"Debemos ser parte do mundo a partir da proxección do que somos e das nosas vantaxes comparativas"

O IGADI vén de abandonar a súa sede na illa de san simón © IGADI

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) vén de publicar o Igadi Paper número cen, centrado nesta ocasión na Cooperación Transfronteiriza en Europa. O IGADI comezou a funcionar en 1991 e dende entón foi asentando un amplo corpus de coñecemento sobre a xeopolítica internacional, plasmada entre outros documentos neste cento de informes. O IGADI figura entre os 10 think tank máis influíntes do Estado, desenvolvendo unha actividade sobresaliente no seguimento da actualidade chinesa ou de América Latina. Falamos con Xulio Ríos, o seu director.

Que son os IGADI Papers? Que compoñen en conxunto estes 100 traballos?

Do que se trata con eles é de achegar as claves contextualizadas dun determinado problema, fenómeno ou tendencia internacional. Os 100 números revelan as preocupacións do IGADI e expresan igualmente tanto constancia como esa idea que nos motiva, o acompañamento da situación internacional e os seus impactos en Galicia, sempre cunha visión tamén, chegado o caso, de significar as oportunidades.

"A nosa razón de ser radica na universalización de Galicia nun momento en que a transición que vive a sociedade internacional abre oportunidades para sermos máis nós no mundo"

Credes que estades cumprindo os obxectivos cos que naceu o IGADI?

A fin de contas, a nosa razón de ser radica na universalización de Galicia nun momento en que a transición que vive a sociedade internacional abre oportunidades para sermos máis nós no mundo. Tentamos sensibilizar a sociedade galega e os seus actores a este respecto. Nuns casos con certa fortuna, noutros con menos.

IGADI é un dos dez think tank máis recoñecidos do Estado. Estades satisfeitos co coñecemento e o recoñecemento en Galicia da vosa actividade?

Galicia é como é. Para tanto esforzo sen ánimo lucrativo algún, posiblemente hai pouca receptividade e cando a hai penéirase dende un prisma moi marcado. Nós apostamos pola independencia e polo servizo ao país. Uns non miran ben unha cousa e outros outra. Hai que ter paciencia.

"Nós apostamos pola independencia e polo servizo ao país. Uns non miran ben unha cousa e outros outra"

Sodes unha referencia por exemplo na información sobre China, por exemplo. En que outras áreas cres que se debería poñer o foco nos vindeiros anos?

Non só sobre China. Penso que no eido da acción exterior das entidades subestatais, en Estados de feito, en temas de América Latina, etc., contamos con analistas asociados especialistas en política nipona ou estadounidense ou noutras áreas, e mais alá do equipo permanente valémonos dun colectivo de colaboradores verdadeiramente universal que nos achega solvencia en rede porque confían no IGADI e no seu bo facer. Entendemos que os vindeiros anos van vir marcados polas transformacións suxeridas na orde global da man dos países emerxentes. Nese sentido, Brasil, levamos anos dicíndoo, é clave para nós. Pero non hai unha política integral que transcenda e dea sentido aos impulsos sectoriais e individuais.

"O preocupante da situación actual é a deixación nun contexto adverso polas ínfulas recentralizadoras que veñen de Madrid cunha política carente de sentido no substancial por mais que se pretenda vestir de aforro e sensatez"

Vides denunciando a escasa preocupación do Goberno galego pola proxección exterior de Galicia. Esta critica pódese estender ás empresas privadas?

O preocupante da situación actual é a deixación nun contexto adverso polas ínfulas recentralizadoras que veñen de Madrid cunha política carente de sentido no substancial por mais que se pretenda vestir de aforro e sensatez. O futuro de Galicia pasa por unha relación fluída co exterior. Hai que construíla con estratexia, perseveranza e paciencia. Podemos telo todo, pero preferimos mirar para outro lado.

Para avanzar en serio na internacionalización é fundamental o coñecemento. Tanto que se fala de Alemaña deberían tomar exemplo do apoio que tanto o sector público como o privado prestan a entidades deste tipo que acumulan un coñecemento moi profundo dos países-mercados de maior interese estratéxico. Van sobre seguro porque coñecen o terreo que pisan a todos os niveis. O noso todo é improvisación e confiar na sorte, nas amizades, nos parentes… Así non poden funcionar ben as cousas. E a pegada que deixamos é moi fráxil.

Por que é necesaria que Galicia conte cunha proxección exterior de seu? En que medida a cultura lingua identidade ou determinadas características da nosa economía fan necesaria unha política especifica?

Somos un país no mundo, nin en España nin sequera en Europa. E debemos ser parte do mundo a partir da proxección do que somos e das nosas vantaxes comparativas, poñendo en valor, creativamente, a nosa singularidade. Medrar fóra con raíces sólidas dentro. Non é afán de diferenciación. É o mais sensato e natural. Proxectarnos por imitación é un sensentido e un fraco favor que nos facemos a nós mesmos e aos demais. Un Estado intelixente recoñecería iso.

"Quixeramos conmemorar como se merece o 80 aniversario da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas. Pero non sei se haberá país para tan modesto empeño"

En que outras actividades estades centrados ou ides estalo nos vindeiros meses?

Ademais do quefacer diario, que é ben complicado para os nosos modestos medios, quixeramos conmemorar como se merece o 80 aniversario da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas. Pero non sei se haberá país para tan modesto empeño.

Como valorades a información internacional nos medios de comunicación galegos?

Nunca foi grande cousa, pero cada día que pasa é máis pobre.

O IGADI vén de abandonar a súa sede na illa de san simón © IGADI
Xulio Rios © Igadi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.