Cinco anos dos atentados de Noruega que o seu autor vinculou co Prestige

Entre as referencias a Galicia, o terrorista noruegués incluíu o PSdeG entre os partidos marxistas de Europa CC-BY-SA Praza Pública

O 22 de xullo de 2011 o ultradereitista Anders Breivik matou 77 persoas en Noruega na maior matanza do país desde a II Guerra Mundial. Días antes divulgara en internet un manifesto, 2083, A european declaration of independence, un compendio islamófobo de 1.500 páxinas elaborado bebendo e copiando de distintas fontes no que Galicia aparecía citada en varias ocasións.

No seu manifesto, escrito en inglés, Breivik chamaba a atención sobre a fraxilidade da sociedade occidental ante determinados atentados ou accidentes, insinuando na súa argumentación que estes contribúen a debilitar aos gobernos occidentais, culpables segundo el en última instancia de que o islamismo se asente en Europa. Breivik elaborou unha lista desas catástrofes, que denominou “Top 9 de obxectivos de sabotaxe”, na que, xunto cos atentados do 11-S ou do edificio federal de Oklahoma City de 1995, incluíu o accidente do Prestige, a explosión tamén accidental da central nuclear de Chernobyl ou o afundimento similar do Exxon Valdez en 1989 en Alaska. Breivik ordenounos segundo o seu suposto custo económico, o que situaba a catástrofe do Prestige só por detrás da de Chernobyl e do 11-S. O terrorista tamén identificaba no seu manifesto posibles obxectivos de atentados, entre os que incluíu unha nova referencia a Galicia, ao mencionar “La Coruna Refinery (Repsol YPF)”.

Naquel manifesto Breivik tamén criticaba aos partidos europeos que consideraba “marxistas”, entre os que identificaba expresamente o PSdeG. E a Galicia tamén se referiu para gabar a reconquista peninsular fronte aos abusos dos árabes na idade media, incluíndo entre outros dous textos históricos de orixe islámica, un no que se conta que “o 6 de setembro de 845 un exército musulmán avanzou por Galicia no territorio dos infieis, onde cometeu pillaxe e masacrou a todo o mundo”, e outro no que un otomán do século XVI é “testemuña dun convoi de escravos procedentes de Galicia sorprendido de que calquera deles chegase vivo ao seu destino”. Nesa mesma liña de crítica do islam, Breivik recolleu unha referencia ás ordes de cabalería, entre as que citaba a Orde de Santiago. El mesmo se presenta como cabaleiro templario.

Hoxe Breivik cumpre a súa condena a 21 anos de cárcere, prorrogables se as autoridades consideran que ao rematar ese prazo segue sendo perigoso para a sociedade.

Portada do manifesto de 1.500 páxinas divulgado por Breivik antes dos atentados de Noruega Dominio Público Praza Pública
Espazo dedicado ao Prestige entre os que Breivik cualificou como "obxectivos de sabotaxe" Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.