FSM 2013: "Túnez ensínanos que nun certo momento hai que liberar o terreo e deixar espazo a novas forzas"

Imaxe do FSM 2013 celebrado en Túnez Dominio Público Praza Pública

O Foro Social Mundial pechou a súa novena edición este sábado con 50 mil participantes e un balance "moi positivo", en palabras do historiador Eric Toussaint. O activista belga salienta que nas distintas actividade e debates do Foro "se deu unha forte participación tunecina". Recoñece que o FSM "vive unha certa crise dende hai algúns anos", sobre todo no que respecta ao seu Consello Internacional, "con dificultades enormes para atopar unha nova dinámica". Pero ao mesmo tempo, destaca que o Foro Social "se mantén como o único lugar e marco mundial onde se atopan os movementos sociais". Toussaint engade que a mobilización da sociedade tunecina achegou "aire fresco e renovación a este espazo internacional" pois "o Foro Social ao entrar en contacto cunha sociedade en movemento produce unha reacción química, unha interacción sumamente interesante".

Finalmente, Eric Toussaint expresou o seu desexo de que o vindeiro FSM se volva celebrar no Magreb, por exemplo en Exipto: "Exipto vive unha situación totalmente eléctrica cun movemento sindical proporcionalmente máis forte no sector industrial que en Túnez e cun campesiñado moi golpeado polas políticas neoliberais do Banco Mundial e a privatización das terras. E como resposta á certa parálise que enfronta o Consello Internacional del FSM, Toussaint, despois de lembrar que hai "unha serie de forzas moi institucionalizadas que xestionan a marca do Foro Social Mundial segundo os seus intereses, sinalou que "o que Túnez nos ensina é que nun certo momento hai que liberar o terreo e deixar espazo a novas forzas".

Toussaint tamén destaca o éxito da Asamblea dos Movementos Sociais celebrada o venres. Esta asemblea aprobou unha Declaración que afirmou "a achega fundamental dos pobos do Magreb-Mashreck (dende a África do Norte até o Medio Oriente) na construción da civilización humana" e reclamou a "descolonización dos pobos oprimidos". A declaración denunciou as medidas de austeridade que "afectan con intensidade aos países más ricos do Norte, aumentan as migracións, os desprazamentos forzados, os desaloxos, o endebedamento, e as desigualdades sociais como en Grecia, Chipre, Portugal, Italia, Irlanda e no Estado Español.

A declaración pronunciouse contra as multinacionais e o sistema financeiro (o FMI, o BM e a OMC), pola anulación "da débeda ilexítima e odiosa que hoxe é instrumento de represión e asfixia económica e financeira dos pobos", pola xustiza climática e a soberanía alimentar "porque sabemos que o quecemento global é resultado do sistema capitalista de produción, distribución e consumo", contra a violencia cara as mulleres, polo dereito dos pobos á súa autodeterminación e á súa soberanía "como en Palestina, Sahara Occidental e o Kusrdistán", e pola "democratización dos medios de comunicación de masa e pola construción de medios alternativos, fundamentais para inverter a lóxica capitalista".

Pola súa banda, Ricardo García Zaldívar, presidente de Attac España, chamou a atención sobre algúns dos temas tratados no Foro, coma a bancarización, a débeda externa, ou a reacción contra as medidas de austeridade. 

Imaxe do FSM 2013 celebrado en Túnez Dominio Público Praza Pública
Imaxe do FSM 2013 celebrado en Túnez Dominio Público Praza Pública
Imaxe do FSM 2013 celebrado en Túnez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.