Así pararon os estudantes de Quebec a suba das taxas universitarias

Mobilizacións masivas en Montreal Dominio Público Praza Pública

A primeira decisión de Pauline Marois, gañadora das eleccións lexislativas celebradas en Quebec hai unhas semanas, foi anular a suba dun 75% das taxas universitarias, unha medida adoptada polo anterior goberno do Partido Liberal. O independentista Partido Quebequés respondía así á presión exercida na rúa durante meses polos estudantes, con folgas e manifestacións continuas nas que chegaron a participar até 300 mil persoas. Marois axustará as taxas á suba da inflación. 

Nas últimas semanas asistimos a outras informacións nas que a presión social consegue frear as medidas de recorte decididas por un goberno. Así sucedeu por exemplo en Portugal o pasado venres

As marchas provocaron que o Partido Liberal aprobase tamén unha restritiva lei para dificultar as manifestacións

En Quebec as marchas provocaron que o Partido Liberal aprobase tamén unha restritiva lei que obrigaba os manifestantes a comunicarlle con antelación á policía o lugar das protestas e prohibía que cubrisen as súas caras con máscaras. A norma aprobada en maio impoñia multas de até 35.000 dólares por persoa e día e de até 125.000 dólares ás asociacións de estudantes que “entorpezesen” a entrada a clase dos estudantes que non fixesen folga. A lei foi denunciada por Amnistía Internacional e o 28 de maio, uns 600 xuristas manifestáronse dende o Palacio de Xustiza de Montreal para unirse aos estudantes. Coa nova lei a policía de Quebec chegou a arrestar máis de 2.500 persoas en poucos días. Pauline Marois tamén anunciou a derrogación da norma. 

A Fédération étudiante universitaire du Québec e a Fédération étudiante collégiale du Québec publicaron un comunicado conxunto no que saudaban a decisión da nova primeira ministra que cualificaban de "vitoria para todos os estudantes de Quebec, que poderán manter o acceso aos estudos”. Outro colectivo máis critico, La Classe, denunciou no entanto que o Goberno non apostase pola conxelación das taxas, como reivindica, e lembrou que cando Marois era ministra de Educación, hai quince anos, tentou subir as taxas nun 30% e que tivo que desistir ante as protestas dos estudantes. De feito, La Classe manifestouse este sábado esixindo a conxelación dos prezos das matrículas e afirman que se manterán "vixiantes" até que o novo Goberno faga efectivas as súas promesas.

As ofertas de aumentar as bolsas e créditos non foron aceptadas polos estudantes pois xa na actualidade o 60% dos estudantes acaban as súas carreiras cunhas débedas por estudos duns 15.000 dólares

As mobilizacións estudantís comezaron en febreiro e foron gañando en intensidade. Durante semanas paralizaron os centros de ensino e nas súas protestas combinaron as manifestacións masivas polas rúas de Montreal con marchas nocturnas de milleiros de persoas acompañadas de cazoladas ante as sedes do goberno e do Partido Liberal. A presión social constante obrigou o primeiro ministro Jean Charest a convocar eleccións anticipadas, nas que o seu partido sufriu unha derrota histórica. Ao redor de 100 mil estudantes e mestres mantiveron a folga de forma ininterrompida dende febreiro, mentres que o resto foi realizando paros intermitentes, en días determinados ou durante semanas.

Goberno e asociacións estudantís negociaron durante semanas pero en maio o executivo decidiu rachar as conversas. As ofertas de aumentar as bolsas e créditos non foron aceptadas polos estudantes pois xa na actualidade o 60% dos estudantes acaban as súas carreiras cunhas débedas por estudos duns 15.000 dólares, según datos de La Classe e o 80% vense obrigados a traballar paralelamente para pagar a universidade.

Os estudantes chegaran a presentar un plan alternativo que permitiría a gratuidade do ensino impoñendo unha taxa dun 0,14% durante cinco anos sobre o capital das institucións financeiras, á vez que denunciaban que o Goberno baixara os impostos aos máis ricos por valor de 950 millóns, mentres que a gratuidade sería posible con menos de 700.

Mobilizacións masivas en Montreal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.