Haydee Castillo leva máis de tres décadas traballando e loitando polos dereitos humanos en Nicaragua, especialmente polos dereitos das mulleres campesiñas. Fíxoo nos tempos da ditadura de Somoza, fíxoo durante a revolución sandinista e seguiuno facendo nos anos seguintes, especialmente dende o regreso ao poder de Daniel Ortega, ao que acusa dunha deriva autoritaria.
Foi fundadora das organizacións Fundación para el desarrollo de las mujeres y la niñez (FUNDEMUNI) e da Fundación Instituto de Liderazgo de Las Segovias (ILLS). No ano 2018 foi detida, acusada dun delito de "terrorismo" por ter participado nas protestas contra o Goberno. Nos últimos anos, viuse obrigada a exiliarse.
"A situación de Nicaragua non está tan destacada na axenda da comunidade internacional como outros temas e como nós quixeramos. Pero a situación é crítica"
Nas últimas semanas estivo a percorrer Europa denunciando ante distintos organismos e en diferentes espazos a "situación crítica" que, asegura, vive Nicaragua. Entre outros, participou en Bruxelas no cumio entre a UE e a CELAC (Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños), que tivo lugar en xullo, na xuntanza do Consello Europeo de Dereitos Humanos e hai tan só unhas semanas na xornada Recuperando a Universalidade dos Dereitos Humanos, organizada en Barcelona pola ANUE. Hai uns días estivo na Coruña, onde mantivo un encontro co reitor da UDC, Julio Abalde. Falamos con ela
Que valoración fas dos distintos encontros que estás a manter nas últimas semanas? De que xeito se reciben en Europa as denuncias sobre violacións de dereitos humanos en Nicaragua?
Eu noto que a situación de Nicaragua non está tan destacada na axenda da comunidade internacional como outros temas e como nós quixeramos. Pero a situación é crítica, en Nicaragua a ditadura Ortega-Murillo iniciou unha guerra contra un pobo desarmado, que non ten con que protexerse.
Tiven a oportunidade de participar no cumio entre a UE e a CELAC en Bruxelas, onde observamos que había unha preeminencia da axenda económica, pero a min tocoume poñer na axenda as violacións de dereitos humanos que se están producindo, non só en Nicaragua, pero tamén no Salvador, en Guatemala e en Honduras. En Bruxelas participei tamén na xuntanza do Consello Europeo de Dereitos Humanos e alí tiven a oportunidade de explicar a grave situación que temos, xunto ao grupo de expertos que está a investigar os crimes de lesa humanidade que está habendo.
Cal é a situación en Nicaragua? De que xeito se leva a cabo esa "guerra" contra a poboación?
"O pobo decidiu librar a batalla contra o réxime de Ortega dunha maneira cívica, pacífica. O pobo non ten armas nin quere telas, porque a historia dinos que cando as cousas se quixeron resolver pola violencia, o maior perdedor sempre foi o pobo"
No pobo de Nicaragua hai cansazo ante unha situación que dura xa anos e que mesmo en ocasións non é recoñecida como ditadura. Nicaragua é nestes momentos como unha ola a presión e a sociedade vive un pesadelo, tanto pola situación económica coma pola presión do Goberno. Alí só tes catro opcións: ou estás co réxime, ou se non mátante, vas ao cárcere ou vas ao exilio.
O réxime foi avanzando, cada día temos unha sorpresa: acabou coas organizacións non gobernamentais, coas asociacións de saúde, despois foi contra a Igrexa católica... E a presión da policía é moi forte. Todo isto, en conxunto, explica os ríos de xente que está saíndo do país dunha maneira desesperada.
O pobo decidiu librar a batalla contra o réxime de Ortega dunha maneira cívica, pacífica. O pobo non ten armas nin quere telas, porque a historia dinos que cando as cousas se quixeron resolver pola violencia, o maior perdedor sempre foi o pobo.
Que lle pedides á comunidade internacional e, neste caso, aos países europeos?
Este é o momento no que a comunidade internacional ten que cumprir coa Declaración Universal de Dereitos Humanos, que celebra este ano o seu 75 aniversario. A Declaración di que cando os pobos están sendo abatidos por quen os ten que protexer, que é o que nos está pasando, a comunidade internacional ten que protexer este pobo.
"A Declaración Universal de Dereitos Humanos di que cando os pobos están sendo abatidos por quen os ten que protexer, que é o que nos está pasando, a comunidade internacional ten que protexer este pobo"
E, en cambio, o que sucede é que o réxime segue recibindo préstamos da arquitectura financeira mundial: do Banco Mundial, do Banco Centroamericano de Integración Económica, do FMI, do Fondo Verde de Nacións Unidas... E no caso da UE hai mesmo un acordo de integración económica con Centroamérica que inclúe Nicaragua e polo que o país ten que cumprir determinadas condicións democráticas que están sendo incumpridas. Pero non vemos intención de revisar ese acordo por parte da Unión Europea.
Cando nós pedimos que pasen das palabras aos feitos, o que lle pedimos aos países é que rompan relacións diplomáticas con Nicaragua. Sentimos que a comunidade internacional non estivo á altura e que o réxime continúa actuando con total impunidade.
En moitos sectores sorprende que un movemento como o sandinismo e a propia figura de Daniel Ortega chegasen a esta situación. Como se explicaría esta "deriva"?
"As persoas que hoxe dirixen o país non son representativas dese sistema de valores que encarnaba o sandinismo"
Eu penso que Daniel Ortega é un bo reflexo de que poder atopar grandes ambicións en calquera ideoloxía. E penso que el non representa aquel proxecto revolucionario, aqueles ideais, aqueles valores cos que nós fomos loitar contra a ditadura de Somoza, os valores polos que defendemos a revolución: un pobo educado, libre e soberano. As persoas que hoxe dirixen o país non son representativas dese sistema de valores que encarnaba o sandinismo.
Ortega chegou ao extremo de establecer en Nicaragua un sistema corporativista, facendo un pacto co gran Capital e coa Igrexa. Ortega é hoxe en día o maior representante do capitalismo e da extrema dereita, porque ten un modelo económico extractivista que arrebata as terras dos pobos orixinarios e dos campesiños para darllas ás grandes empresas que están acabando coa terra e a auga.
O teu caso persoal exemplifica estes cambios que se produciron no país nas últimas décadas, dende loitar contra a ditadura de Somoza e a prol da revolución sandinista a ter que exiliarte no regreso do sandinismo ao poder. Como foi o teu traballo a prol dos dereitos humanos nestas décadas?
"Eu era unha adolescente aínda durante a ditadura de Somoza. Naquel tempo eu rebeleime e convertinme en líder estudantil porque viamos que os líderes políticos eran asasinados, que se abusaba das campesiñas... E agora é como se estivésemos vivindo unha película que xa vimos hai varias décadas"
Naquel tempo eu rebeleime e convertinme en líder estudantil porque viamos que os líderes políticos eran asasinados, que se abusaba das campesiñas...
En 1979 triunfou a revolución e logramos sacar o ditador e eu involucreime no proceso revolucionario: fun á cruzada de alfabetización, conformei organizacións de mulleres, loitei polos dereitos das mulleres campesiñas, indíxenas e tamén do estudantado; eu participei tamén na transformación curricular das universidades para que houbese ese vínculo pobo-universidade; tamén colaborei no desminado de moitas zonas nas que foran colocadas miles de minas; tamén pelexei por un gran número de leis que protexesen as mulleres.
Eu era unha adolescente aínda durante a ditadura de Somoza e agora é como se estivésemos vivindo outra vez unha película que xa vimos hai varias décadas.