Domingo en Palestina

© Diario de Palestina

O blog Diario de Palestina relata a estraña normalidade coa que se vive un domingo en Belén, a 70 quilómetros de Gaza, baixo o ataque de Israel.

 

Os domingos as rúas énchense de xente en Belén; dos que comezan a semana laboral, dos que van rezar a calquera das diferentes igrexas que ocupan a cidade, e dos que visitan o lugar. Este domingo, a Igrexa da Natividade volveu recibir turistas, os rezos repetiron os mesmos horarios e os comercios abriron como é habitual.

O centro da cidade, igual que ocorre nas outras vilas de Cisxordania, parece moito máis afastado dos 70 quilómetros que separan Belén de Gaza. A guerra parece ter un campo de batalla definido, con diferentes frontes de acción e espectadores pendentes dos sucesos en todos lados

O centro da cidade, igual que ocorre nas outras vilas de Cisxordania, parece moito máis afastado dos 70 quilómetros que separan Belén de Gaza. A guerra parece ter un campo de batalla definido, con diferentes frontes de acción e espectadores pendentes dos sucesos en todos lados. Os foguetes seguen a sucederse en Gaza e dende Gaza, e nas entradas de todas as cidades cisxordanas continúan os enfrontamentos entre o exército israelí e a poboación palestina.

Nas manifestacións deste domingo houbo máis de 50 feridos; porén as estradas e as entradas ás cidades permanecen abertas, malia estar entorpecidas por pedras, lume e gases lacrimóxenos. Dentro, a xente congrégase para ver a realidade do conflito e discutir sobre a primavera palestina, que parece florecer unida. Dende aí saíron as protestas, sen interromper o ritmo habitual, e só parando o quefacer diario unhas horas para amosar a unión do pobo palestino, de Gaza e de Cisxordania.

Nas manifestacións deste domingo houbo máis de 50 feridos; porén as estradas e as entradas ás cidades permanecen abertas, malia estar entorpecidas por pedras, lume e gases lacrimóxenos

As tensións do conflito do inverno de 2008-2009, dos diferentes estados de sitio ou da última Intifada non se respiran nesta ocasión. As sirenas e os foguetes non parecen asustar, talvez por un optimismo que fai pensar no fin da ocupación ou dun pesimismo alongado no tempo que fai pensar en que non haberá cambios. Quizais a poboación non é consciente da gravidade do conflito e só acha que os cambios só poden servir para mellorar. En calquera caso, Palestina continúa viva e en pé, afeita a dialogar coa morte e a renacerse tras cada guerra.

 

Operación Pilar de Defensa

O sol ponse preto das cinco da tarde en Xerusalén. A esa hora, todos os venres, soa unha sirena por todo o país anunciando o comezo do Xabat, o día de descanso. Este venres, como todos, a sirena soou, pero máis dunha vez. Non anunciaba o festivo da semana, senón o avance da guerra. Pouco despois confirmábase que un foguete caera preto do parlamento israelí, traspasando así, en palabras do goberno xudeu, a liña vermella que xa cruzara o día anterior ao atacar Tel Aviv.

As mostras de solidariedade, que pareceron poucas daquela, e que só serviron para acrecentar a fenda entre Fatah e Hamás, Cisxordania e Gaza, mudaron. Os nenos que lanzaban pedras contra soldados israelís en Qalandia estaban, un venres máis, no seu sitio, pero non sós

Dende o comezo da Operación Pilar de Defensa, o venres era a data esperada para demostrar nas rúas a oposición ao conflito. Había convocadas manifestacións, en todas as cidades palestinas, para o mediodía, despois do rezo. Como hai catro anos, durante a Operación Chumbo Fundido, o exército israelí ocupou os puntos fronteirizos e as estradas principais, amais de permanecer alerta nos núcleos árabes de Israel máis importantes. As mostras de solidariedade, que pareceron poucas daquela, e que só serviron para acrecentar a fenda entre Fatah e Hamás, Cisxordania e Gaza, mudaron. Os nenos que lanzaban pedras contra soldados israelís en Qalandia estaban, un venres máis, no seu sitio, pero non sós.

Cixordania continúa a ser unha entidade independente lonxe de Gaza, cunha economía en continuo crecemento, e baixo o mandato dun goberno que moitos critican por estar ao servizo de Israel. A finais de decembro de 2008 as manifestacións en repulsa polos ataques a Gaza uníronse fronte aos televisores, pois as forzas de seguridade palestina prohibiran calquera mostra de simpatía por Hamás. Nesta ocasión, os medios de comunicación continúan a ser un centro de protesta ao que unirse, pero tamén as rúas, onde ondean bandeiras de Hamás, por primeira vez en moito tempo, e onde se oen proclamas a favor dun goberno palestino lexítimo.

Os síntomas de unión en Cisxordania, xunto ás provocacións en Gaza e ás respostas dos países veciños fan presaxiar prognósticos distintos para os ataques deste novembro. Tras o visto nas manifestacións, Fatah non parece ser quen de controlar os sentimentos de toda a poboación e a súa organización interna comeza a amosar a debilidade dun grupo descomposto. Por outra banda, Hamás só parece gañar credibilidade e apoios contra o inimigo común de todos os palestinos: a ocupación. Amais, nas fronteiras israelís, o apoio doutrora xa non existe.

Mohammed Mursi, presidente exipcio, advertiu que “o Exipto de hoxe non é o Exipto de onte, e os árabes de hoxe non son os árabes de onte”, en referencia ao apoio que Israel recibiu por parte de Mubarak e á posición dos árabes en xeral. Tamén apuntou que Gaza non permanecerá soa como ata o de agora, e é que ao seu apoio hai que sumar o doutro antigo aliado israelí, Turquía, amais de Hezbollah en Líbano, a axuda incondicional de Irán, e posibles apoios por parte dos disidentes sirios e de Xordania.

Dende a resistencia en Gaza advírtese que acabou o período no que os únicos vencidos eran eles. Dende este momento, os mortos caerán dun lado e doutro. Así o confirma Abu Obeida,  portavoz da corrente militar de Hamás, quen pediu ao primeiro ministro israelí, Netaniahu, que non mande os 75.000 soldados reservistas que ten previsto dunha vez (na Operación Chumbo Fundido foran 10.000): “Gaza é pequena e non caben todos eses mortos xuntos”. Amais, engadiu, “estamos planeando outras sorpresas”.

Non haberá tregua mentres Israel non abra as fronteiras marítimas de Gaza, para os ataques e prohiba os avións sobre o ceo da Faixa, eses son os mínimos esixidos dende a Faixa. A ameaza é seria, e Israel sábeo. Gaza xa non é un territorio controlado por Hamás; Gaza é Hamás e non está soa

Non haberá tregua mentres Israel non abra as fronteiras marítimas de Gaza, para os ataques e prohiba os avións sobre o ceo da Faixa, eses son os mínimos esixidos dende a Faixa. A ameaza é seria, e Israel sábeo. Gaza xa non é un territorio controlado por Hamás; Gaza é Hamás e non está soa. Non só ten apoios externos, senón tamén unha infraestrutura traballada dende hai tempo e que mesmo sorprende aos servizos de intelixencia israelí, que non son capaces de identificar o lugar exacto dende os que son lanzados os proxectís nin de interceptalos todos. A operación, ou a guerra, continúa.

© Diario de Palestina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.