África: Crise alimentaria e acaparamento de terras

© Oxfam

Arredalia, o boletín de antigos alumnos en prácticas do IGADI, dedica un monográfico á Crise en África, analizando aspectos como o fame e a emerxencia humanitaria no continente africano, China e a seguridade alimentaria, os efectos da intervención estadounidense, o acaparamento de terras, as leccións das revolucións no Magreb e o protagonismo da muller nos avances da pacificación en Ruanda. O boletín, coordinado por Masashi Oki, inclúe entrevistas a Esther Vivas e a Luis García Corral, e análises de Marola Padín Novas, Jared D. Larson, Adrián Manuel Moreno Cidrás e Vera Ríos Carrillo. 

Esther Vivas denuncia que en África "a crise económica global repercutíu nun aumento moi importante do prezo das materias primas alimentarias"

Na entrevista que abre o boletín, Esther Vivas denuncia que en África, coma noutros países do Sur, "a crise económica global repercutíu nun aumento moi importante do prezo das materias primas alimentarias, coma o arroz, o millo e o sorgo, debido á especulación financeira coas mesmas". Así mesmo, conclúe que "a soberanía alimentaria, que se plantexa como a alternativa ao actual e inxusto sistema agroindustrial, ou inclúe unha perspectiva feminista e de xénero ou non será unha alternativa viable e real". Pola súa banda, Susana Maceiras Pérez denuncia igualmente o caso da pesca e afirma que a pesca de baixura de moitos países africanos "se está vendo prexudicada pola explotación de barcos con bandeira europea".

Marola Padín analiza a crecente presenza de empresas chinesas en África, sobre todo na agricultura. E Masahi Oki o acaparamento de terras realizado nos últimos anos por varios países

Marola Padín analiza a crecente presenza de empresas chinesas en África, sobre todo na agricultura. E Masahi Oki o acaparamento de terras en África realizado nos últimos anos por China, Corea e outros países. Oki conclúe que "as terras africanas deben ser sempre propiedade dos gobernos e sociedades africanas. Se non se respeta esta condición, África volverá ser colonia e continuará a súa explotación a mans de potencias extranxeiras. Para evitar esta crise, debe informarse con veracidade sobre a situación do acaparamento de terras, deben fomentarse regras internacionais transparentes e os investidores deben asumir unha xestión responsable das súas iniciativas".

Adrián Cidrás reflexiona sobre os cambios sociais que tiveron lugar no norte de África

Pola súa banda, Adrián Cidrás reflexiona sobre os cambios sociais que tiveron lugar no norte de África e indica que "os novos gobernos, unha vez entendida a arañeira institucional creada e por crear, deberán acostumarse a unha poboación mais atenta. A poboación -mozos tamén- está sedenta de que os núcleos de toma de decisión se aproximen mais. Aquí e acola, os diversos sectores sociais son mais conscientes dos anacrónicas que son algunhas institucións, que esperan darlle protagonismo ás realmente útiles, recuperando dunha vez por todas as responsabilidades de cada quen, que van dende un dólar ata un voto".

Finalmente, Vera Ríos analiza a situación da muller en Ruanda, moitas veces sinalada como exemplo "debido ás melloras notables rexistradas na situación xurídica e práctica da muller en varios ámbitos e a varios niveis".

© Oxfam

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.