Vítimas e BNG cuestionan a negativa europea a facer público o informe sobre o Alvia

Concentración da plataforma de vítimas, este verán en Compostela © Plataforma Alvia 04155

Hai uns días a Comisión Europea comunicou a súa negativa a facer público o informe que a Axencia Ferroviaria elaborou sobre as causas do accidente do Alvia. Fíxoo alegando que a súa divulgación "podería afectar á mutua confianza" entre España e as institucións comunitarias. E engadindo, ademais, que ten aberto un procedemento de infracción comunitario contra o Estado español por considerar que este incorre en ilegalidade na transposición da Directiva de Seguridade Ferroviaria de 2004, sinalando neste senso que "as institucións denegarán o acceso a un documento cuxa divulgación supoña un prexuízo para a protección do obxectivo das actividades de inspección e auditoría, salvo que a súa divulgación revista un interese público superior". Un interese público do que -segundo dá a entender a Comisión europea- carece un sinistro no que morreron 81 persoas.

A Comisión Europea alegou que a súa divulgación "podería afectar á mutua confianza" entre España e as institucións comunitarias

Vítimas e partidos políticos cuestionan esta decisión e esixen a difusión deste informe. Representantes da Plataforma de vítimas do Alvia 04155 lanzaron este mércores unha petición online, apoiada xa por máis de 6.500 persoas, que reclama a publicación do documento "imprescindible para dar luz ás causas do accidente e garantir a seguridade do transporte ferroviario en España e en Europa". A petición lembra un posicionamento anterior da Axencia Ferroviaria Europea na que esta sinala que "as investigacións dos accidentes deben ser públicas e independentes. Determinar e divulgar todas as causas e circunstancias dos accidentes é imprescindible para que se poidan tomar medidas preventivas adecuadas e impedir que un feito similar volva ocorrer".

Miranda: "O informe ten un enorme interese público que é aprender da traxedia para evitar novos accidentes deste tipo e ningún interese pode estar por riba do de salvargadar vidas”

De igual xeito, o BNG vén de presentar un recurso ante a Unidade de Transparencia da Secretaria Xeral da Comisión Europea. A portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Pontón, salientou que os argumentos da Comisión Europea para rexeitar a súa petición “non son de recibo, pois o BNG considera que a divulgación dese informe da Axencia Ferrroviaria Europea ten un enorme interese público que é aprender da traxedia para evitar novos accidentes deste tipo e ningún interese pode estar por riba do de salvargadar vidas”. “Ademais, o informe que a Comisión se nega a difundir mesmo rexeitando a petición da asociación de vítimas, pode contribuír ao esclarecemento da verdade e ter repercusión non só no ámbito das responsabilidades políticas senón tamén no ámbito xudicial”, indicou Miranda.

Concentración da plataforma de vítimas, este verán en Compostela © Plataforma Alvia 04155

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.