A empresa galega Ecoener-Hidralia abandona Guatemala tras anos de resistencia das comunidades indíxenas

Acto de protesta contra hidroeléctricas en Santa Cruz de Barillas CC-BY-NC-ND Luis Miranda Brugos

A compañía hidroeléctrica Hidro Santa Cruz, empresa subsidiaria da transnacional galega Ecoener-Hidralia, vén de anunciar a súa renuncia á construción dunha central no río Cambalam, na localidade de Santa Cruz de Barillas, en Guatemala. Faino despois de manter un intenso conflito coas comunidades locais, opostas a un proxecto que ocupaba as súas terras e privatizaba un ben de propiedade común (o río) coa connivencia do réxime gobernante no país. A resistencia indíxena ao proxecto empresarial obtén deste xeito a vitoria, despois de oito anos de loita na que mesmo un activista foi asasinado, o Estado declarou o Estado de Sitio e ducias de persoas foron detidas.

As continuas protestas en Santa Cruz Barillas foron tamén apoiadas en varias ocasións dende Galicia, sobre todo na cidade da Coruña, onde Hidralia ten a súa sede, en especial dende o movemento feminista, que se solidarizaba coa loita das mulleres indíxenas contra o proxecto. De igual xeito, dúas activistas guatemaltecas visitaron Galicia en 2013 para dar conta das súas mobilizacións e entrar en contacto coa comunidade local que en Corcoesto levaba a cabo unha batalla semellante contra outra transnacional, Edgewater.

A empresa xa paralizara as obras hai meses no departamento de Huehuetenango e retirara os cargos contra os líderes indíxenas que foran denunciados e encarcerados por rexeitar a implantación da hidroeléctrica nun territorio de gran valor ambiental, considerado sagrado polos pobos indíxenas Q’anjob’ao, Chuj, Akateko, Popti’. Con todo, non renunciara oficialmente á concesión, polo que as comunidades temían o seu regreso no futuro.

A compañía afirmou, para explicar o abandono do seu plan empresarial que "o proxecto Cambalam, froito dos estudos realizados, dos estándares de sostibilidade e das esixencias técnicas e económicas que implican, evidenciou non ser viable". A decisión, segundo a empresa, foi adoptada hai meses tras analizar o "impacto social e as peticións recibidas por parte de diferentes ONG". Agora, comunicoulle de forma oficial ao Estado de Guatemala a renuncia á concesión.

As entidades Alianza pola Solidariedade e Amigos da Terra, que levaran a cabo unha campaña en España contra o proxecto coa que recolleran 20 mil sinaturas, manifestaron a súa ledicia ao coñecer a nova. A pasado 4 de novembro as sinatura foron entregadas ao embaixador de Guatemala en España, Fernando Molina Girón. Uns días antes, o caso presentouse ante a ONU, da man de Amigos da Terra, como exemplo da necesidade dun tratado vinculante internacional que acabase coa impunidade de empresas multinacionais ante as violacións de dereitos humanos e ambientais que cometen coas súas operacións no estranxeiro. 

Alianza pola Solidariedade e Amigos da Terra esixen que Ecoener-Hidralia cumpra coa súa palabra e abandone definitivamente o proxecto, así como calquera outro intento no futuro de comezar outro macroproxecto no territorio, a través dalgunha das súas filiais. Neste sentido, apoian a necesidade dun tratado vinculante, a nivel internacional, que poña fin ao acaparamento de recursos naturais por parte de grandes empresas, nacionais e estranxeiras, co apoio dos gobernos

Un informe realizado por Antonio Rodríguez-Carmona e Elena de Luis Romero, publicado en novembro polo Observatorio de Multinacionais en América Latina, salientaba que a hidroeléctrica non achegaba ningunha mellora ás comunidades afectadas: nin en emprego, nin en servizos, nin beneficios sociais ou ambientais e, ademais, desde o seu nacemento estaba inmersa nunha controversia xurídica e social con grandes sombras sobre o proxecto. As autoras sinalaban a necesidade de crear normas obrigatorias en dereitos humanos para empresas transnacionais e destacan o traballo que está a realizar Nacións Unidas para elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante.

 

Acto de protesta contra hidroeléctricas en Santa Cruz de Barillas CC-BY-NC-ND Luis Miranda Brugos
Persoas das comunidades indíxenas despois do ataque do exército © Plaza Pública
Protesta, no 2012, ante unha das sedes da empresa na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Cartaz empregado polo Movemento de Resistencia Barillense © http://omal.info/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.