Vigo: 18 mil pisos baleiros que non impiden que Analía quede na rúa

Concentración ante o Concello de Vigo, este venres Dominio Público PAH Vigo Tui-Baixomiño

Milleiros de persoas perderon a súa vivenda nos últimos anos, ou están en perigo de perdela, ben por non poder pagar as cotas da súa hipoteca, ben por non poder enfrontar o custe do aluguer. O caso da viguesa Analía Méndez e as súas dúas fillas de 10 e 15 anos é só un de tantos, dramático en si mesmo, pero que ademais serve para chamar a atención sobre un dos grandes problemas da actualidade, cunha incidencia moi importante en Vigo e comarca.

Sen ingresos, Analía acumula unha débeda de 5.500 euros correspondentes ao alugueiro dun piso na rúa Pizarro, de Vigo, que desaloxará tras chegar a un acordo coa propietaria. Recibiu do Concello o compromiso de que a administración se faría cargo da metade da débeda, pero iso non solucionaría o problema, pois carece de ingresos para continuar pagando. O que pide é que o Concello lle proporcione unha vivenda alternativa, para non quedar na rúa. Segundo La Voz de Galicia, Analía Méndez sinala que recibiu do Concello o compromiso de que o día 2 tería unha solución, "pero ninguén contactou comigo nin me chamou".

"Analia non recibiu resposta do Alcalde de Vigo. Analia e as súas dúas fillas irán á rúa, quedan sen casa. A pesar que a Constitución e o señor Alcalde garanten unha solución"

A Plataforma de Afectados polos Desafiuzamentos de Vigo e Val Miñor convocou este venres unha sentada ante a Casa do Concello para reclamar unha solución para estes caso e para todas as persoas sen fogar ou en risco de perder a súa vivenda na cidade. "Analia non recibiu resposta do Alcalde de Vigo. Analia e as súas dúas fillas irán á rúa, quedan sen casa. A pesar que a Constitución e o señor Alcalde garanten unha solución".

A plataforma é moi crítica coa xestión que o goberno municipal está realizando neste eido, sobre todo despois de que ao longo do 2012 Abel Caballero se posicionara con firmeza en contra dos desafiuzamentos, destacando que o Concello de Vigo non cooperaría en desafiuzamento ningún, anunciando que retiraría as contas municipais das entidades bancarias que impulsasen desaloxos e gabándose de negar o apoio da policía local para este tipo de execucións. 

Outro dos argumentos que salienta a plataforma é a existencia en Vigo de arredor de 18.500 pisos baleiros, o 13% do total, segundo datos do INE

Outro dos argumentos que salienta a plataforma é a existencia en Vigo de arredor de 18.500 pisos baleiros, o 13% do total, segundo datos do Instituto Nacional de Estadística. E tamén lembran que o Concello ten a propiedade directa dalgúns deles, que poderían servir para aliviar a situacións dalgunhas das familias desafiuzadas. Entre elas, destacan o caso das 50 vivendas baleiras de propiedade municipal na rúa Rosalía de Castro. O Concello xa anunciou a súa intención de vender 40 delas (outras 10 serán cedidas a Adif) para conseguir ingresos (ao redor de 10 millóns de euros) que servirán para construír a nova Cidade da Xustiza.

"Nestes momentos tanto a Xunta coma o Concello de Vigo teñen vivendas suficientes para que se faga valer o dereito constitucional a unha vivenda digna"

A PAH afirma que "non podemos entender que o Concello de Vigo, o menos endebedado do país, como repite o Alcalde cada vez que ten ocasión, que termina cada exercicio con fondos dabondo e que utiliza para pagarlle á banca, mentres diminúe drásticamente o que dedica ás axudas sociais, e que prometeu presionar para axudar ás familias desta cidade, actúe como senón pasase nada". E reclama que "as administracións publicas, a Xunta e o Concello, teñen que poñer as medidas resolutivas e preventivas adecuadas" para evitar que máis persoas sigan quedando na rúa, pois "nestes momentos tanto a Xunta coma o Concello de Vigo teñen vivendas suficientes para que se faga valer o dereito constitucional a unha vivenda digna".

Concentración ante o Concello de Vigo, este venres Dominio Público PAH Vigo Tui-Baixomiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.