China define o seu rumbo

Xuntanza do Congreso do PCCh Dominio Público Praza Pública

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) publica un novo número dos seus IgadiPapers. Nesta ocasión céntrase na análise do XVIII Congreso do Partido Comunista de China.

O 8 de novembro inaugúrase en Beijing o XVIII Congreso do Partido Comunista de China (PCCh). O cónclave reúnese cada lustro e acadou unha notable regularidade tralo inicio da política de reforma e apertura (1978). Nesta ocasión, o PCCh enfróntase a un dos relevos no liderado máis importantes dos últimos tempos e igualmente á definición do rumbo socioeconómico e político a seguir tras unha década marcada pola énfase do binomio Hu Jintao-Wen Jiabao na construción dunha sociedade harmoniosa e a implementación da chamada concepción científica do desenvolvemento.

As preocupacións centrais dos dirixentes chineses céntranse en catro aspectos: como garantir o alto ritmo de crecemento económico, como garantir a estabilidade social, como garantir a preservación da soberanía nacional e como garantir a hexemonía política do PCCh

O balance previsible deste XVIII Congreso do PCCh apunta a dúas claves principais. En primeiro lugar, a preservación do consenso a propósito da continuidade da reforma nun contexto de avance da colexialidade e da dispersión do poder. En segundo lugar, un novo impulso ás reformas económicas, especialmente no financeiro (experimentándose en boa medida en Wenzhou) cunha lentitude maior no desmantelamento dos grandes monopolios públicos e na definición concreta de reformas políticas que non poñan en cuestión a preservación da base do poder e da hexemonía do PCCh.

 

As catro garantías

Xunto á corrupción, as desigualdades inciden de forma destacada na perda de credibilidade do PCCh

As preocupacións centrais dos dirixentes chineses céntranse en catro aspectos: como garantir o alto ritmo de crecemento económico, como garantir a estabilidade social, como garantir a preservación da soberanía nacional e como garantir a hexemonía política do PCCh. No primeiro aspecto, cómpre sinalar que, en efecto, tras un longo período de crecemento de dous díxitos, a economía chinesa encara certas dificultades (o crecemento no terceiro trimestre ascendeu ao 7,4%, sumando sete trimestres consecutivos á baixa) derivadas tanto dos efectos da crise global –a economía chinesa é altamente dependente das exportacións- como dos axustes no modelo de desenvolvemento. Aínda así, o crecemento en 2012 podería roldar o 8%. As transformacións en curso no plano ambiental, social e tecnolóxico, recollidas no plan quinquenal en vigor ata 2015, auguran, non sen tensións, un cambio substancial no modelo produtivo que non obstante debe encarar alteracións estruturais que non gozan de pleno consenso no liderado chinés.

No segundo aspecto, cómpre ter en conta que un dos efectos mais nocivos dos cambios operados no país é o avance desmedido das desigualdades de todo tipo, tanto no ámbito urbano como entre a cidade e o mundo rural, acadando un dos niveis máis elevados do mundo. Nos últimos tempos, a preocupación pola harmonía social, nun contexto de multiplicación dos conflitos e rebelións cívicas, revelou a importancia de situar as persoas como referente central das políticas públicas. Non obstante, a pesares da mellora nos ingresos da poboación e do maior investimento público en benestar, as desigualdades seguiron medrando, ao igual que o descontento social coas políticas gobernamentais. Xunto á corrupción, as desigualdades inciden de forma destacada na perda de credibilidade do PCCh. Os desafíos sociais, xa falemos de política demográfica –poboación flotante, planificación familiar, xubilados- ou educación, saúde, etcétera., configuran un dos retos maiores da China moderna.

