A plataforma 'Incineradora no Deza Non' leva meses informando e mobilizando os veciños e veciñas de Lalín e comarca sobre a instalación dunha incineradora na zona. Durante meses, Dozón foi unha das localizacións máis probables; finalmente, o proxecto situou O Irixo, a uns dez quilómetros de Lalín. Quéixase da falta de información sobre o proxecto, da indefinición do alcalde da vila, Xosé Crespo, e en xeral, afirma que a plataforma "nega a maior", sendo contraria á planta en proxecto e tamén á política de residuos da Xunta, centrada na incineración.
Como está sendo a mobilización social no Deza?
Para que a xente se mobilice, a ameaza ten que ser clara, e até hai pouco todo o que sabiamos era que había movementos dentro do PP para decidir onde a ían poñer, pero era como traballar a cegas. Dende que se anunciou que se ía instalar no Irixo, é máis doado chegar á xente. Facemos charlas informativas, pero parece que a nosa mensaxe é subversiva, porque lle están dicindo á xente que non veña ás charlas. A xente ten que ser libre. Levamos dúas mobilizacións exitosas na rúa, no Carballiño e no Irixo. Antes da manifestación do Irixo fíxose aquí unha xuntanza á que acudiron representantes de 22 colectivos e partidos.
A posición do PP non é unánime. Hai alcaldes, coma o do Carballiño, que se manifestan en contra..
Si, pero a posición do alcalde do Carballiño hai que matizala, porque na Deputación de Ourense votou a favor. Parece que o PP é unha organización tan poderosa, que é capaz de dar dous discursos. Non se pode ser o bo e o malo da película. Houbo eleccións nos últimos meses e este tema nunca estivo no debate, non ía nos programas. A democracia non é votar cada catro anos, é debater e é informarse.
Como valorades a posición do alcalde de Lalín?
O noso alcade din que está preocupado pola incineradora, pois se está preocupado, que diga que non a quere, coma o do Carballiño. Se hai peso político hai que exercelo. Non dubido de que traballou para que non estivese no Deza, pero de que serviu? Non está no Deza, pero está a carón. Esta comarca vive do que vive; o textil sufriu unha crise grande, e tamén a construción, pero nesta comarca hai moitos gandeiros e moitos están tentanto facer produtos ecolóxicos, con selo de calidade.
Falouse mesmo de que se ía instalar en Dozón...
O alcalde de Lalín di que se estivo traballando dende maio do ano pasado para sacalo do Deza, de Dozón. No Deza non está, pero está a dez quilómetros en liña recta. Hai que darse conta de que isto non é só unha incineradora, ten outras instalacións asociadas, vai ter un vertedoiro, un vertedoiro de escouras, as cinzas...
Hai falta de información?
Si, un dos problemas é que se está agochando o que realmente queren facer, e a cousa estase tentando difuminar. A desinformación é consciente. Hai un estudo? Onde se vai facer? Como vai ser? A intención de facela é clara, pero non están dando todos os datos. É moi desconcertante todo: o outro día reunímonos con deputados do PP e parecía que non tiñan información sobre o tema, mesmo tivemos que debuxarlles un mapa. Pero o mesmo día o seu portavoz, Pedro Puy, dicía que cando a xente teña toda a información se convencerá de que o proxecto é bo. É dicir, parece que Puy si ten información. E non creo que sexa unha cuestión de falta de coordinación.
O principal argumento a favor da planta é que vai xerar postos de traballo na comarca, uns 250...
Si, uns 250. Pero se ti pos plantas de compostaxe en cada comarca, para tratar os residuos que se producen en cada lugar, creas máis empregos.
O problema é de modelo, polo tanto?
Si, nós negamos a maior e a menor. Estamos en contra da planta porque non ten sentido instalala aquí, pero estamos en contra da incineración en xeral. O problema é que a taxa de recuperación en Galicia é só do dez por cento, e iso non é nada. Vaise solucionar iso instalando outra incineradora? O que hai que procurar é que non se produza tanto lixo, hai que reutilizar e hai que reusar. A Xunta tamén manexa este discurso, pero hai que ver o que fan, hai que ver como se invisten os cartos, e invístense en incineración e non en compostaxe. Por que hai que queimar todo? Aquí antes os labregos e gandeiros facían compostaxe.
A contaminación da planta prexuducaría moito ás producións?
Digan o que digan esta planta contamina. A metade do ano os ventos veñen do Irixo para Lalín. E despois aquí hai moitos días de situación anticiclónica, e neses días o fume non vai para arriba, queda estancado. E hai moita humidade, tamén. Todos os contaminantes da incineradora fíltranse á auga e á terra. En Cerceda hai un problema, e en vez de minimizalo, queren duplicalo. Hai que saber canto contamina Sogama. Onde están os datos? Hai datos até que rematou o bipartito; pero dende entón onde están os datos?