187 escritores e escritoras da lusofonía asinan un manifesto “contra o racismo, a xenofobia e o populismo” en Portugal

Carta aberta e imaxe da Assemblea da República CC-BY-SA Praza Públcia - Assemblea da República

Admiten o risco de “dar palco ao que, em circunstâncias normais, não mereceria uma nota de rodapé”, pero salientan que “quem adormece en democracia acorda em ditadura”

187 escritores e escritoras de lingua portuguesa veñen de facer pública en Portugal unha carta aberta “contra o racismo, a xenofobia e o populismo”, un manifesto no que admiten o risco de “dar palco ao que, em circunstâncias normais, não mereceria uma nota de rodapé”, pero salientan que “quem adormece en democracia acorda em ditadura”. A carta faise pública despois de varias semanas nas que o ascenso da extrema dereita e o racismo están a ser un dos focos da actualidade informativa no país. 

A carta, asinada por nomes como Nélida Piñón, Mia Couto, a Fundación Saramago ou Chico Buarque, non cita expresamente ningún feito concreto nin sinala a ninguén, pero deuse por aludido André Ventura, líder do partido Chega!, formación no extremo dereito do arco parlamentario portugués. Malia contar cun único escano na Assembleia da República, preséntase como candidato ás eleccións do próximo ano á Presidencia da República que ocupa Marcelo Rebelo de Sousa.

Imaxe de Lisboa CC-BY-NC-ND rubinjoni

Malia darse por aludido, Ventura vén asegurando que en Portugal non existe o racismo cunha liña argumental que o levou a negar que a morte do estadounidense negro George Floyd a mans dun policía branco en Mineápolis o fose. Posteriormente, tras o asasinato en Lisboa a finais de xullo do actor negro Bruno Candé e a convocatoria de manifestacións antirracistas, a súa formación mesmo convocou marchas en contra da afirmación de que en Portugal hai racismo. Nas últimas xornadas tamén se denunciaron ameazas de morte contra deputadas de esquerda e unha entidade contra o racismo.

Neste contexto, a carta aberta dos escritores e escritoras reclama “compromissos políticos que detenham a escalada do populismo, da violência, da xenofobia – de todos esses reflexos primitivos, retrógrados, obscurantistas, destrutivos e abjectos. Tais são as nossas grandes riquezas: a diversidade e a tolerância. Como o expressa a língua portuguesa, feita de aglutinação, inclusão e aceitação da diferença”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.