Xunta e ASOCIM instan a Ponte Caldelas a non pechar o Centro de Información para a Muller

Reunión entre a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e as representantes de Asocim © Xunta

Representantes da Asociación de profesionais dos CIM (ASOCIM) mantiveron este luns unha xuntanza coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, para analizar a situación creada pola decisión do Concello de Ponte Caldelas de pechar o Centro de Información para a Muller, eliminando os dous postos de traballo que dende hai anos ocupaban unha avogada e unha psicóloga e substituíndo o CIM por un "servizo integral de asesoría legal" que atenderá diversos asuntos (desafiuzamentos, separacións, problemas con subministros...) un día por semana.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, instou o alcalde de Ponte Caldelas a que "rectifique" a súa decisión, ao igual que a pasada semana xa o fixera ASOCIM. Tanto o Goberno galego coma a entidade subliñan que se trata dunha decisión inaudita, xa que é a primeira vez que un CIM é pechado en Galicia sen substituílo por unha oferta equivalente (déronse casos de concellos que eliminaron o seu CIM ao entrar nunha mancomunidade que compartía este tipo de servizos).

López Abella subliñou que nos últimos tempos "estanse a abrir novos CIM en concellos galegos, actualmente son 81 en Galicia, e que hai máis localidades que os solicitan". O financiamento dos CIM corresponde á Xunta de Galicia a través de fondos da UE. Cada ano o Goberno galego destina aos concellos algo máis de tres millóns de euros para este fin. Ponte Caldelas veu recibindo nos últimos exercicios uns 30 mil euros anuais para facer fronte á maior parte dos custos do centro. Na última resolución, publicada o 23 de decembro, concedéuselle unha axuda de 27.000 euros.

A secretaria xeral de Igualdade afirmou que "esta decisión prexudica as mulleres que sofren unha situación de violencia de xénero" e que "non se pode entender que despois de dez anos de traxectoria impecable se decida pechar sen explicar as causas". Fontes da Xunta sinalan que "ningunha muller que o requirise vai quedar sen atención e sinalou aos centros de A Lama, Soutomaior e Pontevedra, como referencia para as persoas que requiran de información e atención en Ponte Caldelas", mentres continúe "esta situación anómala".

Marga de la Calle, presidenta de ASOCIM, reiterou en conversa con Praza que "a argumentación empregada polo Concello de Ponte Caldelas non se sostén por ningures; nin houbo recorte por parte da Xunta, nin as cifras do custe do CIM son as que son, nin a reclamación das traballadoras de pasar a ser indefinidas sería gravosa para o Concello, porque esta conversión da súa situación laboral está incentivada". ASOCIM manterá nas vindeiras semanas xuntanzas con todos os grupos políticos do Parlamento galego para tratar este caso.

 

Reunión entre a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e as representantes de Asocim © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.