Estado de emerxencia en Gaza

Inundacións en Gaza © http://diariodepalestina.prazapublica.com/

Diario de Palestina salienta as consecuencias provocadas nos territorios ocupados polas fortes tormentas dos últimos días, que deixaron Gaza sen electricidade, ante a inacción da comunidade internacional

Mentres as cidades se enchen de luces e postais de paisaxes brancas, baléirase a orixe do mito. As tormentas destes días provocaron que Gaza estea sen luz e que un manto branco cubra Palestina, Xordania e Siria. As imaxes son idílicas: o portal de Belén branco para estas datas tan especiais e as árbores lucindo grilandas de estalactitas postas para a ocasión. Porén, tras esas panxoliñas está xente descalza e con frío, moito frío, como relata o xornalista de Gaza Mohammed Omer nun artigo que recolle no seu blog Rafah Today:

"Vai frío, non hai electricidade e estou cargando o meu ordenador usando a batería dun coche para mandar esta mensaxe. Vai tanto frío en Gaza que todo o mundo ten os pés e o nariz fríos"

Vai frío, non hai electricidade e estou cargando o meu ordenador usando a batería dun coche para mandar esta mensaxe. Vai tanto frío en Gaza que todo o mundo ten os pés e o nariz fríos. Unha tormenta máis está a bater neste enclave asediado. Non hai electricidade e a escaseza de auga, gasolina e servizos básicos significan que a xente non fai máis que sentar e agardar o descoñecido.

Ducias de casas no Este da cidade de Gaza, no Norte da Faixa de Gaza, en Jan Yunes e Rafah están inundadas, hoxe, pola choiva. O sistema de sumidoiros non funciona e os concellos de Gaza anunciaron o estado de emerxencia. Os escolas e a maioría das tendas están pechadas; non hai tráfico e pouca é a xente que camiña polas rúas. Os camións de lixo da cidade de Gaza están paralizados por mor da continua falta de abastecemento de gasolina. Afixérame ao camión de cor laranxa brillante que adoita pasar, tocando o pito, como sinal para todos os meus veciños de sacar o lixo para a recollida.

"Agora o burro é a única esperanza que nos queda. Dende a semana pasada, cando o abastecemento de gasolina se esgotou, o único son que se escoita é o clic-clic dos seus pezuños arrastrando os carros, polo camiño, ás 4 da mañá"

Agora o burro é a única esperanza que nos queda. Dende a semana pasada, cando o abastecemento de gasolina se esgotou, o único son que se escoita é o clic-clic dos seus pezuños arrastrando os carros, polo camiño, ás 4 da mañá. Contra o mediodía xa recolleron canto puideron nesa ruta tan transitada. No barrio de Barcelona, en Gaza, os contedores de lixo están ateigados –un feito normal dende que a gasolina se esgotou.

Baixei parolar con Abu Ghaleb, que ten 41 anos. Só, no seu carro de burros, non hai xeito de que Abu Ghaleb sexa quen de limpar todas as rúas de lixo. Un home tímido e delgado, a súa única preocupación e recoller sacos de lixo, que amorea no carro, logo baleira e continúa ata a seguinte morea. Antes da crise, Abu Ghaleb vendía dátiles no seu carro, chamando os clientes co seu altofalante. É un negocio que non dá para moito, sobre todo cando a xente recibe os seus salarios con retraso e non pode mercar dátiles, que comezan a estragarse no carro.

Como o concello de Gaza non pode mercar o petróleo tan caro israelí, paga a 450 persoas, que traballan con 250 burros, para que ordenen as moreas inmensas de lixo antes que os riscos para a saúde crezan

Agora, a única opción que ten Abu Ghaleb é recoller lixo, co que gaña uns 200$ ao mes, non moito para alimentar a familia e o burro. Pero, cando menos, non perde o bo humor sobre a situación. Dime, sorrindo timidamente: “A crise da gasolina serve para que a xente coma min teña un traballo polo menos”. Como o concello de Gaza non pode mercar o petróleo tan caro israelí, paga a 450 persoas, que traballan con 250 burros, para que ordenen as moreas inmensas de lixo antes que os riscos para a saúde crezan entre o 1’8 millóns de civís gazatís, asediados por Israel.

