"A sociedade brasileira demanda maiores niveis de participación política"

Un dos cartaces difundidos polas redes sociais no Brasil nas revoltas de hai uns meses Dominio Público http://brasil.prazapublica.com/

En 2014 falarase, e moito, de Brasil. No verán chegará o Mundial de Fútbol e as olladas de todo o planeta dirixiranse de novo cara a este xigante, con cada vez máis peso económico e político en América e en todo o planeta. No outono chegarán as eleccións, nas que Dilma Rousseff buscará repetir mandato, e deixar atrás a caída de popularidade que acompañou as revoltas de hai seis meses, unha mostra das fendas xeradas polo rápido e desigual crecemento deste país grande coma un continente.

Roberto Mansilla, analista do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), vén de publicar o seu primeiro libro, Brasil. Unha ollada a un “país de futuro”, un percorrido pola xeopolítica e a política exterior do Brasil contemporáneo, contextualizado coas transformacións políticas e sociais ocorridas desde 2003 trala chegada ao poder de Lula da Silva, con especial atención na súa visión multilateral e multipolar das relacións internacionais. A obra, editada por Edicións do Cumio, conta cunha presentación a cargo de Xulio Ríos, director do IGADI, e tamén afonda, de xeito retrospectivo, nas relacións brasileiras con Galicia, España e Portugal.

"Para o PT, o xiro tecnocrático realizado por Rousseff dende a súa chegada á presidencia en 2011 non semella dar os réditos políticos necesarios para apuntalar, por si só, a súa candidatura"

Poderá Dilma Rousseff repetir a súa vitoria nas vindeiras eleccións? Foi xa capaz de crear un movemento de apoio “propio”, non debedor da herdanza recibida de Lula?

Os próximos comicios presidenciais e lexislativos en Brasil están pautados para o 5 de outubro de 2014, razón pola que nos próximos dez meses o factor mais visible na política brasileira será a definición das candidaturas, que xa comezaron a súa andaina. Neste sentido, dificilmente Dilma Rousseff poderá alterar o consenso existente dentro do gobernante Partido dos Trabalhadores (PT) de eventualmente recuperar o ex presidente Lula da Silva como “marca electoral” que permita afianzar a candidatura de Rousseff, cuxa caída de popularidade é moi evidente desde as numerosas protestas sociais de mediados de 2013, coincidindo coa celebración da Copa FIFA de Confederacións. Precisamente, a perspectiva de intensificación destas protestas sociais ao longo de 2014 suporá para Rousseff unha proba de fogo en canto a súa popularidade e confianza, escenario que pode mesmo ampliarse de cara á celebración, entre xuño e xullo próximo, do Mundial de Fútbol.

Para o PT, o xiro tecnocrático realizado por Rousseff dende a súa chegada á presidencia en 2011 non semella dar os réditos políticos necesarios para apuntalar, por si só, a súa candidatura. Ademais, os escándalos de corrupción no entorno gobernamental (mellor coñecido como o mensalão), moi presentes desde 2006, están erosionando esa imaxe. En todo caso, existen expectativas dunha vitoria de Rousseff e do PT, moi probablemente nunha segunda volta, principalmente pola eventualidade dun maior protagonismo de Lula na campaña electoral a favor de Rousseff, do eventual éxito na organización do Mundial (a pesar do atraso e dificultades na finalización das infraestruturas e dos problemas de servizos públicos e de transportes), da atención ás demandas das protestas, en particular da prometida reforma política, e do mantemento do crecemento económico e control da inflación. Con todo, practicamente todas as expectativas apuntan a que Rousseff volverá precisar do protagonismo de Lula para garantir outro período presidencial para o PT.  

"Practicamente todas as expectativas apuntan a que Rousseff volverá precisar do protagonismo de Lula para garantir outro período presidencial para o PT"

Cales son os principais retos internos de Brasil nos vindeiros dez anos? Que efecto terá a celebración do Mundial de Fútbol e os Xogos Olímpicos?

