Ataque sobre Gaza: comeza a campaña electoral israelí

Gaza despois dos ataques de 2009 CC-BY Physicians for Human Rights - Israel

Ahmed Yabari, líder do brazo militar de Hamás, morreu este mércores xunto con outros nove palestino nun ataque israelí sobre Gaza. Aluf Benn, director de Haaretz, ve a ofensiva israelí sobre Gaza como a continuación dunha tendencia moi presente na política israelí. Se se achega a data de eleccións, os militares teñen traballo extra. 1955, 1961, 1981, 1996, 2009. Non sempre garante a vitoria nas urnas, pero é un remedio moi útil. Os partidos da oposición mostran o seu apoio ao Goberno. O primeiro ministro e o ministro de Defensa acaparan a atención dos medios. A nación volve estar en perigo. Só o Goberno salvará ao país da ameaza terrorista.

En realidade, e como conta Benn, o líder do brazo militar de Hamás fora subcontratado nos últimos cinco anos por Israel para manter a paz na fronteira con Gaza. Varios grupos yihadistas, en principio menos poderosos que Hamás, foran controlados polas boas ou polas malas para impedir que seguisen atacando Israel con foguetes. Agás algunhas épocas de violencia repentina, a situación parecía controlada. Como é habitual alí, até certo punto.

Haaretz denuncia que a guerra "sacará fóra da axenda os asuntos sociais e económicos nos que se centra a campaña do Partido Laborista de Shelly Yacimovich"

Pero certas cuestións de política interna teñen nestes momentos a prioridade. Haaretz denuncia que a guerra "sacará fóra da axenda os asuntos sociais e económicos nos que se centra a campaña do Partido Laborista de Shelly Yacimovich".

Á eliminación de Ahmed Yabari, seguiu a represalia de Hamás, que esta vez non podía nin quería controlar ás súas forzas. Dispararon 60 foguetes sobre territorio israelí. A esta hora non hai información de que se produciron feridos. No lado palestino, hai dez mortos e 30 feridos, segundo o Goberno de Gaza. Entre os falecidos, un bebé de 10 meses, fillo do correspondente do servizo árabe de BBC en Gaza. No anterior asalto aéreo a Gaza morreron 1.400 palestinos, cifra que inclúe a centenares de civís.

A versión oficial do Goberno israelí é que non se trata dun ataque illado, senón do comezo dunha operación que durará bastante tempo

A versión oficial do Goberno israelí é que non se trata dun ataque illado, senón do comezo dunha operación que durará bastante tempo. Os reservistas incorporáronse ás súas unidades para unha ofensiva por terra se o Goberno decidise que é necesaria. A operación ten nome (Pilar da defensa) e a intención, segundo Ehud Barak, de causar un forte impacto na capacidade de Hamás de lanzar ataques.

Ou ben Yabari relaxara as súas medidas de seguridade ou o Goberno de Netanyahu tomou nota da proximidade da xornada electoral

Hai tres semanas o correspondente de BBC en Gaza contaba que todo parecía comezar co lanzamento dalgúns foguetes, que non causaron danos, por parte dun grupo salafista non controlado por Hamás que rompera a tregua oficiosa que se mantiña desde hai moito tempo. Israel respondeu con ataques aéreos e nun deles eliminou un membro do brazo armado de Hamás. Comezou unha cadea de ataques e represalias que quedara máis ou menos controlada coa mediación do Goberno exipcio, aínda que o final destes estalidos de violencia nunca está garantido.

Até o mércores cando Israel procedeu a eliminar a ficha máis importante. Ou ben Yabari relaxara as súas medidas de seguridade ou o Goberno de Netanyahu tomou nota da proximidade da xornada electoral.

Gaza despois dos ataques de 2009 CC-BY Physicians for Human Rights - Israel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.