Galicia, sen voz no mundo?

O informe alerta dos intentos de suprimir a acción exterior das autonomías © IGADI

O IGADI publica todos os anos o informe Nós no Mundo (We in the World), centrado na análise da acción exterior levada a cabo por Galicia. Nesta ocasión fai fincapé no anteproxecto de Lei de Acción e Servizo Exterior que promove o goberno central denunciando que se pretende limitar a proxección exterior das autonomías e relacionándoo con outros intentos de "baleirar de sentido o autogoberno". Na presentación do informe afirmase que en Galicia esa estratexia se concreta nun afrouxamento de todas as dimensións da proxección exterior que non garden unha estreita relación coa internacionalización económica ou a captación de fondos europeos. E denúnciase "o esquecemento doutras dimensións complementarias que achegan tamén posibilidades de enriquecemento da acción internacional incluso no eido empresarial".

O IGADI denuncia que se pretende limitar a proxección exterior das autonomías e relaciónao con outros intentos de "baleirar de sentido o autogoberno"

Xulio Ríos, director do IGADI, advirte no primeiro capitulo do informe, Fronteiras para a acción exterior, da incapacidade de resposta do servizo exterior central e da súa falta de adecuación aos novos temspo. Afirma que "o servizo exterior agravou as súas carencias co paso do tempo e nunca interiorizou a realidade autonómica do novo Estado (desenvolvendo mesmo unha actitude descualificadora respecto ao impulso exterior autonómico) nin a súa dimensión exterior asimilou de xeito suficiente, especialmente na estrutura, os cambios producidos na situación internacional ata nun ámbito tan próximo como a Unión Europea".

Xulio Ríos: "o servizo exterior agravou as súas carencias co paso do tempo e nunca interiorizou a realidade autonómica do novo Estado"

Ríos alerta de que "coa principal escusa da crise e a necesidade de establecer criterios racionalizadores, o goberno central ansía impor un corpiño á acción exterior das Comunidades Autónomas. Estas deberan limitarse a ser comunidades cara dentro, pero non cara fóra". E pregúntase "ata que punto esta política obedece a unha estratexia anticrise ou responde a imperativos doutra naturaleza", salientando que "esta é unha vella teima que non se explica unicamente polo afán de poñer trabas á internacionalización deste conflito". Ríos sinala que o que se suxire para as CCAA "non se aplica ao sobredimensionamento e hipertrofia que padece o servizo exterior do Estado en numerosos países, produto dunha realidade marcada pola inercia sumada á necesidade de atopar destinos preferentes e ben retribuídos a altos funcionarios ou autoridades en vía de retiro da vida política mais activa".

"Coa principal escusa da crise e a necesidade de establecer criterios racionalizadores, o goberno central ansía impor un corpiño á acción exterior das Comunidades Autónomas"

O director do IGADI reivindica que é "importante" admitir e recoñecer o dereito das CCAA a desenvolver unha acción exterior acorde ás súas necesidades. e sinala que é "unha cuestión de responsabilidade, non de xogar a ser un mini-Estado". Conclúe que "o Estado debe contar con instrumentos para xestionar certas políticas exteriores a través das CCAA. Esa retroalimentación e sinerxía reflicte unha autentica vontade integradora". Para Ríos carece de sentido "reducir a acción exterior a unha política subsectorial ou diplomacia económica, especialmente no caso das nacionalidades históricas" e engade que "a cultura, a diáspora, etcétera., son variables a incorporar nesta dimensión evidenciando a transversabilidade dunha política que perde consistencia se non é integral.

O informe presenta outros dez estudos de moi variadas perspectivas: Galiza nos mercados comerciais externos (Xan L. Facal), Galicia e o dilema de Bruxelas (Celso Cancela), A sociedade reborda a atolada política eurorrexional (David Reinero, Iago Martínez), O anovamento xeracional na Galicia exterior (María Xosé Porteiro), Carencias da información internacional no declive do xornalismo. Alternativas desde a óptica galega (Luís Menéndez), O caso do Prestige e a diplomacia de desastres (Alvaro López Mira), O Gaiás, unha plataforma para internacionalizar a cultura (Beatriz G. Loroño), 25 anos do Programa Erasmus (Anselmo Seoane), Galiza na lusofonía sindical (Xosé Ramón Boán González), Quince anos do Fondo Galego (Daniel González Palau) e A acción exterior da Igrexa galega (Victorino P. Prieto).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.