Para Brasil, incluíndo aquí Goberno, sociedade e institucións, a celebración do Mundial de Fútbol 2014 e dos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016 supoñen a presentación oficial ante o mundo das potencialidades do país suramericano como un polo de desenvolvemento en ascenso a nivel global, dentro da perspectiva de construción dun mundo multipolar, distanciado das tradicionais hexemonías. Pero os retos desta perspectiva implica considerar outros factores e variables en xogo.

"As protestas sociais de mediados de 2013 determinaron que os brasileiros avanzan na concreción dunha cultura cívica e política moito mais activa e militante, enfocada na mellora de aspectos importantes da vida cidadá como a sanidade, a educación e os servizos públicos"

Ninguén dubida dos visibles avances sociais presentados en Brasil desde a chegada de Lula da Silva e do PT á presidencia en 2003. Entre eles, obviamente, resalta o avance socioeconómico que supón a saída da pobreza extrema para aproximadamente once millóns de familias brasileiras, xerme dunha nova clase media que agora demanda maiores beneficios. Con todo, as protestas sociais de mediados de 2013 determinaron que os brasileiros avanzan na concreción dunha cultura cívica e política moito mais activa e militante, enfocada na mellora de aspectos importantes da vida cidadá como a sanidade, a educación e os servizos públicos. Aquí, Brasil debe enfocar a súa principal atención de cara á próxima década, tomando en conta que a superación das desigualdades socioeconómicas segue a ser unha tarefa prioritaria para o desenvolvemento do país.

O país acometerá as complexidades propias dunha sociedade en crecemento, cunha cada vez maior perspectiva e convicción do seu papel no mundo. O apartado da reforma política xorde aquí como esencial, independentemente de quen estea no goberno. A sociedade brasileira demanda maiores niveis de participación política, cunha maior amplitude que desestime a tradicional burocratización da política e da conformación de novas elites. Paralelamente, esta reforma política pode implicar un maior nivel de descentralización na relación entre o poder central e os estados brasileiros. Este apartado, o da reforma política, resulta esencial debido a que Brasil é unha referencia mundial na concreción de movementos sociais (Foro de São Paulo, Movemento dos Sen Terra, Vía Campesiña, ou incluso o recen creado Movemento do Passe Livre, etc), o cal intensifica as expectativas de que a reforma política sexa un tema estratéxico a mediano e longo prazo. Mais non semella que constitúa un elemento electoral diametralmente decisivo, principalmente de cara ás próximas presidenciais.

"As protestas, que erosionaron a popularidade de Rousseff e do PT, van dirixidas a ofrecer ao mundo outra imaxe do país, onde a corrupción, a ineficacia burocrática e os problemas de servizos públicos corren paralelos á aquela imaxe excesivamente benévola do país establecida dende o exterior"

Podemos entender daquela as revoltas de hai uns meses como unha “crise de crecemento”? Un xigante que crece desigualmente, con moitos elementos aínda que equilibrar e xestionar mellor do que até agora se fixo?

As protestas de mediados de 2013, e que aínda seguen gravitando dentro do escenario político nacional, ilustran un inevitable proceso de maior complexidade social e política nun país con elevados niveis de crecemento, principalmente no apartado económico e de expectativas dos mercados financeiros por investir no país. Rousseff tentou reivindicar estas protestas argumentando que as mesmas correspondían aos beneficios outorgados polas políticas sociais do PT desde 2003, en particular ante o ascenso dunha “nova clase media”. Así e todo, as protestas, que erosionaron a popularidade de Rousseff e do PT, van dirixidas a ofrecer ao mundo outra imaxe do país, onde a corrupción, a ineficacia burocrática e os problemas de servizos públicos corren paralelos á aquela imaxe excesivamente benévola do país establecida dende o exterior. Compre por ende salientar o recente escándalo de corrupción do empresario Eike Batista, outrora considerado polo propio Lula como o “empresario estrela do novo Brasil”.

Estas complexidades planearán inevitablemente sobre as expectativas dunha reforma política que, moi probablemente, implicarían unha reforma da Constitución de 1988. Pero as expectativas cara este proceso reformista anúncianse máis a mediano prazo. Con todo, o país observará unha maior mobilización social que implique a amplitude da mobilidade e da participación política, especialmente por parte da aparición de novos colectivos sociais que ampliarán o diverso mosaico social e político brasileiro, implicando ao mesmo tempo un reto ineludible para as estruturas políticas do establishment. Este proceso é irreversible e inevitable.

