pacientes á sanidade privada. "Reiteradas testemuñas" recibidas no colectivo, aseguran, acreditan que "os pacientes son vítimas dunha deficiente atención" cando son derivados a "centros privados concertados" para probas e intervencións. "Todo isto -resaltan- ten a súa orixe nun modelo sanitario que inclúe aos centros privados na rede de recursos asistenciais" do sistema público "nos que se prima a rendibilidade económica sobre a calidade asistencial".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.