Crece o temor de que unha maior apertura ao exterior da súa economía debilite a actual blindaxe que protexe fronte a hipotéticas intervencións desestabilizadoras externas

Un terceiro aspecto garda relación coa preservación da soberanía nacional, un elemento esencial nun proxecto que ambiciona pechar o ciclo histórico de decadencia iniciado hai máis de dous séculos e que a levou a ser vítima da depredación occidental. O marco de interdependencia no que se desenvolve a economía chinesa non obsta para facer fincapé na importancia da súa autonomía en todos os planos, incluída a singularidade da súa cultura, á fronte dunha estratexia de afirmación do seu poder brando. Esta preocupación medrará nos próximos anos especialmente ante o temor de que unha maior apertura ao exterior da súa economía debilite a actual blindaxe que protexe fronte a hipotéticas intervencións desestabilizadoras externas que poderían lograrse por medio dunha maior presenza en sectores como o financeiro (especialmente a medida que se internacionalice o yuan) ou os servizos.

Por último, as tensións que habitan nun partido que aglutina a 82 millóns de membros fronte a unha sociedade de máis de 1.300 millóns que reclama doses crecentes de autonomía fronte ao poder, obriga a revolucionar as coordenadas básicas do sistema político, un asunto que carece de consenso interno e que se conduce con enormes reservas e timoratismo.

 

Dous debates principais

A insistencia nunha segunda ola privatizadora co epicentro no sector público será un dos pulsos clave dos próximos anos en China

As cuestións clave que converxen neste congreso teñen dúas dimensións principais. Na orde económica, tralo informe China 2030 elaborado a instancias do Banco Mundial e do Consello de Estado, a revisión do modelo económico é un dato central. En efecto, ata agora, sen prexuízo da existencia dunha economía privada á alza, os sectores estratéxicos continúan en mans do poder público. Un estudo recente concluía que os beneficios das 500 maiores empresas privadas chinesas eran inferiores aos obtidos por China Mobile ou Sinopec. O sector público, en mans do Estado-Partido, confire un enorme poder de intervención na economía e no rumbo das políticas económicas. A controversia, evidenciada nas diferenzas entre a Comisión Nacional de Desenvolvemento e Reforma e o Banco Popular Central, ilustra sobre as posibilidades de pervivencia ou non dun modelo homologable. A insistencia nunha segunda ola privatizadora co epicentro no sector público será un dos pulsos clave dos próximos anos en China.

Unha segunda cuestión está relacionada coa reforma política, a cada paso mais necesaria para acompañar as profundas mutacións que está a experimentar a sociedade chinesa, cunha clase media ascendente, profundamente irritada ante a reiteración de casos de corrupción ou abuso de poder, as limitacións ás liberdades públicas básicas e a incapacidade da burocracia para tolerar mínimas cotas de participación social. A democracia deliberativa, ensaiada a partir de 2006, é celebrada por algúns sectores en tanto primeiro paso dunha democracia incremental que acepte a maioría de idade dun país que reclama non soamente unha maior calidade do exercicio público senón a revisión do actual modelo de relacións poder-sociedade.

A demanda dun maior control público da acción de goberno pode marcar o inicio dunha nova concepción da estabilidade que excluíndo o pluralismo ensaie a recreación de maiores espazos para a sociedade civil

Se no XVII Congreso (2007), o PCCh comprometeuse a promover a democracia intra-partido (selección de cadros, máis transparencia, código ético renovado), rexistrándose moi modestos avances neste sentido, a demanda dun maior control público da acción de goberno pode marcar o inicio dunha nova concepción da estabilidade que excluíndo o pluralismo ensaie a recreación de maiores espazos para a sociedade civil.

Un eixe que reclama unha especial atención é a problemática das nacionalidades minoritarias, nomeadamente en Xinjiang e no Tibet, onde se suman xa 60 inmolacións polo lume desde marzo de 2011. O inmobilismo nesta cuestión representa unha considerable ameaza para a estabilidade.