En que medida Brasil é un actor fundamental nas relacións Sur-Sur, na xeración de polos alternativos?

Unha visión sucinta da política exterior de Brasil das dúas últimas décadas determinará un pulso de intereses entre dúas escolas de pensamento: os liberais, mais enfocados na potenciación de relacións co mundo desenvolvido occidental, principalmente EUA e Europa; e os autonomistas, defensores dunha visión alternativa, mais enfocada cara a contorna sudamericana e dos países en desenvolvemento. Esta última escola, a dos autonomistas, semella máis instalada oficialmente desde a presidencia de Lula en 2003. Desde a década de 1960, a pesar mesmo da ditadura militar (1964-1985), o Brasil contemporáneo trazou diversos marcos de relación con países en desenvolvemento, principalmente América do Sur, China e o mundo lusófono en África. Non obstante, a preponderancia das relacións coas potencias occidentais, tanto durante a guerra fría como na posguerra fría da globalización neoliberal, implicou unha maior concreción de intereses entre Brasil e as potencias occidentais.

"Desde 2003, Brasil é estratéxico impulsor de novos actores da xeopolítica global (BRICS, IBSA, UNASUR, CELAC, G-20) tanto como mantén unha notoria implicación en África, non limitada ao marco lusófono"

Con todo, Lula e o PT alteraron esta tendencia, moi probablemente persuadidos a reproducir os marcos de integración establecidos nos Foros de São Paulo e dos diversos Foros Sociais. Desde 2003, Brasil é estratéxico impulsor de novos actores da xeopolítica global (BRICS, IBSA, UNASUR, CELAC, G-20) tanto como mantén unha notoria implicación en África, non limitada ao marco lusófono, incluso con marcos de integración cultural e solidaria que explican esa vontade dun goberno progresista que quere recuperar a relación cos seus ancestros africanos nun país que aínda sofre os estragos da escravitude. Segundo cifras oficiais, aproximadamente uns 25.000 brasileiros viven na escravitude, cuxa abolición data de 1888. E o país segue a sufrir problemas crónicos, coma o racismo contra os afrodescendentes e os aborixes, nunha sociedade tradicionalmente observada pola súa multiculturalidade, de crisol de razas e culturas. Consciente destes problemas, e da necesaria confección dun mundo multipolar Sur-Sur, a diplomacia brasileira eríxese como estratéxica, aínda que con non menos contrastes.

"Brasil consolidarase como unha especie de potencia media, tentando equilibrar a marcada tendencia á bipolaridade do sistema internacional entre Occidente e Asia"

Que papel xogará Brasil nos vindeiros anos na xeopolítica global?

Moi probablemente, Brasil consolidarase como unha especie de potencia media, tentando equilibrar a marcada tendencia á bipolaridade do sistema internacional entre Occidente e Asia, sen menoscabar as potencialidades dunha Rusia igualmente inserida como actor autónomo. A xeopolítica brasileira, ilustrada nunha escola propia orixinada nos anos 1930, principalmente dentro dos estamentos militares a través de precursores como Everardo Backheuser, Mario Travassos e Golbery Couto e Silva, ten unha incidencia particular cara diversos escenarios: atlántica (cara a Europa e África occidental), amazónica, andina, sudamericana, rioplatense e caribeña. Xunto a EUA, Brasil ten unha diplomacia de alcance e carácter hemisférico. Polo tanto, o seu peso específico estará no hemisferio occidental, principalmente en América do Sur, con ampliacións do seu radio de actuación a través da lusofonía, principalmente en África. A nivel global, as súas cartas xogaranse nos marcos de integración establecidos polos BRICS, IBSA, G-20, sempre coa atención enfocada nunha reforma na ONU que lle permita ocupar o seu posto nunha hipotética ampliación do Consello de Seguridade. Pero non se debe esaxerar, de forma compulsiva, a capacidade de actuación e influencia global da diplomacia brasileira, cuxos resortes están mais ben consolidados a nivel hemisférico en América Latina.

