Vigo reinicia pola noite e por sorpresa as obras na rotonda de Coia

Reinicio das obras na rotonda de Coia CC-BY FB-Asemblea Aberta de Coia

O Concello de Vigo reiniciou na noite deste domingo ao luns as obras na rotonda de Coia. A construtora contratada pola administración local comezou de novo os polémicos traballos para colocar o barco de Alfageme sobre a medianoite e por sorpresa, cando comezou a desprazar maquinaria ata a zona. Uns vinte veciños saíron das súas casas para concentrarse ante uns labores que estaban protexidos por varias patrullas da policía local.

Dúas escavadoras, catro camións e varios operarios reiniciaron os traballos sobre as 12 da noite

Segundo a Asemblea Aberta de Coia, dúas escavadoras e catro camións, xunto a diferentes operarios, desprazáronse á zona de noite e reanudaron uns traballos acompañados dun importante dispositivo policial. O Concello teima así nunhas obras que están sendo fortemente rexeitadas polos veciños, que o pasado sábado celebraron unha nova xuntanza e ofreceron unha rolda de prensa e que este mesmo luns volven estar convocados para as sete da tarde.

A asemblea aberta do barrio denunciou este sábado a actuación do Concello e negou calquera agresión á policía local, tal e como se lle atribúe a varios persoas, logo de que o goberno municipal denunciase tamén ante a Fiscalía e a Subdelegación do Goberno 25 dos 40 veciños identificados durante este mes no que saíron en varias ocasións á rúa para portestar contra as obras. “A policía local ten ordes expresar do Concello para criminalizar a protesta”, advertiu Esther Lora, veciña do barrio e avogada dos dous detidos da pasada semana e ás que se uniu un novo arrestado ao que acusan, como aos outros, de atentado contra a autoridade e lesións.

Tres veciños foron xa detidos e 25 denunciados ante a Fiscalía polas protestas contra as obras na rotonda de Coia

En definitiva, foron xa tres as persoas detidas e 25 as denunciadas polas protestas da rotonda, mentres que a Fiscalía aceptou a trámite unha querela presentada polos veciños de Coia pola tramitación administrativa do proxecto. Abríronse así dilixencias de investigación penal por posibles delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos tras a denuncia interposta pola Asemblea Aberta do barrio vigués.

O Concello, non obstante, insiste en que non vai tolerar o que considera actos vandálicos e insiste nunhas obras rodeadas de polémica e rexeitamento social. Os veciños e veciñas de Coia levan semanas impedindo o inicio dos labores na rotonda da avenida Castelao, unha actuación baseada na instalación alí do barco Bernardo Alfageme, propiedade do Concello, e criticada polo seu elevado custo. Ademais, o pleno municipal -cos votos de PP e BNG- votou en contra das obras o pasado 22 de decembro (como xa fixera hai dous meses).

A cidadanía critica o elevado custo da obra (de cando menos 100.000 euros, como recoñece o goberno local), que se sumarían a outros gastos xerados por este barco, que dende que foi adquirido polo Concello acumula un desbaldimento de cartos públicos de case un millón de euros. Lembran en en todo o concello hai 32.000 persoas desempregadas. Propoñen tamén localizacións alternativas para a instalación deste barco, como por exemplo o Museo do Mar de Galicia, situado na cidade, unha proposta que foi aprobada pola maioría do pleno municipal, ou tamén na finca Zulueta, próxima ao museo.

Obras pola noite na rotonda de Coia gravadas polas cámaras municipais Dominio Público Praza Pública
Reinicio das obras na rotonda de Coia CC-BY FB-Asemblea Aberta de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.