 

A política exterior

O protagonismo ascendente de China no entorno internacional e o incremento das tensións estratéxicas cos seus principais competidores auguran novas perspectivas para a acción diplomática chinesa, tanto na súa articulación interna entre os diversos actores, aqueixados de certa fragmentación nos últimos tempos, como novos debates a propósito da intensidade do discurso público nun contexto marcado polo incremento das tensións marítimo-territoriais e os reaxustes xeopolíticos, especialmente no entorno asiático co nacemento desa nova trilateral conformada por Xapón, India e EUA. Así pois, se ben a importancia dos desafíos económicos e a evolución sistémica seguirán recibindo unha atención preferente, a axenda exterior chinesa gañará en contidos e presenza, indo alén dos seus cometidos tradicionais ata agora moi dependentes da estratexia económica do país.

 

Correntes internas e novos dirixentes

É o tempo da quinta xeración. Espérase un 65 por cento de novos membros no Comité Central

É o tempo da quinta xeración. Espérase un 65 por cento de novos membros no Comité Central. Trala defenestración do líder de Chongqing e membro do Buró Político, Bo Xilai, a corrente neomaoísta viu seriamente freadas as expectativas dun aumento da súa influencia no liderado central. As principais faccións que hoxe converxen no liderado chinés atenden a varias denominacións en función das súas acepcións territoriais (clan de Xangai), afinidades persoais (Jiang Zemin), traxectorias sectoriais (Liga da Xuventude) ou orixes familiares (príncipes vermellos ou fillos de altos dirixentes). Probablemente, a máis acaída é aquela que diferenza entre elitistas e populistas, ou entre liberalconservadores e socialreformistas, entre os que suman  liberalismo económico e conservadorismo político e os que apostan por unha política máis social con avances reformistas no sistémico.

A análise máis acaída é aquela que diferenza entre elitistas e populistas, entre os que suman liberalismo económico e conservadorismo político e os que apostan por unha política máis social con avances reformistas no sistémico

O Comité Permanente do Buró Político, máximo órgano do PCCh, reducirá os seus integrantes a sete (actualmente son 9). Entre eles figurarán con seguridade Xi Jinping, próximo secretario xeral e presidente do Estado) e Li Keqiang (futuro primeiro ministro). Poderán acompañalos Wang Qishang (hoxe vice primeiro ministro), Zhang Dejiang (actual líder de Chongqing), Zhang Gaoli (xefe do partido en Tianjin), Liu Yunshan (responsable de propaganda). A dúbida final resta entre Li Yuanchao, xefe do departamento de organización, e Yu Zhengsheng, responsable do partido en Xangai. Entre eles deben repartirse as responsabilidades da presidencia da APN, da Conferencia Consultiva Política, da Comisión Disciplinaria, Vicepresidencia do Estado, Propaganda. Wang Yang, xefe do partido en Guangdong, quedaría fóra por ser considerado demasiado reformista, asegurando un amplo consenso centrista.

Con esa probable radiografía, Jiang Zemin mantería a súa influencia a través, nomeadamente, de Zhang Dejiang e Zhang Gaoli. Mentres, Hu Jintao, ademais de Li Keqiang, contaría coa proximidade de Liu Yunshan e, de darse o caso, de Li Yuanchao ou ata Yu Zhengsheng, ambos mais progresistas que Zhang Dejiang ou Zhang Gaoli. Wang Qishang considérase un discípulo do ex primeiro ministro Zhu Rongji. Xi Jinping, príncipe vermello e próximo ao clan de Jiang Zemin-Zen Qinghong, sería continuador dese equilibrismo representado por Hu Jintao, aínda que algúns vaticinan un liderado máis forte.

A Comisión Militar Central, outro órgano clave, tamén experimentará unha importante renovación. Sete dun total de dez membros deben ser substituídos, cun balance probablemente favorable a Xi Jinping, con ascendencia nas filas do Exército Popular de Liberación. A diferenza do seu antecesor Jiang Zemin que retivo a presidencia desta comisión durante un par de anos tras abandonar a secretaría xeral do PCCh, agárdase que Hu Jintao acelere o relevo.

Xuntanza do Congreso do PCCh Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.