Despois de recoller moreas de lixo e encher o carro ata non caber máis, Abu Ghale, canso, escúsase. Estou case seguro de todo de que non o verei durante varios días, porque está moi solicitado. Así que, a única opción que teño é topar un lugar onde botar o lixo dende o meu apartamento. O cheiro xa é insoportable. Na rúa 8, na cidade de Gaza, vou cara unha nai e a súa filliña nun carro tirado por un burro. Gustaríame saber se está a facer un traballo parecido ao de Abu Ghaleb e levando a filla con ela. Mais deseguido aprendo que gaña a vida, e mantén os oito fillos, reciclando desperdicios caseiros. Pode usar plástico para cubrir unha fiestra rota ou un marco vello para improvisar pezas de moblería. 

O petróleo non pode entrar Gaza a través dos túneles de abastecemento que pechou o novo goberno de Exipto. Por mor diso, a planta de tratamento de auga está paralizada

Non temos auga corrente dende hai dous días, cando non hai gasolina a auga non chega con regularidade ás casas. O tanque na nosa terraza está baleiro, así que nin podemos abrirlle á cisterna no baño. O petróleo non pode entrar Gaza a través dos túneles de abastecemento que pechou o novo goberno de Exipto. Por mor diso, a planta de tratamento de auga está paralizada, con augas residuais nalgunhas rúas e anegando as casas de Gaza, traendo ratas e enfermidades.

O conflito político entre Hamás e os seus opoñentes –Israel e a Autoridade Palestina dunha banda, e o réxime exipcio doutra- está a afectar a vida de todos aquí. Segundo as Nacións Unidas, Turquía doou 850.000$ para aliviar a crise. Porén, polo que ouzo no concello, isto non representa máis que unha pequena pinga nun gran balde. Os 16.700 litros de gasolina que recibiu a cidade de Gaza só han durar uns días. Fontes oficiais din que a Faixa de Gaza precisa de 150.000 litros ao mes só para os camións do lixo.

Esta noite, o cheiro das augas residuais podres inúndame o nariz. Inhalo e exhalo o fedor de lixo podre. O aire da noite énchese deste cheiro asfixiante e polo día só podo agardar que Abu Ghaleb pase co burro e o carro tratando de levar tanto como poida. Fai que me pregunte se o secretario de estado estadounidense, John Kerry, sabe da situación en Gaza. Sería admisible que os cidadáns israelís vivisen baixo as miñas condicións cós gazatís? Ou é que en Gaza non contamos como humanos?

Fai que me pregunte se o secretario de estado estadounidense, John Kerry, sabe da situación en Gaza. Sería admisible que os cidadáns israelís vivisen baixo as miñas condicións cós gazatís? Ou é que en Gaza non contamos como humanos?

Deambulo pola rúa para ver que fan os outros. Abu Karim senta no seu supermercado, coa porta pechada, incapaz de soportar o fedor. Un dos seus veciños tratou de minguar o cheiro queimando o seu lixo, e agora o aire da noite está cheo de fume amais dun cheiro nauseabundo a plástico queimado. O simple feito de respirar é incómodo e sei que como queira que trate de describir este caos aos lectores do Washington Report, non podo facer xustiza á crise actual.

O meu amigo Richard Falk, reporteiro especial da ONU, describiu a situación en Gaza como próxima ao catástrofe. Só podo esperar que quede no nivel de “próxima”, que é unha crise dabondo, sen que empeore máis. Mentres as crecidas continúan a invadir as casas da xente, Abu Ghaleb, e incluso o seu burro, entende terrible situación á que se enfronta a xente de Gaza. Unha situación que os líderes políticos non poden, ou non queren, captar.

Inundacións en Gaza © http://diariodepalestina.prazapublica.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.