Eleccións en Escocia: un nacionalismo dividido busca renovar a maioría para convocar un novo referendo de independencia

O líder do ALBA, Alex Salmond, xunto coa primeira ministra escocesa e líder do SNP, Nicola Sturgeon, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC Scottish Government

O nacionalismo escocés concorrerá dividido despois de anos de unidade ás eleccións do próximo 6 de maio. O Scottish National Party (SNP) da primeira ministra Nicola Sturgeon competirá polo voto independentista co novo partido lanzado hai un par de semanas polo seu excolega e exprimeiro ministro escocés, Alex Salmond, bautizado como ALBA.

A división do tandem Sturgeon-Salmond, que protagonizou o ascenso electoral do SNP nas últimas dúas décadas, comezou en 2018, cando o Goberno escocés iniciou unha investigación contra Salmond por uns supostos casos de acoso sexual denunciados por varias traballadoras do Goberno e do SNP. 

A Xustiza acabou deixando libre de culpa ao expremier e condenando ao Executivo de Sturgeon a pagarlle 500.000 libras de indemnización polo que considerou unha investigación con “erros procedimentais claros” e un “sesgo parcial” para prexudicar a Salmond. A sentenza acabou alimentando as sospeitas do antigo líder independentista de que os seus excolegas de formación estaban detrás dunha operación para anulalo politicamente.

Ningunha enquisa cuestiona que o SNP será o gañador das eleccións pero a dúbida está na marxe con que asegurará a súa victoria

Ningunha enquisa cuestiona que o SNP será o gañador das eleccións pero a dúbida está na marxe con que asegurará a súa victoria. Uns deputados máis ou menos poden ser a diferenza entre unha maioría simple e unha maioría absoluta que respalde con máis forza a solicitude de convocar un segundo referendo de autodeterminación.

Nesa delicada aritmética, a aparición do ALBA (que significa "Escocia" na lingua gaélica do país) pode ser determinante, aínda que os de Salmond tan só competirán por 56 dos 129 escanos en xogo, tentando explotar ao máximo o sistema electoral escocés para lograr unha super maioría independentista. O electorado soberanista aínda podería optar por unha terceira opción, xa que os Verdes escoceses tamén apoian a independencia.

Carteis a favor do 'si' no referendo de Escocia CC-BY-NC Cams

A saída do Reino Unido da Unión Europea reabriu o debate sobre a independencia de Escocia, onde o Brexit só contou co apoio do 38% da poboación

Alex Salmond foi primeiro ministro de Escocia desde 2007 a 2014. Baixo o seu mandato, o independentismo acadou cotas de poder históricas, chegando a pactar co Goberno británico a convocatoria dun referendo de autodeterminación en 2014. Nesa consulta, un 55% dos escoceses optou por continuar no Reino Unido, o que levou a Salmond a dimitir, cedendo o paso a Sturgeon.

A saída do Reino Unido da Unión Europea reabriu o debate sobre a independencia de Escocia, onde o Brexit só contou co apoio do 38% da poboación e onde a pertenza ao mercado común fora un dos debates centrais da campaña unionista contra a independencia en 2014.

Da división do soberanismo escocés nestas eleccións falamos no podcast desta semana, no que tamén conversaremos con Xabier Villares, economista galego residente en Edimburgo e militante do SNP,  co que coñeceremos de primeira man como se están a vivir as semanas previas á cita coas urnas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.