"Estes días descubrín que se alguén quere informar, ten que moverse e non pensar tanto en redaccións"

Héctor Juanatey, no Sahara © Héctor Juanatey

Hai uns días o xornalista galego Hector Juanatey marchou para o Sahara, para os campamentos de refuxiados de Tindouf, co obxectivo de elaborar unha serie de reportaxes e entrevistas dende alí, ver e contar a realidade que alí viven milleiros de refuxiados perpetuos, un pobo sen terra e sen país. Para financiar a súa viaxe Héctor puxo en marcha unha campaña de crowdfunding, ofrecéndolles a medios e lectores enviarlles en exclusiva os textos que alí escribira. Non tivo sorte cos medios, pero a iniciativa xerou un grande interese entre os lectores, que pagaron con creces os custes da viaxe. E alí foi, ao deserto, a pesar do medo que lle dan os avións, e sen saber o que ía atopar.

Falamos con Héctor Juanatey (El Diario, Público, La Sexta Columna, e tamén colaborador de Praza) dende o Sáhara, onde segue redactando informacións que polo de agora só os lectores que fixeron algunha achega poden ler no seu blog.

Para financiar a súa viaxe Héctor puxo en marcha unha campaña de crowdfunding, ofrecéndolles a medios e lectores enviarlles en exclusiva os textos que alí escribira

Como nace a idea desta viaxe?

Cando quedo sen traballo, en abril, comezo a darlle voltas á idea de facer algo fóra de España. De aproveitar o momento para viaxar e coñecer e escribir sobre o que acontece noutros lugares. Vin entón que este ano se celebraba a décima edición do Festival Internacional de Cine do Sahara, o FiSahara, e pensei que sería unha boa oportunidade para comezar unha nova etapa como xornalista. Para asistir ao Festival, se ben hai medios convidados, precisaba 700 euros para financiar a viaxe, unha cantidade da que non dispoñía. Eu coñecía desde hai un tempo o que facía Jordi Pérez Colomé, un xornalista que foi cubrir as eleccións estadounidenses e logo a Israel e Palestina financiándose a través dun crowdfunding. Sabía que podería saír mal, pero o non xa o tiña, así que me lancei a probar o mesmo método. Pedín 1000 euros, que cubrirían os 700 da viaxe, impostos e outros gastos. Por sorte, saíu ben e en apenas cinco ou seis días xa recadara o que pedira, incluso máis do previsto.

Como foi o proceso de crowdfunding? Que tipo de contidos lles ofreces ás persoas que te apoiaron?

Primeiro contactei con xornalistas amigos para que me guiaran un pouco, sobre todo con Jordi, que me deu bastantes pistas sobre como orientalo. Ao principio tiña algo de medo de cara aos contidos que ofrecer, xa que non sabía se a xente pagaría por recibir na casa informacións redactadas desde alí. Pero non podía ofrecer outra cousa, xa que ese é o meu traballo. Establecín cinco tipos de recompensas: as persoas que pagaran cinco euros serían mencionadas nos agradecementos do blogue; as que pagaran dez terían acceso a entradas pechadas no meu blogue; as que pagaran vinte terían acceso ás entradas pechadas e a informacións aparte; e as que pagaran cincuenta acceso a un texto máis elaborado e longo no que narrarei todo o que vivín alí. Tamén existía a opción de que poñer cen euros para os medios que quixeran ter unha cobertura desde alí, aínda que non tivo ningún éxito esta última alternativa.  

"O ministro de Cooperación da República Árabe Saharaui Democrática admitiu que xa están a recibir presión da xuventude, que lles propuxeron mesmo unha sorte de ultimato: ou o Polisario conseguía xa o referendo para lograr un Sahara libre ou loitarían"

Hai solución para o pobo saharauí?

É difícil aventurar unha solución, pero alí non perden a esperanza. Unha das amigas da familia que me acolleu, parlamentaria durante once anos, contounos que non crían que se fose solucionar a curto prazo, pero que non se podían permitir perder a ilusión. O conflito leva tempo estancado, pero a xente non perde as ganas de loitar. Nótase, ademais, que a xente nova comeza a esgotarse de que non haxa avances. O ministro de Cooperación da República Árabe Saharaui Democrática admitiu que xa están a recibir presión da xuventude, que lles propuxeron mesmo unha sorte de ultimato: ou o Polisario conseguía xa o referendo para lograr un Sahara libre ou loitarían.

"Outra das cousas que me sorprendeu foi que sempre saúdan, tanto se te coñecen coma se non. Camiñabas polo campamento e todas as persoas que se cruzaban contigo achegábanse a darche a man, a preguntar como estabas"

Como é ese pobo? É unha sociedade rica, viva?

