Xanceda: Ecolóxicos do prado á neveira

Xanceda é a segunda granxa ecolóxica de España en produción © Casa Grande de Xanceda

Eran os anos sesenta. María Victoria Fernández-España (neta do fundador de La Voz de Galicia e anos despois deputada por Alianza Popular) e o xornalista Felipe Fernández-Armesto (máis coñecido como Augusto Assía), propietarios da coñecida como Casa Grande de Xanceda, unha casa señorial do século XVIII, dan comezo á explotación gandeira con trinta vacas frisonas traídas de Canadá. Contan que xa daquela, aínda que o concepto non estaba tan delimitado nin por suposto había certificacións oficiais, deseñaron o funcionamento da granxa en función de criterios ecolóxicos, descartando o uso pesticidas, herbicidas e outros produtos químicos.

Foi o comezo dunha explotación ecolóxica que hoxe conta con 22 traballadores e traballadoras e ao redor de 400 vacas, o que a converte na segunda granxa máis importante do Estado español en produción de leite ecolóxico, e que ademais dende hai anos pon no mercado unha variada oferta de produtos, dende iogures, queixos até manteiga. Porén, a Casa Grande de Xanceda non só destaca polo seu tamaño ou polos seus produtos, senón tamén polo seu intenso uso das novas tecnoloxías, tanto na xestión interna da granxa coma á hora de difundir e amosar o seu modelo de produción. E nos últimos tempos tamén se fixeron moi populares as visitas guiadas que os seus responsables organizan todas as fins de semana.

Que diferencia o leite ou os iogures ecolóxicos daqueles que non o son? Que os fan diferentes e merecedores da certificación que outorga o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega)? Fundamentalmente, que no seu proceso de produción non interveñen químicos engadidos: nin fertilizantes, herbicidas nin pesticidas para os prados ou o millo e o centeo que compoñen a alimentación das vacas, nin suplementos artificiais (hormonas) para o incremento da produción leiteira, nin antibióticos para os animais. Tampouco para as froitas que se engaden aos iogures, por exemplo (o que fai que teña que ser importada de Austria na súa maior parte, debido á escasa produción que se rexistra en España). E por suposto os iogures ou o queixo non contan con ningún engadido, coma os sólidos lácteos e outros aditivos presentes habitualmente neste tipo de produtos.

Significa tamén un trato distinto para as vacas: teñen máis espazo (contan con 1 hectárea de terreo por cada dous animais, un total de 200.000 metros cadrados de superficie), non están estabuladas, viven ao aire libre a maior parte do tempo, e non son forzadas a ser muxidas, de xeito que a súa produción media (20 litros por vaca e día) é máis ou menos a metade da que se rexistra nas explotacións convencionais. Iso si, todo iso garante un maior benestar para os animais e ten como consecuencia que vivan o dobre de anos que o resto das vacas leiteiras.

 

"As persoas empezan a se preocupar pola orixe do produto"

Co cambio xeracional e en busca da supervivencia da explotación ante a caída dos precios do leite, en 2005 obtiveron a certificación oficial ecolóxica e iniciouse a transformación e comercialización de productos elaborados coa súa propia marca. En 2007 comezaron a producir iogures e en 2011 introduciron o queixo. A súa marca pouco a pouco vaise introducindo nas cadeas de distribución; por suposto, nas tendas de produtos ecolóxicos, pero tamén en grandes superficies coma Gadis, Carrefour, Eroski ou El Corte Inglés. Os produtos ecolóxicos non deixan de gañar cota de mercado en Galicia, aínda que é certo que o crecemento é lento, e que polo de agora o seu consumo está aínda moi por detrás do que se rexistra na meirande parte dos países de Europa Occidental. Os españois gastan unha media de 21 euros por persoa e ano (un 10% máis que o ano anterior), fronte aos 177 euros de Suiza, os 162 de Dinamarca, os 134 de Luxemburgo ou os 127 de Austria. Aínda así, os produtos ecolóxicos galegos xa facturan máis de 22 millóns de euros todos os anos, a través de 607 empresas.

"Cada vez hai máis conciencia social. As persoas empezan a se preocupar pola orixe do produto; non só pola procedencia xeográfica, senón tamén polo que hai detrás dese produto (vacas en base a pastoreo, galiñas non engaioladas...)"

