China-Filipinas. Ás portas da guerra?

Localización das illas que acenderon o conflito Dominio Público Praza Pública

A comezos de abril, un barco de guerra filipino intentou arrestar a un grupo de pescadores chineses que fanaban preto dun territorio, as illas Huangyan, que ambos países reclaman como seu. A rexión ten o potencial para desatar un conflito. A controversia por esta diminuta illa situada no Mar de China meridional foise agravando co paso das semanas dando orixe ao enfrontamento máis serio entre China e Filipinas no mar en anos recentes.

As illas Huangyan é un grupo de arrecifes e illotes localizado a unhas 550 millas náuticas da illa de Hainan, no sur de China. Coñécense tamén como os arrecifes Scarborough, no espazo do arquipélago das Spratleys. Recentemente, Filipinas pasou a denominalas  Banco Panatag, co obxecto de facer valer o seu reclamo de soberanía, eliminando os sinais de presenza chinesa.

O conflito remóntase aos anos noventa, con incidentes de certa gravidade como os rexistrados en 1998 cando 51 pescadores chineses foron detidos durante preto de seis meses

O conflito remóntase aos anos noventa, con incidentes de certa gravidade como os rexistrados en 1998 cando 51 pescadores chineses foron detidos durante preto de seis meses. En maio de 1999, un barco pesqueiro chinés foi cotado e fundido por un barco de guerra filipino. Segundo China, entre 2000 e 2011, máis de trinta barcos pesqueiros víronse involucrados en incidentes coa Armada filipina.

O 9 de maio a maioría das axencias turísticas de China suspendían as viaxes a Filipinas. O día seguinte, o Diario oficial do Exército Popular de Liberación (EPL) aseguraba que “non permitirán que ninguén arrebate a China a soberanía da illa”. O 11 de maio protestas cívicas desenvolvíanse nas rúas de Beijing e Manila. O 12 de maio, o EPL desmentía que unidades militares da provincia de Guangdong e da Flota do Mar de China Meridional entraran en alerta de segundo nivel. O luns 14 Beijing anunciou a imposición dunha veda á pesca na parte setentrional do Mar Meridional de China, incluídas as augas adxacentes a Huangyan, durante dous meses e medio a partir do 16 de maio.

Segundo os especialistas, as augas do Mar de China meridional contan con entre 23.000 e 30.000 toneladas de reservas de cru e 16 billóns de metros cúbicos de gas natural, os cales representan unha terceira parte de todos os recursos petroleiros e de gas do xigante asiático

Segundo os especialistas, as augas do Mar de China meridional contan con entre 23.000 e 30.000 toneladas de reservas de cru e 16 billóns de metros cúbicos de gas natural, os cales representan unha terceira parte de todos os recursos petroleiros e de gas do xigante asiático. Velaí a razón última do litixio e a maior dificultade para atopar unha solución diplomática que satisfaga a ambas partes.

En 2002, China e os países da ASEAN (Asociación de Nacións do Sueste Asiático, siglas en inglés) asinaron unha Declaración sobre a Conduta das Partes no Mar de China meridional prometendo manter a moderación e non realizar actividades que puideran dar lugar a escaladas de tensión. Pero a realidade desmente a boa vontade recollida na literalidade do citado documento.

 

China insta a mediación de Estados Unidos

Durante a visita que realizou a EEUU a partir do 7 de maio o ministro de Defensa chinés, Liang Guanglie, a primeira nos últimos nove anos do mais alto cargo deste departamento, solicitou de Washington a súa intervención para relaxar a tensa situación no Mar de China meridional. Á vista do punto morto no que se atopa a disputa entre China e Filipinas, pediu a Washington que xogue un papel máis construtivo. A visita desenvolveuse en paralelo á cuarta tolda do Diálogo Estratéxico e Económico China-EEUU, que reuniu en Beijing a representantes de ambos países.

A Liang acompañárono nesta viaxe os comandantes das importantes rexións militares de Shenyang e Xinjiang, áreas próximas ao noroeste e centro de Asia onde EEUU ten presenza militar. Para os próximos meses están previstas novas visitas de alto nivel: en xullo, Mike Mulen, antigo xefe do Estado Maior Conxunto de EEUU, visitará Beijing e mais tarde farao o secretario de Defensa Leon Panetta.

