Brasil celebra eleccións, con Dilma Rousseff como favorita e a incógnita da segunda volta

Dilma Rousseff, Aecio Neves e Marina Silva Dominio Público Praza Pública

Dilma Rousseff vai ser a candidata máis votada na primeira volta das eleccións presidenciais, que hoxe se celebran en Brasil. Ninguén dubida diso, e as últimas sondaxes outórganlle á actual presidenta porcentaxes de voto por riba do 40% en todos os casos, mesmo chegando a entre o 44% e o 46% sobre o voto válido. Porén, a candidata do PT semella lonxe de poder superar o 50% e evitar así a segunda volta, que se celebraría o 26 de outubro.

As últimas sondaxes outórganlle ao candidato conservador ao redor do 27% dos votos, fronte ao 24% da candidata do PSB

Eis a grande incógnita dos comicios deste domingo: a ecoloxista Marina Silva e o neoliberal Aécio Neves chegan moi igualados nas enquisas, aínda que con evolucións opostas. Mentres que a campaña de Silva foi perdendo gas a medida que avanzaban as semanas, a de Neves está en ascenso, e as últimas sondaxes outórganlle ao candidato conservador ao redor do 27% dos votos, fronte ao 24% da candidata do PSB.

O incerto do resultado, tanto no que respecta á celebración dunha segunda volta coma no que atinxe á competencia entre Silva e Neves polo segundo lugar, endureceu o ton do derradeiro debate televisado da campaña, o pasado xoves

O incerto do resultado, tanto no que respecta á celebración dunha segunda volta coma no que atinxe á competencia entre Silva e Neves polo segundo lugar, endureceu o ton do derradeiro debate televisado da campaña, o pasado xoves. Os ataques máis duros á mandataria foron lanzados por Neves, quen responsabilizou ao actual goberno do PT polo escándalo de corrupción descuberto no xigante petroleiro Petrobras, cuxo ex director Paulo Roberto Costa foi arrestado en marzo pasado. De igual xeito, Silva acusou a Rousseff de "agachar a corrupción" e de mentir ao afirmar que ignoraba as prácticas corruptas en Petrobras. "Non é posible que a presidenta diga que unha persoa desviou recursos públicos durante 12 anos sen que ninguén o soubese", afirmou.

Pola súa banda, Rousseff respondeu que o combate contra a corrupción é unha prioridade do seu goberno, e anunciou que ditará novas leis para endurecer as penas aos responsables da desviación de diñeiro público: "Antes de nós, ninguén ía preso", dixo. A actual presidenta tamén atacou a Silva pola proposta da ambientalista de eliminar o control público sobre o Banco Central brasileiro. "Respecto a autonomía do Banco Central, pero ten que ser unha opción dos gobernantes en defensa dunha política de combate á inflación", destacou Rousseff.

En calquera caso, todas as enquisas coinciden en que Dilma Rousseff vencería nunha hipotética segunda volta, ben ante Marina Silva, ben ante Aécio Neves. Se o enfrontamento fose entre Rousseff e Silva, a candidata do PT obtería a vitoria por entre 10 e 12 puntos de diferenza, mentres que se a elección fose en competencia con Neves, a diferenza sería algo máis axusta, entre 6 e 8 puntos.

Todas as enquisas coinciden en que Dilma Rouseff vencería nunha hipotética segunda volta

No seu último Igadi Paper, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) destacaba que "estes comicios supoñen o test político máis difícil para un PT, o partido gobernante desde 2003, cando chegou ao poder da man do seu histórico líder e ex presidente Lula da Silva". Rousseff preséntase á reelección -lembra o IGADI- amparada na maquinaria política e burocrática do PT, así como na figura de Lula. Non obstante, as incertezas sobre o seu liderado, en particular sobre o modelo socioeconómico derivado da súa xestión presidencial desde 2011, ampararon a súa progresiva caída de popularidade, particularmente visible nas protestas cidadás que desde mediados de 2013 demandan maior atención e melloras en áreas tan sensibles como a educación e a sanidade pública.

Dilma Rousseff, Aecio Neves e Marina Silva Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.