En Xanceda destacan que "cada vez hai máis conciencia social. As persoas empezan a se preocupar pola orixe do produto; non só pola procedencia xeográfica, senón tamén polo que hai detrás dese produto (vacas en base a pastoreo, galiñas non engaioladas...)". E engaden que "as persoas comezan a mirar as etiquetas e a rexeitar alimentos con aditivos innecesarios e buscan produtos sen porcarias". Recoñecen que a meirande parte dos produtos ecolóxicos que se producen en Galicia expórtanse, polo aínda baixo nivel de consumo interno, aínda que no seu caso, por tratarse dun produto fresco (leite, iogures...), "apostamos polo mercado local e a verdade é que estamos encantados coa acollida que se nos está dando tanto en Galicia como no resto de España".

En canto aos prezos, na granxa destacan que os produtos ecolóxico custan máis porque "son máis caros de producir". E poñen o exemplo de que "unha vaca ecolóxica produce a metade de litros que unha vaca convencional. Ou unha hectárea de millo ecolóxica, sen tratamentos de pesticidas produce un 40% menos que unha hectárea tratada con produtos químicos". Engaden que "desde o punto de vista ambiental é preferible apostar polo local", sobre todo para reducir "a pegada de carbono", co menor transporte posible.

Hai uns meses, nunha entrevista en Praza, José Antonio Fernández, presidente do Craega, amosaba un moderado optimismo con respecto ao futuro das producións ecolóxicas: "a pesar da crise e de que neste momento estamos sen axudas, que consigamos manternos e mesmo crecer algo, é importante". E auguraba a que será o incremento do consumo interno, galego e español, destes produtos, o que levará a un cambio no sector: "no momento en que cheguemos á metade da media de consumo por habitante de Alemaña, aumentará moito a produción", e nese momento, cando a produción sexa maior, "os prezos igualaranse aos dos produtos non certificados". Mesmo destacaba que xa na actualidade os produtos ecolóxicos non son necesariamente máis caros, pois en moitos casos as súas curtas canles de comercialización, que eliminan a figura dos intermediarios, abaratan moito os prezos, deixándoos ao mesmo nivel que os produtos non certificados.

 

Visitas guiadas para difundir a súa filosofía de traballo

"Cremos nos sistemas de producción ecolóxicos como forma de preservación e desenvolvemento sostible do medio ambiente. Todas as nosas actuacións van encamiñadas a xerar credibilidade"

A Casa Grande de Xanceda organiza todas as fins de semana visitas guiadas á granxa e tamén se realizan actividades para grupos de escolares. O obxectivo é amosar o seu modelo de produción, a forma en que viven as vacas, o xeito en que son muxidas, e tamén que os consumidores ou posibles consumidores vexan as instalacións nas que se leva a cabo todo o proceso de produción. En grupos pequenos (é necesario reservar con antelación) e cun custe de 3 ou 4 euros por persoa, nenos, nenas e maiores poden visitar e mesmo darlles leite aos cuxos, e ver os outros animais (ovellas, porcos, ponis, burros) tamén presentes na granxa.

Estas visitas son unha mostra do gran coidado que os responsables da Casa Grande de Xanceda puxeron na difusión do seu traballo. Un coidado que se percibe no intenso e intelixente uso das redes sociais, na que varias veces ao día informan de cada pequeno suceso que ten lugar na granxa. Unha boa forma de facer pedagoxía sobre a importancia de preocuparse non só polo prezo ou o sabor do produto final, senón pola calidade de todo o proceso, e polo impacto que xerou nos animais que o produciron e na natureza no seu conxunto. "Asumimos un importante compromiso empresarial, social e mediambiental, cremos nos sistemas de producción ecolóxicos como forma de preservación e desenvolvemento sostible do medio ambiente", destacan, e engaden que "todas as nosas actuacións van encamiñadas a xerar credibilidade: envase precintado, instalacións visitables, controis de calidade internos e externos, transparencia informativa...".

Este modélico uso das novas tecnoloxías dende unha empresa situada no rural tamén se deixa ver na xestión interna da granxa, totalmente informatizada, e na que cada vaca conta cunha pulseira dixital nunha das súas patas. Este aparello contén toda a información sobre o animal (identidade, idade, enfermidades, produción leiteira...) e mesmo conta os pasos que dá ao longo do día nos prados. Esta información permítelles aos responsables da granxa facer un seguimento diario e individualizado do seu estado de saúde, algo que sería imposible, nunha explotación con case 400 animais.

En Xanceda prodúcense iogures, leite, queixo e manteiga © Casa Grande de Xanceda
En Xanceda hai ao redor de 400 vacas e cuxos © Casa Grande de Xanceda
Na granxa traballan 22 persoas © Casa Grande de Xanceda
Xanceda é a segunda granxa ecolóxica de España en produción © Casa Grande de Xanceda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.