Xulgan este luns por lesións os axentes que detiveron un cámara da CIG na folga xeral

Varios axentes, sobre o cámara da CIG no momento da detención CC-BY-NC-SA CIG

Reducir con dureza a quen só grava o que está a acontecer nunha acción pacífica dunha xornada de folga xeral. É o que aconteceu en Vigo na folga xeral do pasado 29 de marzo cun cámara da Confederación Intersindical Galega como principal afectado. O reporteiro gráfico tomaba imaxes dun piquete nun centro comercial de Vigo cando ata catro axentes antidisturbios o detiveron con suma dureza. Dous deles terán que sentar no banco dos acusados, nun xuízo de faltas por danos e lesións.

Segundo detallou o traballador da CIG tras a súa detención, a acción policial produciuse sen que os axentes lle deixasen marxe para, por exemplo, amosarlles a identificación que o acredita como xornalista ou aclararlles que nin sequera formaba parte do piquete -que se estaba a desenvolver sen incidentes-, senón que tomaba planos xerais do mesmo. A resposta dos policías ao intento de explicacións foi guindar o chan ao resporteiro gráfico, que ademais da detención rematou cunha escordadura de ombreiro e diversas contusións, explica a central sindical.

O traballador sufriu unha escordadura e múltiples contusións a causa da acción dos antidisturbios

Tras aqueles sucesos foron diversas as organizacións que amosaron a súa solidariedade co cámara da CIG, a comezar polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que reclamou explicacións das autoridades ademais de lembrarlles "o dereito de calquera cidadán a obter imaxes dun sitio público", máis aínda se é "con fins informativas". Ademais do xuízo de faltas aos policías o principal afectado por este suceso tamén terá que dar explicacións ante o Xulgado de Instrución número 7 de Vigo, no seu caso acusado de "desobediencia á autoridade", xa que os axentes aseguran que se "negou a identificarse" e "tentou impedir a súa detención", malia que ás imaxes existentes amosan o contrario.

Ante un proceso xudicial no que, en virtude da lexislación, a versión policial terá máis peso que calquera outra, a CIG "denuncia que se tratou dunha agresión policial" e "amosa a súa solidariedade co compañeiro", a cal se expresará tamén na propia xornada do xuízo.

O traballador amosa as lesións, tras ser posto en liberdade CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.