Carlos Durão, un galego de Londres

De esquerda a dereita, o profesor Domingos Prieto, Manuel Rodrigues Lapa e Carlos Durão, na casa do segundo en Anadia (Portugal) nos anos 80. Dominio Público Carlos Durão

Londres non só foi cidade de destino para milleiros de exiliados e emigrantes galegos en tempos da dictadura franquista, senón que tamén operou nesa altura como un dos centros do movemento galeguista en Europa, desde onde se acompañou a loita pola lingua e os dereitos nacionais que libraban en Galicia as organizacións políticas do interior. 

Unha das figuras centrais daquel galeguismo emerxente na capital británica foi Carlos Durão, lingüista e escritor que protagoniza o ultimo especial do Té con Gotas cunha conversa na que repasa a súa vida no Reino Unido, a onde chegou nos anos 60.

Londres non só foi cidade de destino para milleiros de exiliados e emigrantes galegos en tempos da dictadura franquista, senón que tamén operou nesa altura como un dos centros do movemento galeguista en Europa

Xunto a outros galeguistas como Teresa Barro, Fernando Pérez-Barreiro, Xavier Toubes ou Manolo Fernández Gasalla, Carlos Durão foi un dos promotores do Grupo de Traballo Galego de Londres, a primeira asociación galeguista da illa que enviaba a Galicia un boletín por correo postal con reflexións sobre a situación do galego na escola trala aprobación da Ley General de Educación de 1970, así como a situación política e económica do país.

Durão entrou en contacto desde moi cedo con algúns exiliados republicanos gracias ao seu traballo na BBC e na Central Office of Information, onde exerceu como tradutor. 

Desde os inicios do Centro Galego de Londres, cuxos estatutos axudou a traducir ao inglés empregando como texto base o do Centro Galego de Bos Aires, tamén faría traballo activo pola lingua convidando a conferencias a nomes propios da literatura galega como Álvaro Cunqueiro ou Issac Alonso Estraviz.

A casa de Durão converteuse nunha parada obrigada para moitos representantes do galeguismo da época ao seu paso, máis ou menos longo, pola capital británica. Unha figura coa que cultivaría unha relación especialmente estreita sería a do filólogo e escritor Ernesto Guerra da Cal. Con el, Durão maduraría moitas das súas conviccións como reintegracionista levándoo finalmente a ser un dos promotores nos anos 80 da Associaçom Galega da Lingua (AGAL). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.