Ano II da Primavera árabe: o inevitable ‘peso da realidade’

Manifestación en Exipto © ugm.cl

Arredalia, o boletín da Rede de Antigos Alumnos en Prácticas do IGADI, dedica o seu terceiro número ás revolucións no norte de África e no Oriente Medio, con análises de Susana Maceiras e Roberto Mansilla ou entrevistas aos profesores Ignacio Gutiérrez de Terán e José Abu-Tarbush.

O profesor José Abu-Tarbush afirma que “as revoltas árabes responden ás súas propias condicións e peculiaridades” e salienta que "o avance máis importante é a ruptura do statu quo no que se asenta a orde autoritaria do Estado árabe postcolonial". Comenta, así mesmo, que "o comportamento israelí non foi moi diferente ao das grandes potencias occidentais, antepoñendo os seus intereses xeoestratéxicos e económicos ao respecto aos dereitos humanos, as liberdades e a democracia. Sentíanse máis cómodas tratando con rexímenes autoritarios, dependentes e subordinados que con sistemas políticos más abertos y democráticos, que teñen que rendir contas ante a súa propia cidadanía".

Pola súa banda, Ignacio Gutiérrez de Terán destaca que "hai unha clara tendencia no seo da sociedade árabe cara á democratización e a loita radical contra a corrupción, a desigualdade económica, o desprezo á opinión pública, o despotismo e a violencia burda exercida dende os órganos de poder. Por desgraza, os rexímenes actuais tentan, cada un á súa maneira, con maior ou menor represión, deter esta tendencia".

Roberto Mansilla cita a Goytisolo e afirma que "nada será como antes"

O analista do IGADI Roberto Mansilla escribe que "pode que a Primavera política e as súas complexidades chegaran por fin ao mundo árabe, ilustrando un mapa de ansiedades democráticas polarizadas pola reacción das elites, o desconcerto e ambigüidades occidentais e o inevitable “peso da realidade”. Pero, como ben din Goytisolo, xa nada será como antes". Finalmente, Susana Maceiras céntrase nos casos de Libia e Siria e escribe que "atacar Libia, tendo en conta que ningún otro país sairía no seu apoio, foi sinxelo e supuxo un gasto militar asumible" pero, en contrate "a intervención tácita en Siria podería traer consigo que varios países puxesen as súas cartas sobre a mesa e que o desequilibrio contido da zona se convertese nun conflito multilateral dilatado no tempo".

Manifestación en Exipto © ugm.cl

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.