A moza que tuiteou a guerra de Gaza: "Prefiro non facer plans de futuro"

Farah Baker CC-BY-SA Ana Garralda

Con máis de dúas semanas de atraso, o novo ano académico xa comezou en Gaza para máis de 500.000 menores. Farah quéixase: apenas tivo tempo de gozar das vacacións que a última guerra roubou ao millón de menores de 18 anos que hai na Franxa. 500 xa non volverán gozalo máis. "Antes da guerra tiña moitos plans: ir á piscina coas miñas amigas ou aprender a tocar a guitarra, pero xa non me quedan días", explica Farah, de 16 anos, rodeada dos cascallos e as ruínas que marcan a paisaxe de parte da localidade de Beit Lahia, ao norte da Franxa de Gaza, unha zona especialmente castigada pola súa proximidade coa fronteira con Israel.

Os enormes ollos azuis e as longuísimas pestanas de Farah Baker foron coñecidos en medio mundo por mor dos tuits que a adolescente escribiu desde Gaza durante os case dous meses que durou o conflito entre Israel e as milicias palestinas. Esta moza narraba cada día o que vía desde as xanelas da súa vivenda familiar, situada moi preto do hospital Shifa -o máis grande da Franxa- en Cidade de Gaza. Alí o seu pai traballa como cirurxián, polo que que Baker contaba con información de primeira man para tuitear o número de ambulancias que chegaban ao centro ou a cantidade de feridos que ingresaban. "Quería que a xente que non está aquí puidese coñecer, sentir dalgunha maneira, o que estabamos a vivir nós", conta a moza cunha sorprendente madurez, máis propia dunha persoa adulta, algo frecuente nos nenos nados en zonas de conflito.

O pasado 29 de xullo Farah escribía: "Este (mísil) caeu preto. Non podo deixar de chorar. Podería morrer esta noite". 140 caracteres que conteñen o que, segundo a adolescente, define a principal característica da última guerra con Israel. "A diferenza das dous anteriores (Chumbo Fundido en 2008-2009 e Piar Defensivo en 2012) esta vez calquera civil podía ser alcanzado, non había lugar seguro en Gaza. Bombardearon casas enteiras con familias dentro", relata a moza.

"Quería que a xente que non está aquí puidese coñecer, sentir dalgunha maneira, o que estabamos a vivir nós"

Afortunadamente para ela, ningún membro da súa familia directa faleceu na ofensiva. A súa nai, en cambio, resultou ferida cando un mísil israelí impactou sobre un coche que pasaba preto de onde ambas se atopaban. A explosión provocou que os cristais dalgúns comercios próximos rebentasen e os fragmentos se precipitasen sobre o corpo da súa proxenitora. "Tivemos que quitarllos un a un, a miña nai aínda ten as feridas", explica.

Outros parentes, menores coma ela, correron peor sorte. Os catro nenos que morreron o pasado 16 de xullo nunha das praias de cidade de Gaza a consecuencia do impacto de varios proxectís israelís, eran familiares seus. "O catro eran curmáns meus. O seu apelido tamén era Baker", lamenta Farah.

"Cada guerra sempre é peor que a anterior"

A palestina mestura a perda dos seus familiares e o comezo do novo curso coa naturalidade de quen viu a morte de preto demasiadas veces, de quen viviu tres guerras en menos de seis anos. A fin de contas a vida segue na Franxa de Gaza, polo menos polo momento, pero Farah é pesimista. "Prefiro non facer plans de futuro porque cando os fago vén outra guerra e a última sempre é peor que a anterior", asevera a adolescente.

"Prefiro non facer plans de futuro porque cando os fago vén outra guerra"

Mesmo cando o conflito armado termina sendo parte da realidade dos 1,8 millóns de persoas que viven neste enclave costeiro de apenas 270 quilómetros cadrados, a fin das hostilidades pode provocar certo desconcerto entre a poboación máis nova, tristemente afeita sobrevivir nun territorio castigado por máis de 7 anos de bloqueo. O pasado 26 de agosto, cando Israel e as milicias palestinas aceptaron o cesamento de hostilidades que puxo fin a case 7 semanas de conflito, Farah Baker tuiteaba: "Mozos, agora que a guerra rematou, sobre que queredes que tuitee?".

Volta a unha vida marcada pola guerra

Tras a vintena de días que transcorreron desde o final desta última guerra, Farah Baker puido realizar, polo menos por un tempo, algunhas das actividades propias do verán para unha gazatí da súa idade: pasar o día na casa familiar dalgunha amiga, visitar a algún parente ou ir á piscina. A Farah gustaríalle bañarse na praia -Gaza conta con máis de 40 quilómetros de costa- pero a auga está totalmente contaminada despois de que avións israelís bombardeasen algunhas das principais depuradoras de augas residuais que hai na Franxa. En consecuencia, as augas fecais non se tratan e terminan vertidas, a barullo, directamente ao mar (diariamente vértense máis de 100.000 metros cúbicos de augas residuais de forma incontrolada).

Despois de que Israel bombardease as principais depuradoras as augas fecais vértense directamente ao mar

A pesar do limitado das opcións de lecer de que dispoñen os mozos gazatíes (se o comparamos por exemplo coas que contan os mozos europeos da súa idade) e de que moitos perderon a algún familiar durante a última contenda, para a maioría poder gozar dunha xornada sen bombardeos convértese en motivo de festa.

"Quero ser avogada"

É neses momentos cando Farah di pechar os ollos, esquecer durante un intre o ocorrido e volver soñar. "O ano que vén empezo xa a Universidade. Quero estudar dereito e devolverlle a dignidade ao meu pobo", sentenza coa determinación que lle outorgan os seus 16 anos. Para ela, as organizacións de Dereitos Humanos levan anos denunciando o que ocorre na Franxa, pero ao final, asegura, quen seguen sufrindo o bloqueo (imposto por Israel en 2007 cando Hamas se converteu en poder de facto en Gaza) seguen sendo os mesmos. "Eles falan e falan de dereitos, pero aquí as cousas cada ano empeoran", conclúe.

"Eles falan e falan de dereitos, pero aquí as cousas cada ano empeoran"

Farah refírese ás investigacións similares á realizada recentemente polo grupo internacional Human Rights Watch, que acusou a Israel de cometer "probables" crimes de guerra ao bombardear dentro do recinto de 3 escolas xestionadas pola ONU (nas que morreron un total de 45 persoas) e que acollían por centos de refuxiados palestinos (máis de 65.000 continúan vivindo nunha vintena delas, segundo os últimos datos da Axencia de Nacións para os Refuxiados Palestinos, UNRWA).

Estes bombardeos provocaron unha ampla condena internacional. A ONU, que acusou tanto a Israel como a Hamas de violar as normas da guerra, nomeou ao termo da guerra unha comisión de investigación que estude estes incidentes. Presumiblemente, tal e como ocorreu co chamado Informe Goldstone posterior á Operación Chumbo Fundido en 2009, as súas conclusións quedarán en meras denuncias que non conducirán á depuración de responsabilidades, permitindo que continúe a impunidade.

Farah Baker CC-BY-SA Ana Garralda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.