Pois xusto agora, que respondo a estas cuestións, Chibla, a muller que me acolleu na súa casa, acábame de chamar para ver como estaba. Caracterízanse por unha amabilidade extrema. Estivemos na súa casa durmindo, almorzando, comendo, ceando... Fora a hora que fora, e nunca tiveron un mal xesto, ao contrario. Outra das cousas que me sorprendeu foi que sempre saúdan, tanto se te coñecen coma se non. Camiñabas polo campamento e todas as persoas que se cruzaban contigo achegábanse a darche a man, a preguntar como estabas. Aquí perdemos ese costume, de feito desenvolvemos métodos para non facelo, como baixar a cabeza ou cruzar a rúa. Ves a vida que teñen alí e poderías entender que fosen máis remisos, pero en absoluto. A outro nivel, do pobo saharauí destacaría que é unha sociedade matriarcal. Ogallá aquí os tomásemos como exemplo nese sentido.

Como reciben a un xornalista coma ti?

Mellor que nunca. Responden a todas as cuestións, mesmo as máis íntimas. E nunca dubidan en axudarche se precisas algo. Se tes que entrevistar alguén que se atopa a moita distancia ou tes medo a perderte, eles acompáñante, están sempre pendentes de que poidas facer o teu traballo. Neste aspecto, quedo sobre todo con Ahmed, o home que se encargaba da sala de prensa. Os xornalistas obrigabámolo a pasar o día metido alí, entraba as oito ou as nove e saía as dúas da mañá se era necesario. Como xornalista, non tiven ningún impedimento.

"España mirou cara a outro lado cando Marrocos bombardeou con napalm e fósforo branco os saharauís"

Mira España cara a outro lado, esquecendo a súa responsabilidade neste conflito?

España mira cara a outro lado desde os terribles Acordos Tripartitos de Madrid, cando entregou, co mal que soa a palabra, o Sahara a Marrocos e Mauritania. Mirou cara a outro lado cando Marrocos bombardeou con napalm e fósforo branco os saharauís. Mira cara a outro lado cando se descobren fosas comúns preto do muro da vergoña que levantou Marrocos cos restos de persoas que levaban enriba o DNI español.

"A crise alí nótase moito. A cooperación, por exemplo, coa escusa da crise económica, viuse enormemente reducida"

A crise fainos máis conscientes do sufrimento e das necesidade doutros pobos, coma o Saharauí, ou camiñamos cara a un 'sálvese quen poida' e o efecto é o contrario?

Penso que se alguén é consciente do sufrimento dun pobo ten que selo haxa unha crise ou non. Si que é verdade que a crise alí nótase moito. A cooperación, por exemplo, coa escusa da crise económica, viuse enormemente reducida. Se xa en España diminuíron todo tipo de axudas sociais, no Sahara a historia multiplícase. España, agora, apenas lles dá visados a saharauís que precisan operarse aquí. Desde o Polisario din que pode ser pola reforma sanitaria. Alí coñecín dous casos concretos moi duros: o dun neno de dous anos e medio que se non é evacuado a España pode morrer e non consegue o visado; e o doutro rapaz que ten que vir facer unha revisión a Ourense e necesita unha invitación do propio Hospital porque se non, tampouco obtería o visado.

En que cambiou a túa visión do Sahara estando alí? 

Ir alí serviume para ver in situ como é a vida nun campamento de refuxiados saharauí. Dende fóra podes tratar de comprender como é, pero precisas ir para saber exactamente como viven. O máis incrible foi chegar e ver que realmente teñen toda unha comunidade, en Dajla viven 27.000 refuxiados, organizada no medio do deserto. Difícil de imaxinar.

Como ves o presente e o futuro do xornalismo en España?

Borroso, e sen cartos para mercar unhas lentes.

"No Sahara compartín días cun xornalista que cobraba menos de cincuenta euros por peza. O noso traballo vale máis cartos que eses. Hai que reivindicarse"

E o dos xornalistas?

Estes días descubrín que se alguén quere informar, ten que moverse e non pensar tanto en redaccións. Pero todo depende un pouco dos medios e da xente que os leva. No Sahara compartín días cun xornalista que cobraba menos de cincuenta euros por peza. O noso traballo vale máis cartos que eses. Hai que reivindicarse. Se non fixera o crowdfunding e pagara os 700 euros do meu peto, agora mesmo non tería recuperado nin o 25%. Cal é a solución? Non o sei. Polo de agora, seguir experimentando. O crowdfunding saíu ben. Haberá que buscar o modo de usalo, ou algo similar, e ademais gañar para vivir.

Que aprendiches nesta viaxe?

Sobre todo, a importancia da resistencia e a de manterse unidos.

Héctor Juanatey, no Sahara © Héctor Juanatey
Vista dende o hospital de Dajla © Héctor Juanatey
O Sahara © Héctor Juanatey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.