"A prioridade pode ser, mais ben, a consolidación da UNASUR como foro político, onde Brasilia obviamente leve a iniciativa, e particularmente en medir os efectos da recen creada Alianza do Pacífico"

Que papel xogará Brasil nos vindeiros anos na política do continente, en relación con Mercosur e outros procesos de integración?

Brasil é o principal actor económico, diplomático, xeopolítico e político a nivel latinoamericano. Por tanto, a súa visión implica avanzar no proceso de integración rexional e na consolidación da democracia pluralista, atendendo sempre aos seus imperativos xeopolíticos. Así, Brasilia eríxese como un actor chave en procesos de negociación e transición de determinadas crises políticas, tal e como se observou nos últimos anos en situacións conflitivas como Haití, Colombia, Honduras, Ecuador, Bolivia, Venezuela, Cuba, entre outras. A revitalización de MERCOSUR, principalmente co recente ingreso de Venezuela, implica para Brasil un eventual énfase na reconfiguración da arquitectura institucional deste organismo. Pero a prioridade pode ser, mais ben, a consolidación da UNASUR como foro político, onde Brasilia obviamente leve a iniciativa, e particularmente en medir os efectos da recen creada Alianza do Pacífico entre México, Colombia, Perú e Chile, baixo a anuencia de Washington, e que Brasilia observa obviamente con carácter de rivalidade cara as súas pretensións xeopolíticas hemisféricas. De cara a outros procesos de integración, como a ALBA, Brasilia mantén unha política expectante.

Aproveita Galicia todo o que podería a súa proximidade cultural con Brasil?

A nivel oficial e institucional, está claro que non. A preponderancia dos investimentos empresariais obstaculiza unha visión ampla e plural. Existen iniciativas particulares nos eidos culturais e educativos (Grupo GALABRA na USC, Instituto Galiza-Brasil), así como no tecido social, con asociacións brasileiras en Galicia. Pero non existe un Plan Brasil de carácter estratéxico a nivel institucional que permita aproveitar este abano de diversidades e de oportunidades que Galicia ten en Brasil. Esta estratexia implica concibir a Brasil como un actor chave para Galicia dentro da Lusofonía, perspectiva escasamente aproveitada polos actores públicos e privados galegos. O futuro da Lusofonía pasa estratexicamente por un Brasil que constitúe un epicentro xeopolítico cara o mundo ibérico e África, e aquí ábrense unha serie de oportunidades que Galicia desafortunadamente non aproveita como debe.

"O futuro da Lusofonía pasa estratexicamente por un Brasil que constitúe un epicentro xeopolítico cara o mundo ibérico e África, e aquí ábrense unha serie de oportunidades que Galicia desafortunadamente non aproveita como debe"

Como son as relacións Brasil-España e Brasil-Portugal?

Ambas están limitadas dentro da normalidade diplomática, tomando en conta a persistencia de diásporas e emigracións entre ambas beiras do Atlántico e da potenciación de investimentos económicos, especialmente cara a Brasil nos últimos anos, en particular pola crise europea. Todo isto sen desestimar outros factores, como a inmigración ilegal, a criminalidade ou as redes de explotación sexual, que ocupan o seu lugar nas respectivas axendas diplomáticas, en ocasións con certa tensión nas relacións. Se ben España e Portugal oficialmente consideran a Brasil como un actor estratéxico, este marco de prioridades non se percibe de igual forma no caso de Brasilia, máis concentrado na articulación dunha diplomacia global Sur-Sur, dos seus imperativos xeopolíticos suramericanos e da súa respectiva relación con potencias económicas como China e EUA. Este marco de prioridades establece que a relación de Brasil con España e Portugal transita mais ben polos canles da histórica fraternidade e de factores morais, como a emigración e a cultura, que por aqueles traducidos en imperativos de carácter xeopolítico.

Manifestantes no Brasil CC-BY-SA Mídia Ninja
Dilma Rousseff. Presidenta de Brasil Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.