A relación militar entre EEUU e China é moi inmatura aínda. A confianza mutua é o reto esencial para construír o novo modelo de relacións entre ambos países evitando o fatalismo da confrontación e a traxedia. Non obstante, a fenda de confianza é evidente

A relación militar entre EEUU e China é moi inmatura aínda. A confianza mutua é o reto esencial para construír o novo modelo de relacións entre ambos países evitando o fatalismo da confrontación e a traxedia. Non obstante, a fenda de confianza é evidente. Na mentalidade de ambos exércitos están enraizados factores e visións que fan complexas as relacións mutuas. Ambas partes coinciden en que deben pasar do diálogo e visitas recíprocas a compartir actividades militares con outros países da rexión, pero de chegar precisará tempo.

China asegura que a afirmación de que Washington non toma partido respecto ás disputas no Mar de China meridional é insostible á vista da crecente cooperación militar con Filipinas. A sucesión de manobras militares conxuntas de EEUU con Hanoi ou Manila, ás que respondeu China con exercicios navais con Rusia en augas do Mar Amarelo, revelan a diferenza entre o dito e o feito.

China asegura que a afirmación de que Washington non toma partido respecto ás disputas no Mar de China meridional é insostible á vista da crecente cooperación militar con Filipinas

Os principais diferendos que enfrontan a chineses e estadounidenses neste plano están relacionados coas vendas de armas a Taiwán, as actividades de recoñecemento de avións e barcos estadounidenses en China e a vixencia dunha lexislación cautelar que identifica a China como un claro rival estratéxico do que compre protexerse. O anuncio da estratexia de EEUU de regreso a Asia descansa en boa medida na implicación da súa Armada na preservación da liberdade de navegación polas rutas do Pacífico, un argumento que alenta as reivindicacións dos países limítrofes con China que tamén aspiran a beneficiarse dos recursos enerxéticos presentes en territorios disputados.

 

Hipóteses de futuro

Arriscarase China a recorrer á forza armada? Polo momento, a actitude de China consiste en instar esforzos diplomáticos, ao tempo que envía buques de vixilancia á zona. China non quere nin admite a internacionalización do problema e nunca  recoñecerá a intervención de terceiros.

Subestimar a determinación de China nun momento tan delicado da súa transición interna, en vésperas do XVIII congreso do Partido Comunista previsto para outono, pode saír caro. Non acostuma haber titubeos respecto a cuestións relacionadas coa soberanía e o territorio

Por outra banda, subestimar a determinación de China nun momento tan delicado da súa transición interna, en vésperas do XVIII congreso do Partido Comunista previsto para outono, pode saír caro. Non acostuma haber titubeos respecto a cuestións relacionadas coa soberanía e o territorio. Este é un tema moi sensible no liderado chinés. As máis graves humillacións sufridas polo país están relacionadas cos gravames territoriais. O recurso á forza será a derradeira opción, pero cabe tomala en serio.

Filipinas seguirá buscando o apoio internacional presentándose como vítima da confrontación. Manila entende que a estratexia de EEUU de volver a Asia pode reportarlle beneficios inmediatos e pula por activar as reclamacións de soberanía fronte a China doutros países do área. Por razóns internas, a ambos países pode interesarlle manter o pulso en niveis controlables. É pouco probable que dean marcha atrás a corto prazo.

Manila entende que a estratexia de EEUU de volver a Asia pode reportarlle beneficios inmediatos e pula por activar as reclamacións de soberanía fronte a China doutros países do área

O comercio entre ambos estados ascendeu a 27 mil millóns de dólares en 2010. China é o terceiro socio comercial de Manila. Ambos países fixaran como obxectivo chegar a 60.000 millóns en cinco anos. Preto de 2 millóns de filipinos son de ascendencia chinesa e viven nese pais desempeñando importantes tarefas na economía e na sociedade.

O 8 de maio, a compañía filipina Philex Petroleum Corporation anunciaba o inicio de negociacións coa CNOOC para a explotación conxunta dun xacemento de gas natural no Mar de China meridional, na concesión de Sampaguita. Esta cooperación, de confirmarse, podería calmar as tensións e marcar o rumbo para unha solución de compromiso. Formalmente, China sempre afirmou a súa disposición para explotar conxuntamente os recursos.

Pero Beijing acusa a Vietnam, Filipinas, Indonesia e Malaisia de explotación ilegal das reservas de petróleo do Mar de China meridional, o que lle priva cada día de 1,4 millóns de barrís que equivalen ao 30 por cento das súas importacións diarias. Razón suficiente para non baixar a garda.

 

Le o texto completo na páxina do Igadi

Localización das illas que acenderon o conflito Dominio Público Praza Pública
Protestas en Filipinas contra China Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.