Yolanda Álvarez, Charlie Hebdo e Jordi Évole, entre os candidatos ao Premio José Couso

Ofrenda floral na estatua Ás Ceibes, dedicada a Couso e á liberdade de prensa © Colexio de Xornalistas

Yolanda Álvarez, Jesús Blasco de Avellaneda, Charlie Hebdo, Jordi Évole e a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información (PDLI) son os e as candidatas da undécima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social la Caixa. As candidaturas, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación.

O prazo para que os e as colexiadas do CPXG e os e as asociadas do Club de Prensa de Ferrol voten está aberto ata as 19 horas do luns 27 de abril. O gañador ou gañadora anunciarase o 7 de maio e recibirá o seu galardón nunha gala que se celebrará o 19 de maio no Teatro Jofre de Ferrol.

O gañador ou gañadora anunciarase o 7 de maio e recibirá o seu galardón nunha gala que se celebrará o 19 de maio no Teatro Jofre de Ferrol

Nas dez edicións anteriores o premio recoñeceu o traballo de Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

 

Os candidatos e candidatas

Yolanda Álvarez, xornalista de TVE desde 2004, foi enviada especial a países como Irán, Irak, Túnez, Sahara, Libia, Costa de Marfil, Haití, Perú, Arxentina, Francia ou Ucrania. En xullo de 2011, foi nomeada correspondente da canle pública en Oriente Próximo. As súas informacións provocaron que en agosto do 2014 a embaixada de Israel a cualificara de "correa da transmisión das mensaxes de Hamás". A finais de marzo, a dirección da TVE relevouna do seu posto.

Jesús Blasco de Avellaneda é un destacado xornalista, fixer e produtor español referente no xornalismo social e de dereitos humanos que destaca polo seu traballo desde hai moitos anos na fronteira sur de Europa. Centrado na defensa dos valores humanos,foi o primeiro xornalista en denunciar os abusos nas migracións sur-norte e en mostrar imaxes das expulsións irregulares de inmigrantes, o que lle valeu varias detencións e tamén numerossos premios.

O semanario satírico francés Charlie Hebdo fixo 45 anos como referente do humor crítico e irreverente, implacable cos abusos do poder. O atentado que sufriu en xaneiro deste ano, con doce persoas asasinadas, entre elas autores centrais do humor gráfico como Cabu, Wolinski, Honoré, Tignous e Charb, convertiuno nun símbolo internacional da defensa da liberdade de expresión.

Jordi Évole, xornalista e presentador en distintos medios de comunicación, acadou especial sona a partir do ano 2008, no que estrea Salvados, un programa que mestura reporteirismo atrevido cunha perspectiva irónica e que foi evolucionando cada vez máis cara á información-denuncia. Ao longo da súa traxectoria viuse en ocasións ameazado, e noutras presionado para non emitir reportaxes determinada

Un grupo de organizacións e persoas dos ámbito xurídicos, xornalístico e social preocupados polas ameazas ás liberdades de información e de expresión en España constituíron o novembro pasado a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información. Con esta candidatura téntase recoñecer o labor da PDLI, que presentou o informe Límites y amenazas al ejercicio de la libertad de expresión e información en España e impulsa accións contra esta perigosa tendencia.

Portada de 'Charlie Hebdo' posterior ao atentado Dominio Público Praza Pública
Jordi Évole Dominio Público Praza Pública
Yolanda Álvarez Dominio Público Praza Pública
Jesús Blasco de Avellaneda Dominio Público Praza Pública
Presentación do informe da Plataforma na Defensa da Liberdade de Información © PDLI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.