Angola elixe presidente, entre o crecemento económico e as acusacións de fraude

Mitin político de Dos Santos Dominio Público Praza Pública

Angola celebra as súas segundas eleccións lexislativas (as primeiras foron en 2008) despois da fin da guerra, e as primeiras que escollerán formalmente Presidente, elixido indirectamente polo parlamento resultante dos comicios. Espérase que o actual Xefe do Estado, José Eduardo dos Santos, reteña o poder e os seus adversarios acúsano de planear unha reforma constitucional que lle asegure o cargo até 2022. Dos Santos, líder do Movimento Popular de Libertação de Angola (MPLA), dirixe Angola dende 1979, durante case trinta anos de fora ditatorial, o que o converte no segundo xefe de Estado con máis tempo no poder, despois de Teodoro Obiang. The Guardian cualifícao mesmo como "o autócrata africano que o mundo menos coñece".

A oposición denuncia tamén a masiva corrupción existente no país, da que Dos Santos se valería para incrementar o seu poder

O xornal británico cualifícao como "un Maquiavelo que habilmente se conseguiu agochar á vista de todos, evitando a retórica inflamada dos seus homólogos mentres astutamente cortexava a EE.UU., Brasil e China. A sua imaxe nos cartaces de campaña é leve, discreta, case benevolente”. Porén, a UNITA, agora principal partido da oposición e que en 2008 obtivo un 10% dos votos (o MPLA superou o 80%) denuncia irregularidades na campaña e alerta dunha posible fraude nas eleccións.

A oposición denuncia tamén a masiva corrupción existente no país, da que Dos Santos se valería para incrementar o seu poder: "José Eduardo dos Santos é un ditador retirado, mais a forma como el usa as empresas para beneficiar a sua família colocao a un paso de Mobutu", segundo o xornalista Rafael Marques de Morais, que engade que a diferenza coa corrupción existente nalgunhas ditaduras é que Angola “aproba leis para facelo” e que Dos Santos “sempre confiou mais na corrupción que calquera outro ditador”. 

Ninguén dubida da vitoria de Dos Santos, aínda que seguramente se atopará cun parlamento no que o seu partido xa non contará cunha maioría tan esmagadora

Algúns representantes dos partidos que denunciaron nas últimas semanas as irregularidades na campaña foron detidas, e mesmo se convocou unha manifestación, á que acudiron milleiros de persoas en Luanda, para pedir o adiamento das eleccións. As críticas proceden mesmo dalgúns sectores que até o de agora apoiaran o MPLA, e que agora piden o voto para os partidos da oposición. Porén, ninguén dubida da vitoria de Dos Santos, aínda que seguramente se atopará cun parlamento no que o seu partido xa non contará cunha maioría tan esmagadora, polo que terá que rendir contas ante a oposición.

Angola é o segundo produtor africano de petróleo e espera superar a Nixeria en breve. O cru representa máis da metade do PIB do país e o 90% das exportacións, e conseguiu que Angola crecese entre 2003 e 2008 a unha media do 12,5% cada ano. A crise económica freou este crecemento, pero para 2012 espérase que a cifra volva superar o dez por cento. Porén, os partidos da oposición denuncian que este crecemento só significou o enriquecemento dunha elite, mentres que no resto da poboación se abría unha fenda e se incrementaban as desigualdades.

Angola é o segundo produtor africano de petróleo e espera superar a Nixeria en breve

Os analistas cren que Dos Santos está preparando o seu relevo, de xeito que podería non esgotar o seu mandato e deixarlle a presidencia ao seu número dous, o empresario petroleiro Manuel Vicente.

Mitin político de Dos Santos Dominio Público Praza Pública
O partido do actual presidente obtivo en 2008 o 82% dos votos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.