Nicanor Acosta ten 74 anos. É un coñecido activista da Coruña, presente en todas as manifestacións, concentracións e loitas sociais da cidade. Sempre co seu megáfono, lanzando proclamas ou cedéndoo para que outros se expresen. Comprometido politicamente cos máis desfavorecidos desde a ditadura, mantén ese compromiso e colabora con múltiples colectivos, desde Stop Desafiuzamentos ata as plataformas dos preferentistas ou a Marea Atlántica, cuxa lista electoral integrou nas pasadas eleccións municipais. É ademais, Republicano de Honra de 2015, galardón concedido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. O vindeiro martes será xulgado polas multas interpostas na súa contra tras intentar deter o desaloxo da anciá Aurelia Rey en febreiro de 2013.
Nicanor Acosta, de 74 anos, é un coñecido activisa coruñés presente en todas as loitas sociais da cidade
A vista deste martes terá lugar logo de que Nicanor Acosta presentase recursos pola vía administrativa contra as sancións impostas pola Delegación do Goberno, tal e como informa Stop Desafiuzmentos Coruña nun comunicado. O xuíz terá que resolver o procedemento logo de que na sanción se acuse este home da "provación de reaccións no público que alteran ou poden alterar a seguridade cidadá". Reclamásenlle 600 euros, pero, tan só pola súa participación nas mobilizacións contra os desaloxos, xa acumula máis de 2.700 euros de sanción. Non é o único, xa que numerosos activistas da cidade pagaron ou están pendentes de pagar ducias de multas.
Reclámanlle 600 euros por "provocar reaccións no pública que alteran a seguridade cidadá" e xa acumula máis de 2.700 euros en sancións
"O que parece non entender nin a Policía Nacional nin a Delegación do Goberno é que as 'reaccións no público' causábaas un grupo de homes armados e uniformados que agrediron a xente para intentar botar da súa casa a unha octoxenaria, e non un home maior cun altofalante", di Stop Desafiuzamentos. Naquel episodio, varios cargos públicos -como os nacionalistas Francisco Jorquera ou Xosé Manuel Carril- tamén foran expedientados. Do mesmo xeito que Roberto Rivas, o bombeiro que saltou ás portadas por negarse a executar o desaloxo.
No caso de Nicanor Acosta, e de moitos outros activistas, a "solidariedade de moita xente" permitiulles garantir a cobertura económica para sufragar as sancións tras a campaña Múltannos a nós para asustarte a ti que a plataforma realiza desde 2013. "Un éxito do compromiso colectivo fronte ás ameazas e a persecución que vén realizando o Goberno contra os movementos sociais a través da policía nacional e demais organismos estatais de represión", di o colectivo, que denuncia a "inxustiza e acoso que está a sufrir o noso compañeiro".
Por iso, Stop Desafiuzamentos convoca a cidadanía a unha concentración este martes 13 ás 10 horas diante do edificio Proa de Matogrande "para amosarlle a Nicanor o noso apoio e o rexeitamento á política represiva do Goberno".